O que vai vir en 2020

Unha ducia de longametraxes galegas agardan a súa estrea para este novo ano, prolongando o bo momento noso cine nun 2020 que tamén comeza con posibilidades de premios Goya para O que arde, Quien a hierro mata e Homomaquia ou premios Feroz para a serie Hierro. As plataformas tráennos novas series feitas en Galicia mentres e veremos novos documentais e rodaxes nun ano que tamén estará marcado pola forte produción en animación.

 

E de animación é a primeira película que se estrea en 2020, o mesmo 1 de xaneiro: A Galiña Turuleca, de Producións A Fonsagrada,  distribuída por Filmax, é unha coprodución española e arxentina que dirixen Eduardo Gondell e Víctor Monigote e que xa se presentou no Festival de San Sebastián. Póñenlle voz a Turuleca e ao malvado Armando Tramas os populares Eva Hache e José Mota nesta fita que converte en narración animada para os máis pequenos o personaxe da canción de Los Payasos de la Tele.

Filmax tamén distribuirá a agardada longametraxe de Paula Cons A Illa das Mentiras. Rodada a comezos deste ano na illa de Sálvora co título inicial de O Santa Isabel, este thriller con toques de drama narra todo o que pode acontecer despois dun naufraxio, nunha illa. Protagonizada por Nerea Barros, Darío Grandinetti e Aitor Luna, o filme baséase na historia das heroínas de Sálvora que en 1921 salvaron a más de 40 persoas empregando únicamente unha dorna, e que tras grandes homenaxes foron acusadas de roubarlles aos mortos. A estrea en salas está prevista entre abril e maio.

Máis historias de mulleres: María Solinha, a oitava longametraxe de Ignacio Vilar, chegará aos cinemas o 15 de maio. Dúas debutantes, Laura Míguez e Grial Montes, canda Santi Prego encabezan o reparto desta filme que trae ao século XXI a historia da muller de Cangas condenada por bruxería no século XVII.

Outra illa, Ons, é o escenario da película do mesmo nome, que será a cuarta longametraxe de Alfonso Zarauza, que vén de rodar este outono e que agardamos poder ver en 2020. O filme xunta drama e misterio para contar a historia dun matrimonio en crise que se instala en Ons e de como a illa e los acontecementos van xerar neles efectos contrarios. No reparto están Melania Cruz, Antonio Durán Morris, Marta Lado, Anaël Snoek, Xúlio Abonjo ou Miguel de Lira, entre outros.

Melania Cruz tamén protagoniza Arima, a primeira longametraxe de Jaione Camborda, coa que esta obtivo o premio á mellor dirección na sección Nuevas Olas do Festival de Cine de Sevilla. Rodada en Mondoñedo o pasado ano, esta película que se define “de fantasmas” narra a historia historia de catro mulleres e unha nena que se ve alterada pola chegada inesperada de dous forasteiros. Completan o reparto Nagore Arias, Rosa Puga Dávila, Tito Asorey, Iria Parada e Mabel Rivera. A falta de completarse o seu percorrido en festivais, a súa estrea agárdase para 2020.

En festivais tamén se prevé que arrinque o seu percorrido a nova longametraxe de Lois Patiño, Lúa vermella, producida por Zeitun Films e definida polo seu autor como unha especie de fábula mariña arredor da historia real dun buzo que rescatou máis de 40 cadáveres de náufragos perdidos no mar. A súa estrea en salas comerciais prevese para o segundo trimestre do ano.

Samuel Delgado e Helena Girón estrearán previsiblemente en 2020 a súa primeira longametraxe, producida por Fílmika Galaika: Eles transportan a morte. Valentín Estévez, Sara Ferro, Nuria Lestegás, David Pantaleón e Xoán Reyes son os intérpretes de esta historia rodada entre Galicia e Canarias que mestura o relato clásico de aventuras cun discurso crítico sobre a colonización, en palabras da súa produtora, Beli Martínez.

Máis de 15 anos despois da estrea da súa longametraxe León y Olvido, o director Xavier Bermúdez filmou Olvido y León, a secuela da historia de Olvido (Marta Larralde) unha costureira orfa que ten unha relación de amor-odio co seu irmán pequeno, León (Guillem Jiménez), que ten síndrome de Down. O filme rodouse este outono en Ourense e tamén prevé a estrea para o ano próximo.

Entre as longametraxes que se están acabando de producir e contan arrincar o seu percorrido en festivais e salas está unha nova película de Matriuska Producciones: ¿Qué hicimos mal? de Liliana Torres, que despois da súa rodaxe en Galicia e Cataluña este ano prevé terminar de filmarse en marzo en México e Italia, países coprodutores. Trátase dunha comedia dramática protagonizada por unha parella que interpretan a propia directora e mais Xúlio Abonjo.

En plena rodaxe da que será a súa primeira longa como directora está Chelo Loureiro, produtora de Abano Producións, con Valentina, unha historia moi persoal sobre unha nena que soña con ser trapecista e cree que por ter síndrome de Down non o poderá conseguir, pero a súa avoa, compañeira de xogos, aprendizaxes e cancións, asegúralle que, se os vermes conseguen converterse en bolboretas, nada é imposible.

Outros filmes a piques de rematarse e que poderían ver a luz o vindeiro ano son Nación, um sítio onde pousar a cabeça, de Margarita Ledo, e as primeiras longametraxes de creadores con ampla experiencia noutros eidos do audiovisual como Roi Fernández con Ursúas, unha película transmedia que realiza unha lectura atípica do Camiño de Santiago, e Fon Cortizo con 9 fugas, filme de protagonismo coral que conta cun elenco de intérpretes multidisciplinares da cidade de Vigo, encabezado por María Roja e Olga Cameselle.

En canto a coproducións rodadas fóra de Galicia, Agallas Films produce neste momento con TVE a longametraxe documental de Gonzalo Suárez A-Cero-5 que ten prevista a estrea a finais do verán e que narra todas as vicisitudes dun director que fai a súa primeira película, que trata sobre el, a súa parálise e a súa experiencia co baloncesto en cadeira de rodas. Vaca Films rodou este outono en Madrid, Ibiza e Valencia Hasta el cielo, a nova película de Daniel Calparsoro, protagonizada por Miguel Herrán, Luis Tosar, Carolina Yuste e Asia Ortega. E Fílmika Galaika ten en carteira Those That, at a Distance, Resemble Another, de Jessica Sarah Rinland, que xa pasou por festivais como o TIFF ou Zinebi e presenta unha reflexión sobre a conservación museolóxica e ecolóxica, a partir do caido dun elefante. O circuito ao irá destinada será o dos museos máis que o das salas comerciais. 


A non ficción aposta pola biografía

No terreo da non ficción o final de 2019 veu marcado por un gran fito internacional, o triunfo no IDFA de Amsterdam de A media voz, de Matriuska Producciones. Este documental das cineastas cubanas afincadas entre Galicia e Suíza Patricia Pérez e Heidi Hassan, prevé estrearse en salas o ano que vén, ee ademais espéralle un importante percorrido en máis festivais de todo o mundo.

Antes de que remate 2019 prevese a estrea en televisión (Cero de Movistar+) do documental O futuro da mente de Ruth Chao, coproducido por Agallas Films e Somadrome Films. Un documental científico que agardamos poder ver tamén en Televisión de Galicia.

O documental biográfico vai ter moito protagonismo no vindeiro ano, co remate de filmes como Beiras, vivir dúas veces, dirixido por Pepe Coira coa produtora OlloVivo, Luz Fandiño, a poeta analfabeta, dirixido por Sonia Méndez con Cósmica Producións, ou Aquel sol do verán, documental sobre Carlos Casares dirixido por Lara Bacelo.

Outras vidas a contar na gran pantalla serán a do poeta americano Wallace Stevens, no documental Os días calados do Sr. Stevens, que dirixe César Souto, produce Matriuska e arrinca a súa rodaxe en Nova York en xaneiro. Ou a do músico Kevin Weatherill, líder fundador da banda británica Immaculate Fools, que leva anos vivindo en Galicia e cuxa historia levan á pantalla Eduardo Herrero e Manuel Lemos coa produción de Pulsa Control Z. O filme está en produción baixo o título Kevin vs. Ray.

Biografías máis atípicas son as dos documentais que preparan, por un lado Andrés Goteira (Dhogs) en Welcome to ma Maison, sobre Igor Fernández, un investigador de cine que acaba de rematar unha tese sobre o director danés Nicolas Winding Refn e sobre o cinema fantástico en xeral; e Xoel Méndez, que en 10/7 retrata a Lucio Ballesteros, un polifacético xubilado ourensán que se define como músico, youtuber e escritor, e que nos últimos anos púxose a construír unha nave espacial no seu xardín.


Novas series para televisións e plataformas

Televisión de Galicia estreou agora a finais de 2019 Do dereito e do revés, unha comedia sobre galegos que precisan un avogado. Producida por Think First, conta con guións de Xosé Cermeño (Pratos Combinados, Larpeiros) e está protagonizada por Víctor Fábregas, Susana Sampedro, Sergio Pazos e Casilda Alfaro.

No primeiro semestre de 2020 estrearase en TVG e RTP Auga seca, unha coprodución entre Galicia e Portugal con Portocabo á fronte. Este thriller en torno ao tráfico de armas rodouse en Vigo e Lisboa este verán coa portuguesa Victoria Guerra encabezando o reparto canda actores galegos como Monti Castiñeiras, Sergio Pazos, Tacho González, Eva Fernández, Manolo Cortés, Paloma Saavedra, Santi Romay ou Cris Iglesias.

Parece que o thriller seguirá a ser o xénero dominante na maioría das series galegas. O sabor das margaridas (CTV) grava a súa segunda temporada, con María Mera de novo como protagonista e a perspectiva de seguirse emitindo tanto na Televisión de Galicia como en Netflix. Serramoura (Voz Audiovisual) volverá á grella da TVG coa súa temporada número 13, que promete novos casos de misterio protagonizados por Lucía Regueiro e Xúlio Abonjo.

Voz Audiovisual tamén prevé a estrea no primeiro semestre de Néboa, a nova serie que produciu para Televisión Española. Un thriller ambientado nunha illa ficticia e co entroido como contexto, e unha conta atrás para evitar catro asasinatos e atopar ao “Urco”, un asasino que se move entre o mito e a realidade. Emma Suárez e Isabel Naveira encabezan o casting da serie entre os que se atopan outros intérpretes como Antoni Durán “Morris”, María Vázquez, Nancho Novo, Denís Gómez, Alba Galocha e Santi Prego, entre outros. A estrea de Néboa está prevista para o primeiro semestre do ano e foi creada e escrita por Xosé Morais, Víctor Sierra e Alberto Guntín, e dirixida por Gonzalo López-Gallego xunto con Jorge Saavedra e Manu Gómez.

Nas plataformas, tal como contamos en máis detalles nestes Papeis, prevese unha nova temporada de Hierro para Movistar+, con Jorge Coira e Portocabo preparando xa a rodaxe para comezos de ano. Repiten Candela Peña e Darío Grandinetti á fronte do reparto.

La unidad, a serie creada por Dani de la Torre e Alberto Marini con Vaca Films para Movistar+, conta con ser unha das grandes estreas nesta plataforma en 2020. A ficción está baseada nos testimuños inéditos de altos profesionais da loita antiterrorista e promete ser un emocionante thriller policíaco protagonizado por Nathalie Poza, Michel Noher, Marian Álvarez, Luis Zahera e Carlos Blanco.

Vaca Films vén de rodar tamén El desorden que dejas, unha serie creada polo guionista ourensán Carlos Montero (Elite) adaptando a súa novela homónima. Trátase doutro thriller que combina drama e suspense, ambientado esta vez no rural galego. No reparto están Inma Cuesta, Bárbara Lennie, Tamar Novas, Arón Piper e Roberto Enríquez.


Rodando no 2020

Comezamos o repaso a algunhas das rodaxes que veñen con outra ambiciosa serie, Tres caminos, coa que Ficción Producciones levou a subvención de 1,5 millóns de euros que convocaba Agadic para “fomentar e difundir por medio da produción audiovisual os valores do fenómeno xacobeo e do Camiño de Santiago”.  A serie , que contará as vidas de cinco persoas de diferentes países que se conectan cando peregrinan xuntas en 1996, 2006 e 2021, está coproducida con Beta Films e terá unha ventá internacional grazas á distribución desta última e a Amazon Prime Video. A produtora adiantou que un dos directores da serie será Norberto López Amado e que a banda sonora irá da man dos galegos Iván Ferreiro e Manu Riveiro.

Outra serie que se todo vai ben poderá rodarse en 2020 é Tres flores sen piedade, de CTV para Televisión de Galicia, con dirección de Juan Galiñanes. Ambientada en 1969, conta a historia de tres mulleres que emprenden una vida delictiva para asegurar o futuro da súa familia.

Portocabo prevé para o verán de 2020 a rodaxe de Cuñados, unha “gran comedia galega” protagonizada por  X.A. Touriñán, Eva Fernández, Federico Pérez e Miguel de Lira, con guión de Araceli Gonda e Jorge Coira na dirección. Pola súa parte OlloVivo, a produtora que os irmáns Jorge e Pepe Coira comparten con Gaspar Broullón, segue preparando a produción do novo filme de Ángeles Huerta, O corpo aberto, un western gótico baseado nun relato de Méndez Ferrín e escrito pola directora canda Daniel D. García. E Ézaro Films prepara a primeira longametraxe do realizador vigués afincado en Barcelona Rafa de los Arcos, que leva por título O home e o can e que fala da soidade e das renuncias dun home no seu último tercio de vida aillado na aldea. Estaría interpretado por Manuel Manquiña.

Miramemira, a produtora de O que arde, rodará San Simón, do director Miguel A. Delgado, unha longametraxe de marcado carácter autoral que se move entre dous eixos: o espazo xeográfico da Illa de San Simón na ría de Vigo, e a rutina da prisión.

Manane Rodríguez prepara con Xamalú Films Onde máis doe, unha longametraxe documental sobre a violencia de xénero que pretende estar nos antípodas do tratamento sensacionalista co que se adoitan tratar estes dramas.

Pola súa banda Quique Otero iniciará a finais de 2020 a rodaxe da súa segunda longametraxe, unha década despois de Crebinsky. O seu título é Debuxos animados e conta a historia dun matrimonio en crise que debe afrontar a morte do seu fillo e buscar recursos para repatriar o cadáver vendendo vellos DVDs de debuxos manga.

Tamén se aveciña a rodaxe da nova longa de Alberto Gracia, titulada A parra, e que terá lugar en Ferrol, producida por Fílmika Galaika. Eloy Domínguez Serén vai rodar na primavera a súa curta Rompente, producida por Zeitun Films, que conta a historia dun percebeiro furtivo. A produtora de Felipe Lage traballa tamén no desenvolvemento de I Am Here But You Can’t See Me, de Feyrouz Serhal, e de Montaña ou morte, de Pela del Álamo, sen data de rodaxe aínda. Tamén se agardan novos proxectos para Andrés Goteira e Gaitafilmes coa longametraxe Starmucks e a primeira longa de Álvaro Gago, Algo parecido á felicidade, que está a desenvolver con Matriuska.

Outra das producións que xeran máis expectación é a nova longametraxe do coruñés Alberto Vázquez despois da premiada Psiconautas. Titúlase Unicorn Wars e é unha fábula que parodia o xénero bélico situándoo nun universo fantástico e mitolóxico. Está producida por Abano Producións, que tamén prepara para rodar en 2020 O soño da sultana, de Isabel Herguera, unha película de animación que mestura tres historias de mulleres en distintas partes do mundo e faino usando técnicas de animación diferentes en cada unha delas.

Non están todas as que son pero agardamos ver no horizonte moitas máis rodaxes e proxectos nun ano que de novo anuncia grandes éxitos para o noso audiovisual.