Laura Iglesias Vázquez (Lugo, 1993)  actriz e cantautora. Podemos descubrir estas dúas facetas na película “A estación violenta” de Anxos Fazáns, na que interpreta a Daniela, unha personaxe que se enfronta á precariedade e a non saber moi ben que quere facer da súa vida. Daniela canta na película a canción Azulejos, composta por Laura LaMontagne, nome artístico en homenaxe ao cantautor norteamericano Ray LaMontagne. «Gustábame tanto que quixen quedar co seu apelido, non só pola súa fonética, por como o pronunciaba o propio Ray LaMontagne, senón pola coincidencia de que naqueles anos o que máis me gustaba era a montaña.»

Aqueles anos eran os anos nos que estudaba en Santiago o grao en Lingua e literatura inglesas. Gústanlle os idiomas e viaxar e vese traballando nalgo relacionado con iso mentres segue a explorar a música, a interpretación e a poesía. «Dentro da poesía entra a interpretación, a improvisación e o teatro. Aprendín a apreciar todo isto e a practicalo nos recitais que se organizan en Caldeireria 26 en Santiago, no que unha podía ser libre para mesturalo todo».

E así acabou traballando no cine, pero por total casualidade, comenta: «A miña irmá, Sara Iglesias, que tamén está metida no audiovisual, levaba a cabo os castings de “A estación violenta” e, coñecendo a historia, díxome que ela tíñame na cabeza para o papel. Eu asusteime e tomeina por tola, porque nunca actuara na miña vida. Probei a facer os castings, cando non estaba ela, e parece que lle gustei ao resto do equipo. Tanto que cando o produtor me chamou dixo que vira a película completa cando viu a última proba que fixen con Alberto Rolán. Quedei moi contenta cando escoitei iso, pero aínda non me acababa de verme como actriz ata que por fin vin a estrea en Sevilla.»

Fala do SEFF, onde se presentou a película de Fazáns hai unhas semanas, na sección Resistencias. E coincidiu que Laura andaba por Andalucía, é unha namorada desa terra e botou un tempo vivindo en Granada para empaparse de flamengo e da poesía de Lorca, buscando influencias para os seus proxectos musicais e audiovisual. Agora, de volta na casa familiar, está a dixerilo todo e a pensar no seu próximo destino: «Sei que non pararei moito en Lugo. O mundo é demasiado grande como para quedarse quieta.»

Por agora xa ten plans para unha nova rodaxe este mes na súa cidade natal, a dunha curta da súa irmá, Sara Iglesias, que é realizadora e tamén apareceu como actriz xunto con Laura no videoclip de Ataque Escampe “Papá borracho”, dirixido por Mar Catarina. «Quero comezar a traballar con ela porque son moi compatibles as visións que temos. E teño tamén unha idea para un poema de Lorca que constaría de música e imaxe, como unha curta pero musical, sen ser un videoclip».  De novo, a música e a imaxe atopándose e hibridándose nos intereses desta xeración de creadoras audiovisuais que lle dan un pouco a todo.

«Píllasme en proceso de crear un espazo en internet, unha web onde poder organizar todas as ideas de música e vídeos que teño, pero por agora está todo no forno», comenta. Di non ser moito de redes, pero podemos localizala por agora no Facebook de Laura LaMontagne.