Por primeira vez a Academia integrou este ano na súa estrutura de persoal o posto de dirección, unha figura encargada de liderar o traballo nas distintas liñas que ten abertas a institución e de formular novas estratexias a medio e longo prazo. A persoa designada a finais deste verán para asumir este papel foi Miguel Mariño. 

Nacido na Coruña, Mariño pertence á primeira promoción de produtores que saíron da Escola de Imaxe e Son, compañeiro de clase de Alfonso Zarauza, Paula Fernández ou Alfonso Blanco. Tamén foi alumno do Máster de Produción e Xestión Audiovisual da Voz. Comezou traballando en produción eno departamento de desenvolvemento de diferentes produtoras, tanto en producións modestas como en proxectos internacionais e iso facilitoulle, cos anos, a transición cara a produción e dirección da súas propias obras.  Desenvolveu proxectos artísticos en  Londres, Berlín e México e é o primeiro cineasta que recibiu bolsa nas dúas liñas de axudas do MAC.  En outubro cumpríu corenta anos e entrou a traballar na Academia.

Fotos: Tamara de la Fuente

Acabas de asumir un posto que non existía ata agora. Inicia este nomeamento unha nova etapa na Academia?

As diferentes xuntas directivas que rexeron o rumbo da Academia desde que foi creada hai quince anos sempre traballaron cunha folla de ruta marcada polos seus estatutos. Nesta nova etapa que se abre coa miña incorporación ao equipo, como non podería ser doutra forma, os fins e obxectivos xerais continuarán sendo os mesmos: apoiar e fortalecer o desenvolvemento, o coñecemento e a promoción do noso sector. Parte das miñas responsabilidades pasan por definir estratexias que poidan responder con garantías a esa vocación transformadora a medio e longo prazo que a actual xunta directiva pretende para esta nova etapa. É un verdadeiro privilexio ter a oportunidade de poder poñer os meus case vinte anos de experiencia ao servicio do sector audiovisual galego no seu conxunto. É unha gran responsabilidade que asumo con entusiasmo.

En que obxectivos se pode condensar o proxecto da Academia para os próximos anos? Cales son as liñas de traballo? E as prioridades?

Na miña opinión, calquera deseño de estratexias debe partir dende unha análise que determine e defina as problemáticas e carencias ás que nos enfrontamos. Poñer en marcha este proceso de avaliación e diagnose é todo un reto en si mesmo, pero é un paso necesario para que calquera acción, proxecto ou plan que poñamos en marcha parta cunha base sólida.

A grandes rasgos as liñas de acción nas que estamos a traballar están orientadas a incentivar e promover estudos e informes que nos axuden a reflexionar sobre a nosa situación actual; activar programas formativos a todos os niveis, priorizando a formación cualificada para profesionais; ou articular e impulsar a colaboración con todos os axentes que desempregan un papel relevante no noso ecosistema audiovisual e cultural, prestando especial atención a todos aqueles proxectos que nos permitan participar de redes internacionais. Pero se tivese que resumir e condensar os principios nos que se asentan as diferentes liñas de traballo, entón tería que mencionar a promoción da identidade, o fomento da creatividade e o desenvolvemento do talento como bases prioritarias dende as que estamos a construír.

Existe ademais  un problema que afecta transversalmente ao noso sector, dende o audiovisual máis industrializado ao Novo Cinema Galego. A porcentaxe de mulleres é moi inferior á dos homes. Visibilizar e prestixiar o traballo das nosas creadoras e técnicas é a liña mestra que está presente en todas as políticas de acción da Academia.

«A ACO é un dos novos proxectos da Academia que verá a luz nos primeiros meses do 2018, coa misión de apoiar o talento e tecer redes de colaboración entre profesionais, coas institucións e tamén cara a fóra»

En que consistirá a Oficina de Cooperación Audiovisual?

A ACO é un dos novos proxectos da Academia que verá a luz nos primeiros meses do 2018. O espirito da iniciativa, o motor que a botará a andar e que impulsará o seu desenvolvemento futuro non é outro que o apoio ao talento. Promover a creación de redes profesionais e fortalecer a colaboración entre creadores, produtoras e institucións públicas e privadas é un dos principais obxectivos vertebradores da oficina. Á ACO poderán achegarse proxectos cinematográficos de ficción e non ficción, formatos para televisión, proxectos de narrativas interactivas, transmedia, videoxogos e proxectos de corte máis experimental e artístico. Todos eles atoparán asesoramento profesional especializado nas áreas de desenvolvemento, busca de financiamento, produción, estratexias de difusión e promoción, así como a posibilidade de contar con asesoría fiscal, laboral e xurídica.

Máis a ACO tamén será a ferramenta da Academia para fomentar a cooperación do audiovisual galego co resto dos sectores que forman as industrias culturais: música, artes plásticas, teatro, edición, etc… sempre cunha intención de vincular o local ao global, algo que deixamos claro co propio nome da oficina ao establecer o xogo de palabras entre o acrónimo do inglés Audiovisual Cooperation Office e o adverbio galego que indica un lugar próximo ao que fala.

Cal cres que debe ser o papel dunha Academia coma esta no contexto do noso sector audiovisual?

Penso que as Academias en xeral, se para algo teñen sentido, é para funcionar como puntos de reflexión e análise, lugares que favorezan o encontro entre profesionais e que deberían integrar as vontades e os desexos de todo un colectivo, non só dos que están dentro. Neste sentido, as case catrocentas socias e socios cos que actualmente conta a Academia, fan que case todas as familias profesionais que forman o noso sector estean representadas polos afiliados. Pero, aínda que poidamos dicir con certo orgullo que proporcionalmente somos a Academia máis numerosa das que no Estado español hai dedicadas ao audiovisual, temos que ser conscientes tamén de que hai certos colectivos dentro do noso contexto profesional que non se senten representados pola institución.

Creo que unha das labores máis importantes que debemos afrontar é a de traballar para que o audiovisual galego no seu conxunto, sexan académicos ou non, sintan a Academia como un lugar útil, que expande e actualiza a nosa cultura cara ás futuras xeracións, cara aos segmentos de poboación non afíns e cara ao exterior.

Estamos nunha Academia que xunta profesionais do cine, da TV e doutros formatos audiovisuais marca. Como mínimo é unha peculiaridade no contexto de Academias de outros lugares. Que ten isto de vantaxe e que ten de oportunidade?

Imaxino que a decisión que levou a concretar o radio de acción da Academia como “Audiovisual”, en detrimento doutras fórmulas como por exemplo “Cine e Televisión” respondía a unha serie de características definitorias do noso sector no momento da súa creación. As empresas que daquela formaban o tecido industrial producían unha gran diversidade de formatos que non sempre tiñan como ventá de difusión a sala de cinema ou a televisión. Ante as diferentes posibilidades, optouse pola opción inclusiva. Se hai uns anos podería parecer como unha falla de madurez da propia industria, que non tiña produción dabondo para poder ter unha Academia de Cinema e outra de Televisión, na actualidade e coa profunda reconversión que está a vivir o sector, a definición de “Audiovisual” para unha Academia pode acabar sendo visionaria, vangardista e estratexicamente positiva, baixo o meu punto de vista. A popularización e desenvolvemento de novas tecnoloxías, que tamén propiciaron a aparición de novos formatos (recordemos que cando naceu a Academia aínda non existía Youtube) e a converxencia tecnolóxica fai que actualmente as grandes fronteiras que separaban o cinema da televisión e a televisión da web ou os videoxogos sexan cada vez máis difusas. Os propios espazos de exhibición tamén se están volvendo máis permeables e compartindo contidos. Pensemos, por exemplo, na relación cinema e museo vertebrada a través dos festivais.

Considero que non deberíamos ser conservadores neste sentido e apostar firmemente e con convencemento pola incorporación de todos aqueles formatos e expresións que existen dentro do noso ecosistema audiovisual contemporáneo, polos seus profesionais e polos seus creadores. Recuperemos o espírito fundacional da Academia, aquel que dun xeito natural optou por unir antes que por separar, bautizándose a si mesma como “Audiovisual”.

«Se hai uns anos sermos unha Academia “do audiovisual” podería parecer como unha falla de madurez da propia industria, que non tiña produción dabondo para poder ter unha Academia de Cinema e outra de Televisión, na actualidade esta definición pode acabar sendo visionaria»

Atreveríaste a facer unha análise DAFO moi sintética do sector audiovisual en Galicia?

Aproveito para insistir na idea de que a Fortaleza do noso audiovisual radica no talento dos nosos creadores: Oliver Laxe en cinema, Bambú producciones en TV, Gato Salvaje Studio en videoxogos, Carla Andrade no cinearte, son só catro exemplos, por certo, ningún deles académicos polo momento. Unha das nosas Debilidades é consecuencia directa dos baixos porcentaxes de consumo de cultura da nosa sociedade. Precisamos de políticas eficaces de estímulo da demanda. A gran Ameaza e a gran Oportunidade, xa non só para o noso audiovisual, senón que para o conxunto das industrias culturais, ten que ver para min cun mesmo asunto: a nosa lingua e cultura é o noso principal activo, e nos últimos anos non está sendo todo o atendida e protexida que debera, xa que as porcentaxes de uso, a presenza en medios de comunicación, en redes, etc… non para de descender. Aínda así, hai certas tendencias que debemos celebrar xa que está a medrar o número de longametraxes cunha clara vocación comercial feitas coa versión orixinal en galego.

Que cousas quedan por reivindicar aos poderes públicos?

Moitas son as áreas específicas do noso sector que aínda precisan de propostas concretas para mellorar. Nese sentido a Academia está traballando para ser un vehículo de consenso que poida articular todas esas demandas e proposicións colectivas e facérllelas chegar ás administracións públicas. De entre elas, unha serie de reivindicacións destacan pola súa urxencia, como son: a freada da caída do gasto destinado á cultura, o aumento na transparencia e eficiencia do investimento de cartos públicos, o cumprimento da Lei de igualdade coa garantía de que homes e mulleres accedan en condicións de igualdade aos fondos públicos e, por último, que as políticas destinadas ao audiovisual sexan sustentables a medio e longo prazo.

Como intúes que percibe a sociedade o traballo que facemos? Como se pode traballar mellor neste sentido?

É evidente que entre todas as nosas actividades, a que goza dunha maior popularidade son os Premios Mestre Mateo, pero ao contrario que outras Academias a nosa labor vai máis alá da celebración dos galardóns. Traballar cunha determinación clara de apertura ás diferentes dinámicas sociais e cunha difusión eficaz das nosas actividades é unha das prioridades desta nova etapa. Somos conscientes de que en ocasións podemos dar a sensación de ser un sector endogámico, pero non debemos esquecer que traballamos para que o noso labor chegue á sociedade.

«O panorama con respecto ao papel das mulleres no noso sector é preocupante e fan falla medidas urxentes.»

Nos últimos anos a Academia vénse destacando na reivindicación do papel das mulleres no audiovisual, que queda por facer neste ámbito?

Unha ollada á esclarecedora reportaxe “Audiovisual Galego, lonxe da igualdade de xénero” que Montse Dopico realizaba para os Papeis da Academia 2015 situaranos rapidamente nunha realidade na que, por exemplo, en toda a historia dos premios do audiovisual galego, dende os AGAPI de 1996 ata os Mestre Mateo do 2017, ningunha muller foi galardoada na categoría de son, iluminación e fotografía; dirección, guión e montaxe rondan o 10% respectivamente, pero a cousa cambia cando falamos de maquillaxe e perruquería, onde a pocentaxe de mulleres galardoadas situase arredor do 75%, chegando ao 100% no caso de deseño de vestiario. Os roles de xénero tradicionais non son algo do pasado e precisamos máis que nunca que as boas intencións se traduzan en accións eficaces para tentar lograr acadar unha situación máis equilibrada e paritaria. Máis non só o equilibrio nas porcentaxes é unha necesidade, senón que as prioridades tamén pasan pola reducción da brecha salarial e a mellora nas condicions laboráis. Nese sentido, a Asociación de Actores e Actrices, Escena Galega, a Mostra de Teatro de Cangas e a Academia levan involucradas nos dous últimos anos no impulso dun informe sobre as condicións sociolaborais da muller no sector cultural. Este informe estará elaborado polo Consello da Cultura Galega, financiado pola Xunta, e prestará especial atención ao ámbito das artes escénicas e audiovisuais. Aínda non se coñecen os resultados deste informe, pero creo que lamentablemente todos podemos imaxinar, sen medo a trabucarnos demasiado, por onde irán o sentido dos datos. O panorama é preocupante e fan falla medidas urxentes.

Tamén se ten abordado a cuestión da precariedade laboral. Camiñamos cara a unha mellora das condicións no sector ou hai que ser pesimistas?  Que pode facer ao respecto a Academia, que é ante todo unha asociación de profesionais?

Efectivamente, non somos un sindicato, somos unha asociación de profesionais, e como tal, entre os nosos obxectivos está o de traballar na procura dunhas condicións dignas para todos os traballadores do sector. A redución de orzamentos públicos e investimentos privados que trouxo a crise tivo a súa tradución directa nunha diminución drástica no número de producións e dos tempos empregados para a súa execución. Se a esta escaseza de traballo, que empurrou a moitos profesionais á vía do autoemprego (mal chamados emprendedores), lle sumamos, xa non a conxelación, senón a redución nos salarios, a ecuación dá como resultado inseguridade e inestabilidade. Non semella que esto vaia cambiar substancialmente nun futuro próximo, así que a labor da Academia pasa por estar alerta e denunciar de xeito público malas prácticas. Pero tamén achegar solucións contra a precariedade e propoñer iniciativas encamiñadas a mellorar as condicións laborais das traballadoras e traballadores do audiovisual, os seus réximes fiscais e as súas prestacións. Nesta liña, o pasado catro de outubro o presidente da Academia, Carlos Ares, comparecía no Parlamento do Estado ante a subcomisión encargada da elaboración do futuro estatuto dos traballadores da Cultura.

Por outro lado, isto non deixa de ser unha Academia, e nos últimos tempos tamén se puxo o foco na investigación audiovisual, coa creación dos premios María Luz Morales. Que papel xoga a investigación neste sector? E a educación?  

Promover, apoiar e difundir a investigación científica en materia audiovisual contribúe directamente á produción de coñecemento, que é unha necesidade fundamental para poder en primeiro termo achegarnos a unha radiografía fiel e obxectiva de quen somos e onde estamos. Sermos quen de identificar as nosas eivas e fraquezas, as cuestións a mellorar, e tamén o noso potencial, logros e acertos, ten que contribuír a artellar mellores e máis eficaces estratexias de planificación e desenvolvemento. En definitiva, definir onde queremos ir partindo de medidas coherentes que respondan a un deseño racional e non a ideas improvisadas.

Os premios María Luz Morales participan desta proposta de base que, ademais de premiar ensaios escritos, tamén o fai a videoensaios, promovendo a utilización da imaxe audiovisual non só como medio para recolectar información, senón tamén como parte activa do proceso de investigación. Un formato que non é novo, pero que nos últimos tempos está a cobrar unha relevancia notoria. Ese espírito innovador e de vangarda que recollen os premios serve á súa vez para renderlle homenaxe, potenciar e reivindicar a figura de María Luz Morales, unha muller pioneira en moitas facetas da súa vida, non só no tocante á critica e investigación cinematográfica.

A educación audiovisual fora do ámbito profesional, universitario ou de escolas técnicas é outro dos retos do noso tempo. As experiencias pedagóxicas que se están a poñer en marcha na nosa comunidade duns anos a esta parte son moi variadas e moi necesarias todas elas. As institucións públicas, asociacións e entidades privadas, dende o ámbito local ao internacional, son conscientes de que estamos a vivir unha época nova que presenta novos retos e por iso invisten recursos en potenciar proxectos educativos. Vivimos nunha sociedade composta por individuos que se comunican por medios audiovisuais e que son practicamente autodidactas.

Estamos nun momento no que sabemos as palabras, mais precisamos aprender gramática básica. Nós, como Academia, temos a obriga de traballar para vehicular e posibilitar iniciativas que contribúan a fomentar e mellorar o ensino da cultura audiovisual nas aulas, pero tamén para o resto de colectivos sociais.