Naceu en Pontevedra en 1992, e criouse entre o Morrazo e Lugo. Estudou Comunicación Audiovisual en Pontevedra e o master en dirección de cine da ESCAC en Barcelona. Agora vive en Teis (Vigo) e segue aberta a seguir movéndose, mais sempre cun pé na casa. Aínda que acaba de presentar a súa primeira longametraxe e iso convértea en directora de cine, prefire non poñerse moitas etiquetas «sobre todo porque unha fai moitas cousas para sobrevivir, dende escribir e dirixir ata editar ou facer axudantías ou auxiliarados de dirección noutros proxectos».

Está un pouco cansa de que sempre se destaque a súa idade e o seu xénero cando se fala de “A estación violenta”, o proxecto que produciu Daniel Froiz (“As altas presións”) a partir da adaptación libre dunha novela de Manuel Jabois, e no que, malia ser unha encarga, deixa unha gran marca autoral. «Ás veces penso que a xente esaxera co tema da miña xuventude e en xeral moita xente infravalora ás creadoras e creadores da miña idade», lamenta, «a miña experiencia dirixindo “A estación violenta” serviume para reafirmarme nesta idea: ser nova non é ningunha tara, teño menos experiencia, por suposto, pero teño outras cousas que achegar ao proxecto.»

Aínda que empezou facendo unha webserie, “Fame”, cando aínda estudaba Comunicación Audiovisual, isto foi circunstancial. «Non son unha persoa que estea ao tanto das últimas tendencias en internet, nin das últimas tecnoloxías, sempre ando un pouco por detrás nese sentido. Pero non descarto nada, pode que volva á ficción para a web, dependerá do proxecto e das portas que se abran a partir de agora». ¿Vese como unha cineasta consolidada no futuro?  «Se te pos a pensar que dentro de dez anos poderías estar dirixindo un proxecto con máis presuposto e vivir diso podes terminar por obcecarte e perder oportunidades polo camiño, se cadra monto unha empresa de produción ecolóxica de mazás e tan feliz. Non sei nin onde vou estar dentro dun ano», explica.

Si que sabe cales serán as súas ocupacións máis inmediatas mentres agarda a que A estación violenta siga o seu percorrido por festivais e atope data de distribución. «Estou rematando unha pequena peza que gravei en setembro durante o Chanfaina Lab de San Sadurniño e traballo xunto a Silvia Fuentes, Iria Silvosa e Lucía Estévez nunha peza documental. Iso é o máis inmediato, aínda que tamén comezan a ferver ideas para poñerme a escribir.» Tamén está metida no mundo da música e ten un grupo de punk: «chamámonos Contenedor de Mierda, pasámolo moi ben tocando e ata o de agora non nos vai mal, facemos temas sen parar e damos bastantes concertos.»

No entanto, formula os seus desexos para o panorama do audiovisual galego: «Gustaríame que non fose tan complexo financiar os proxectos, que non fose tan inaudito que a xente nova acceda ao traballo profesional e que non fose noticiable que unha muller dirixa unha longa. Gustaríame que todo iso se normalizase.»

Podemos seguila na súa web:  www.anxosf.com