No mundo da produción, unha das emerxentes que dará que falar é Silvia Fuentes, estradense do 90, formada en Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo e na Complutense. Foi probando distintos roles nos equipos de traballo da carreira como foi vendo que se sentía cómoda como produtora, e agora dedícase 100% a este labor.

«Por unha banda está a produción de proxectos nos que vou da man do director, habitualmente directora, dende as primeiras versións de guión ata a distribución. Nestes casos o meu rol é o de produtora como tal». Coa súa produtora Audiobeesual comezou facendo a webserie “Fame”, con Anxos Fazáns, e varias curtas e documentais. Pero tamén traballa en equipos de produción para otras empresas, como axudante ou xefa de produción. «Isto interésame especialmente pola cantidade de cousas que podes aprender vendo traballar a profesionais que levan anos no sector», asegura.

No último ano foi xefa de produción en “A estación violenta”, de Fazáns, e tamén en “Matria”, de Álvaro Gago, a curta que competirá no vindeiro mes no festival de Sundance. «Neste último ano aprendín máis que nos anteriores tres xuntos, por ter traballado con diferentes produtores, xefas de produción, directoras de produción, etc.»

E segue imparable o seu traxecto como productora. «Xunto con Anxos, Iria Silvosa e Lucía Estévez estamos coa edición dun documental sobre o poeta lisboeta Antonio Osorio, que comezaremos a distribuír para comezos do próximo ano. Tamén comezaremos coa distribución da segunda curtametraxe de Lucía Estévez, “Sendeiro”.» O seguinte paso, recoñece, sería levar adiante unha longametraxe. «Pero é un paso que non teño presa por dar. As cousas con boa enerxía e ao seu tempo.»

Está especialmente orgullosa das creadoras audiovisuais da súa xeración, e esta «é unha das razóns polas que estou tan feliz co meu traballo. Directoras como Lucía Estévez e Beatriz Vilariño, coas que traballo e ás que admiro. E logo nomes como Ángel Filgueira, Nacho Ozores, Marta Valverde, Iria Silvosa ou Sara Iglesias forman parte do meu día a día de traballo, somos da mesma xeracións e funcionamos moi ben xuntos.»

Máis alá da xente coa que adoita traballar, di estar «moi namorada de “Dhogs”. E de Lucía, Andrés, Suso, Laura e todos os que levantaron o proxecto. Tamén sigo o traballo dos Porco Bravú, aínda que estou pendente de ver “Peter Brandon”, e tamén cousas máis bizarras e molonas como o que fixeron as Also Sisters con “A historia dun satélite”.» Do audiovisual galego na actualidade bota de menos ficción en galego para televisión que lle poida interesar a ela e á súa xeración.  Mentres, o seu consumo televisivo faino por internet, nese sentido «son unha millennial de libro»

Podemos seguila «na vida virtual en silviafuentes.com. Tamén teño Facebook e Instagram».