Agárdanos un 2018 cargado de estreas e rodaxes potentes no noso cine e na televisión: dende produtos moi ambiciosos como a serie “Fariña”, de Bambú Producciones, ou a nova longa de Dani de la Torre, “A sombra da lei”, ao novo de Lois Patiño, Anxos Fazáns e Xacio Baño. Tamén novas rodaxes de Óliver Laxe, Eloy Enciso, Isabel Auguavives e Alfonso Zarauza, o debut Pedro C. Alonso no cinema con Vaca Films, a esperada rodaxe da serie dos irmáns Coira “Hierro” e, na animación, o regreso do equipo de “Enrugas” para estrear “Memorias dun home en pixama”, no mesmo ano en que poderemos ver “Día de Mortos” e no que nunca un director galego tivemos máis perto de levar un Oscar. Conseguirá “Psiconautas” ser finalista nos premios da Academia de Hollywood?
Fariña: un equipo galego á conquista do prime-time estatal
Unha rodaxe de case seis meses na costa galega, un elenco coral composto por Javier Rey, Tamar Novas, Marta Larralde, Carlos Blanco, Morris, Cristina Iglesias, Celso Bugallo, Xosé Antonio Touriñán, Fran Lareu e ata 120 actores case todos galegos, igual que o director, Carlos Sedes, o equipo técnico, a produtora (Bambú) e o libro do que parte, “Fariña”, o relato xornalístico no que o coruñés Nacho Carretero contou para o gran público a historia do narcotráfico en Galicia, ao mesmo tempo que a serie “Narcos” arrasaba en Netflix.
Confluíron todos estes elementos para que o produtor Ramón Campos, que xa escribira o guión do telefilme “Entre Bateas” (Jorge Coira, 2003) contando a historia de dous rapaces da Arousa que poderían ser Sito Miñanco e Laureano Oubiña, se animase a poñer en marcha esta ambiciosa produción que se esterá nos vindeiros meses en Antena 3. As fotos que trascenderon da rodaxe e da caracterización dos actores (especialmente Morris como Manuel Charlín), a ambientación na Galicia os anos 80, así como a enerxía que transmitía nas redes o seu equipo artístico, dan moitas ganas de que chegue esta estrea.
A sombra da lei: un thriller de gangsters dos anos 20 rodado en varias cidades galegas
Outra das rodaxes importantes do 2017 foi a da nova longametraxe de Dani de la Torre (“El desconocido”), producida de novo por Vaca Films, coa coprodución tamén de Atresmedia. Esta historia ambientada en 1921 foi filmada durante 8 semanas, primeiro en Barcelona e despois en Lugo, Monforte, Pontevedra, A Coruña e Santiago de Compostela, con máis de 80 decorados de época. No reparto, Luis Tosar, Michelle Jenner, Vicente Romero, Ernesto Alterio, Paco Tous e Manolo Solo para dar vida a un guión escrito por Patxi Amezcúa (“Atrapa la bandera”) sobre os convulsos anos 20 do século pasado en España, con violentos enfrontamentos nas rúas entre matóns e anarquistas. Un ‘thriller’ de época para o que Dani de la Torre se mergulla no mundo dos gángsters, aproveitando de novo a súa terra como plató para contar unha historia chea de acción e suspense. A súa estrea está prevista para finais do próximo verán.
Trote, a posta de ‘longa’ de Xacio Baño
Logo de ser recoñecido como un dos nosos cineastas máis estimulantes, só co seu traballo en curtas como “Anacos”, “Ser e voltar” ou “Eco”, Xacio Baño enfrontouse o pasado verán á rodaxe da súa primeira longametraxe, producida por Frida Films (“María y los demás”). “Trote” conta a historia de María, unha muller duns trinta anos que se atopa nun punto vital no que debe decidir se comportarse como se espera que faga ou sacar o seu lado animal e escapar. Co curro da rapa das bestas de Amil como pano de fondo, esta historia familiar e de poucos personaxes promete ofrecernos grandes interpretacións tanto da súa actriz protagonista, María Vázquez, como de Diego Anido, Celso Bugallo e Tamara Canosa, que completan o reparto. O filme, rodado en galego, estrearase con probabilidade en San Sebastián, xa que foi no marco dese festival onde Xacio Baño puido completar a escrita do guión, dentro do programa de residencias Ikusmira Berriak.
As estreas que veñen
Outra das longametraxes máis agardadas deste 2018 é “Tempo vertical”, de Lois Patiño, rodada na primavera pasada entre terras de Monforte e Camariñas. Producida por Zeitun Films e Amanita Films, o filme está a medio camiño entre a ficción e o documental e protagonízano tres actrices non profesionais que encarnan a tres mulleres capaces de moverse mentres o tempo semella suspendido. Está por ver se a nova cinta de Patiño logra, quizais, estrearse en Locarno, certame onde a súa anterior longa, Costa da Morte, iniciou un espectacular percorrido por festivais de todo o mundo, que oxalá se poida repetir con “Tempo vertical”.
Pendentes tamén de estrea, aínda que xa en plena fase de festivais, son “A estación violenta” o debut na longametraxe de Anxos Fazáns, producida por Matriuska, que se puido ver no Festival de Sevilla; “Dhogs”, de Andrés Goteira, que foi unha das sorpresas nos últimos festivais de cine de Bos Aires (o prestixioso Bafici) e en Sitges; e “Trinta lumes”, de Diana Toucedo, que abriu este ano o OUFF, rodada nas montañas do Courel. A distribución destas tres fitas en salas comerciais é aínda unha incógnita, pero o seu éxito nestes primeiros festivais augúralles un percorrido interesante.
Polo de agora as tres entrarán na carreira polo premio á mellor longametraxe nos Mestre Mateo 18, xunto coa ópera prima das irmás Sonia e Míriam Albert-Sobrino (Also Sisters) “A historia dun satélite”, e as películas para televisión “Os fillos do sol”, producida por Portocabo coa dirección de Ramón Costafreda e Kike Ruiz Claverol, e mais “Juana de Vega, vizcondesa do arado”, de Zenit Televisión estreada xa pola Televisión de Galicia.
No capítulo de tv-movies pendentes de estrea, temos a mencionada “Fillos do sol” e tamén a miniserie “Contou Rosalía”, o último traballo de Zaza Ceballos, especializada nos últimos anos en levar á pequena pantalla as biografías de mulleres destacadas do noso país. “Contou Rosalía” é a primeira ficción que conta a vida de Rosalía de Castro, a quen interpreta Melania Cruz, con Fran Lareu no papel de Manuel Murguía.
Tamén prepara a súa distribución a longametraxe de ficción “Nove de novembro”, o primeiro filme en galego que centra a súa historia na comunidade LGBTI. Esta historia de desamor ambientada en 1989 supón a ópera prima de Lázaro Louzao, rodouse na Coruña e na Mariña lucense e está protagonizada por Brais Yanek, Ademar Silvoso e Sabela Arán. Produciuna Costura Films cun forte empurrón de microfinanciamento en Verkami.
No terreo da non ficción, presentouse hai unhas semanas no festival de Xixón “Nocturno”, unha longametraxe dirixida por Álvaro Fernández Pulpeiro (Foz, 1990) que retrata a convivencia deste novo cineasta cos mariñeiros do pesqueiro Ilha Brava, de bandeira portuguesa, con capitán galego e traballadores indonesios e senegaleses. Este filme supón a primeira incursión na produción de longametraxes de A Cuarta Parede Films, unha produtora irmá da publicación de crítica de cine A Cuarta Parede, impulsada por Víctor Paz e o propio Fernández Pulpeiro.
Temos varios documentais moi agardados pendentes de estrearse neste 2018, como son “Versogramas”, o traballo de Esferobite canda Celia Parra que explora o xénero da vídeopoesía cunha perspectiva galega e internacional; “Nación de Muchachos”, o documental no que Javi Camino reconstrúe a historia do Circo de los Muchachos a partir dunha inxente cantidade de material de arquivo; ou “A batalla descoñecida”, de Paula Cons, que indaga no que se coñece como a ‘batalla do volframio’ durante a Segunda Guerra Mundial, nun traballo que competiu na pasada edición da Seminci e que continúa a pesquisa documental iniciada para a película “Lobos Sucios” de Simón Casal, tamén producida por Agallas Films,
E está a piques de estrearse, en plataformas dixitais, “Santoalla”, o documental norteamericano que narra en clave de thriller as circunstancias da desaparición e morte do holandés Martin Verfondern hai uns anos en Petín de Valdeorras, xusto na aldea onde se rodou “Sempre Xonxa”. Outro documental ao que lle agarda un interesante percorrido internacional é “Post-Truth Times: We the media”, o filme no que Héctor Carré dá un repaso ao que significa o xornalismo en tempos da post-verdade, e que se puido ver xa no OUFF e no Raindance de Londres.
Tamén se puido ver este outono en Valladolid e en Ourense “Entre la ola y la roca”, longametraxe documental, que segue as vidas de varios percebeiros na Costa da Morte, feita por un grupo de estudantes da ESCAC co director Manuel Lógar á fronte. Pola súa parte, Social Docs está coa postprodución de “O desafío do Sil”, un documental sobre os encoros construídos no río Sil a mediados do século pasado, dirixido por Domingo Díaz. Esta produtora prepara tamén un documental sobre a vida de Tomás Fábregas, activista coruñés que loitou contra o SIDA nos Estados Unidos ata a súa morte por esta enfermidade en 1994. E Frida Films coproduce “Gallo”, a ópera prima de Antonio Díaz Huerta, un documental sobre un surfista cego, Aitor Francesena, que acaba de finalizar parte da súa rodaxe en San Diego (California).
Probablemente o 2018 sexa un ano importante para animación galega, coa posible candidatura de “Psiconautas, os nenos esquecidos”, de Alberto Vázquez, aos Oscar de Hollywood. Polo pronto xa entrou na shortlist das 26 longas de animación que poderán votar os académicos. Outros pesos pesados como son o equipo de “Engurras” volven á carga con “Memorias dun home en pixama”, que adapta o cómic homónimo de Paco Roca, nesta ocasión co vigués Carlos Fernández na dirección, producida entre outros por Manuel Cristóbal e Ángel de la Cruz, tamén coguionista. A película combina un 80% de animación cun 20% de imaxe real, na que Raúl Arévalo e María Castro encarnan os protagonistas desta comedia romántica sobre as relacións de parella, afastadas dos patróns convencionais.
Agardamos tamén a nova longametraxe de animación de Ficción Producciones, “Dia de Mortos” con Carlos Gutiérrez e Mamen Quintas na dirección e na produción executiva, respectivamente. Un filme para toda a familia que conta as aventuras dunha pequena orfa mexicana na tradición do día dos mortos. Ficción continúa así a senda de “Maimiño” e o éxito da súa producion para televisión “Tutu”, que se emite en Clan TV, mentres prepara tamén para TVE unha miniserie de animación en coprodución con Cuba, co título “Una casa en amargura”.
No mundo da curtametraxe tamén se agarda a presentación de “Mouras”, a última produción de Miss Movies dirixida por Olga Osorio, e dos últimos traballos de novos talentos como Adrián Canoura, Lucía Estévez, Ángel Filgueira ou Xiana Gómez Díaz, mentres se seguen a mover por festivais as pezas de Hugo Amoedo (“Europa”), Claudia Costafreda (“Néboa”), Tono Mejuto (“Quiasma”), Fon Cortizo (“Aysha”), Noemí Chantada (“A muller invisible”), Iván Nespereira (“Nueva Galicia”), ou Jaione Camborda (“Rapa das bestas”), con mención especial a “Matria”, a curta de Álvaro Gago que competirá en xaneiro no festival de Sundance, e a “M.”, de Ángel Santos, que colleu maior relevancia tras o pasamento en decembro do seu protagonista, o escultor pontevedrés Manuel Moldes.
Próximas rodaxes
No 2018 teremos a varios cineastas galegos filmando de novo na súa terra: Óliver Laxe continúa coa produción de “Aquilo que arde”, que se rodará na montaña de Lugo, aínda que parte da metraxe xa se filmou durante os incendios do último ano. O filme adéntrase no tema dos incendios en Galicia, no que será a terceira longametraxe do director, producida nesta ocasión por Miramemira, e a primeira que roda en Galicia.
Outro que regresa é Eloy Enciso, para rodar “Longa noite”, logo dunha estadía na universidade de Harvard, en Boston, cunha bolsa que lle permitiu traballar neste proxecto que busca explorar a escuridade da noite na natureza, e que está producido por Beli Martínez (Filmika Galaika). A produtora, que está detrás tamén de “Arraianos”, anterior filme de Enciso, e doutras moitas películas do Novo Cinema Galego, prepara tamén a rodaxe de “Eles transportan a morte”, longametraxe da compostelá Helena Girón e do canario Samuel Delgado, que se propoñen mezclar narración y experimentación para explorar a fuxida de tres tripulantes dunha expedición capitaneada por Cristobal Colón.
Frida Films tamén prepara a segunda longametraxe da ferrolá Isabel Ayguavives (“El árbol magnético”), que se titula “Semana grande” e contará a historia dos variopintos inquilinos realoxados polos servizos sociais no céntrico e decadente Hotel Dulcinea.
Moi agardada é tamén a rodaxe da primeira longa de Jaione Camborda, “Arima”, unha enigmática e evocadora historia de mulleres con tintes de realismo máxico, que prevé a súa rodaxe en Mondoñedo este ano. Camborda é tamén coguionista da nova longa de Alfonso Zarauza tras “Os fenómenos”. O seu título é “Ons” e prevé completar o seu financiamento para rodarse tamén este ano na illa de Ons. Os dous títulos están producidos polos seus directores, a través de Esnatu Zinema e de Maruxiña Film Company, respectivamente.
Seguindo coa ficción, Ignacio Vilar vén de anunciar a produción da súa nova película, “María Soliña”, que se inspira na personaxe histórica do século XVI condenada pola Inquisición en Cangas do Morrazo por practicar, supostamente, a bruxería. Será, porén, unha revisión actualizada desta figura no século XXI, cunha actriz descoñecida ata agora, Andrea Santos, como protagonista do filme, que se rodará en Cangas a finais deste 2018.
Tamén están en preparación “As dez últimas”, dirixida por Chema Gagino, con guión e produción de Ángel de la Cruz, que conta a historia dunha cuadrilla de xubilados, compañeiros de xogar ao tute. Pola súa parte Paula Cons está a sacar adiante o seu proxecto “O Santa Isabel”, un thriller que conta a fazaña de tres mulleres que se lanzaron ao mar a salvar os supervivintes dun buque naufragado na Illa de Sálvora en 1921, producido por Agallas Films.
Outra longametraxe en produción é “La niebla”, de David Hernández, a partir dun guión de Toño Carballal e o propio director, que está a sacar adiante coa súa produtora Adarme Visual, e con Analía G. Alonso na produción executiva. No reparto poderemos ver actores e actrices como Fran Paredes, Isabel Naveira ou Mariana Carballal.
En clave máis comercial, este ano tamén veremos o debut do coruñés Pedro C. Alonso, veterano realizador de publicidade en Galicia, á fronte do thriller “Feedback”, un proxecto de Vaca Films a partir dun guión de Alberto Marini (“O descoñecido”). Faino en coprodución con Ombra, a produtora de Jaume Collet-Serra, con quen tamén preparan o remake en inglés de “Secuestrados”, unha das primeiras longas que produciu Vaca Films, dirixida en 2012 por Miguel Ángel Vivas. Ademais, a empresa de Emma Lustres e Borja Pena prepara tamén “Quien a hierro mata”, un guión de Juan Galiñanes e Jorge Guerricaechevarría que rodará este ano o director Paco Plaza.
Outra das producións que veremos rodarse en 2018 é “As troitas cantan ao mencer”, opera prima de Alexia Muiños, con Abano Producións, que se rodará en 3D estereoscópico. A produtora de Chelo Loureiro ten ten pendente de estrea “The Neverending Wall”, curtametraxe de Silvia Carpizo. En desenvolvemento, a próxima longametraxe das Also Sisters, e a longa de Isabel Herguera “El sueño de la sultana”, xunto coas próximas curtametraxes de David Fidalgo (“Homomaquia”), e Maria Manero (“Patchwork”).
No terreo do documental, varias longas están en proceso de produción, como “Manoliño Nguema”, de Waka Films e Filmika Galaika, unha historia de migración sobre o ‘pai’ do teatro en Guinea Ecuatorial, ou o filme “A media voz”, das cubanas Patricia Pérez e Heidi Hassan, producido por Matriuska. A realizadora Ruth Chao tamén regresa ao documental científico con “O futuro da mente”, que abordará retos da neurociencia como o mapeo do cerebro, producido por Agallas Films.
En canto á produción de televisión, o proxecto de maior envergadura que veremos rodar en 2018 será a serie “Hierro”, unha produción de Portocabo para Movistar Series, con guión de Pepe Coira, Araceli Gonda, Alberto Marini, e Jorge Coira, que asumirá a dirección. Trátase dun drama policial que se desenvolve no lugar máis afastado do continente europeo, a illa canaria de El Hierro, e que formará parte do paquete de series de produción propia que o canal de pago empezou a producir este ano, no que promete ser unha aporta pola calidade e o risco máis alá das limitacións do prime-time televisión xeralista.
Zenit Televisión prepara “Elisa e Marcela”, unha miniserie sobre a parella coruñesa de inicios do século XX que foi primeiro matrimonio homosexual, e que dirixirá Isabel Coixet, no que é un vello proxecto cinematográfico da directora que parece que por fin pode ver a luz na televisión. Neste eido das miniseries históricas, Vaca Films e Portocabo anunciaron este ano que se unirán para producir a serie “Garbo, el espía que engañó a Hitler”, que contará as peripecias do famoso axente dobre español, que estivo casado coa lucense Araceli Carballo.
Matriuska Produciones tamén aspira a producir ficción televisiva, e ten en carteira “As crisálidas”, unha miniserie de autor creada por Samuel Lema, e que protagonizarían Fernando Epelde e Nerea Barros.
Para a TVG Zopilote están a preparar unha nova serie cómica, de título provisional “Os mariachi” que se formula como un falso documental ao estilo de “Modern Family”, con episodios breves nun formato similar ao de “Era Visto”. “Auga Seca” e “Cuñados”, de Portocabo, son outros dos proxectos de serie que están en desenvolvemento para unha futura estrea na nosa televisión.
E no que se refire a webseries, prevese que Porco Bravú rematen de rodar a primeira temporada de “Peter Brandon”, a serie que saíu do concurso de proxectos do Carballo Interplay en 2016 e que conta a vida do alter ego do cómico Pedro Brandariz. Queda aínda por ver o resultado do proxecto gañador deste ano, titulado “Hai vida en Bran?”, dirixida por Ángela Andrada e con Isabel Blanco formando parte do elenco, que está en plena fase de rodaxe.