“Durante o confinamento consumín moitísima cultura”, conta Mamen Quintas. “Dicíao o outro día nunha intervención: daste conta de que non vale de nada ter dous coches, unha moto, vinte e cinco abrigos e un chalé na praia. O que che vale é poder consumir libros, poder consumir música, poder consumir televisión… en calquera modalidade”. Ademais de consumir ela mesma esa cultura, na súa empresa Ficción Producciones, pasaron o confinamento tamén traballando para que o público tivese contidos. Como xa contamos, con 3caminos, iniciaron o retorno ás rodaxes en España despois da parada do estado de alarma. O que non contamos aínda foi que, durante ese tempo, continuaron tamén traballando en Fun polo aire, o espazo diario que presenta Susana López na Televisión de Galicia. “É un programa de servizo esencial porque é actualidade, e entón tivemos que continuar facéndoo, e nós encantados de facelo tamén con todas as medidas”, explica Mamen Quintas. A produtora comenta que unha parte do persoal dedicado á redacción ou a parte da produción puido teletraballar, pero o equipo de rúa e do plató non. Dentro deses protocolos, levaron a cabo probas constantes, tomas de temperatura, desinfección dos vehículos e dos aparellos, control da ventilación… “Non sei se foi sorte, pero non tivemos ningún contaxio neses equipos, que eramos setenta e tantos na serie e corenta no programa. Entón seguimos producindo, igual que outros sectores que teñen máis acumulación de xente ou máis dificultades de control. Se se fan as cousas dun xeito controlado e con agarimo iso pódese conseguir”, explica.

Con todo, o contexto da pandemia non debe ocultar tampouco a tendencia global destes últimos anos, que Mamen resume así: “Eu creo que en Galicia estamos nunha moi boa posición para o que son as series. O que está ocorrendo en Galicia desde hai uns anos é moi importante. Somos un foco importante para as plataformas e para as xeralistas, para outras comunidades que nos miran como dicindo ‘A ver, que pasa en Galicia, que se está facendo todo moi ben?’. Cada vez cren máis nas produtoras galegas… e aínda que non sexan produtoras galegas, tamén hai outras produtoras que veñen aquí, localizan aquí e focalizan aquí as súas rodaxes ou as súas historias, que é moi importante”. Non é complicado pensar en exemplos do crecente prestixio audiovisual galego, que se deixou ver na última década nos premios ao seu cinema e tamén se dá cada vez máis na ficción seriada, ata o punto de que pode deixar de ser noticia o carácter internacional de moitos contidos creados en Galicia.

O traballo de Ficción Producciones exemplifica ben esta tendencia. De cara ao ano que vén, Fun polo aire continúa, agárdase a citada estrea de 3caminos, e están a desenvolver máis contidos “na liña do que estamos tentando facer, moi potentes e de interese para grandes grupos, grandes distribuidores, grandes plataformas… para facelos desde aquí para o maior número de países do mundo”, como explica Mamen Quintas. O máis avanzado é a xa anunciada serie sobre a vida de Amancio Ortega para Amazon Prime Video. “Estamos escribindo guións aínda. Estamos avanzados, a nosa intención era rodar en febreiro pero retrasarémolo un par de meses, para non empezar sen estar seguros de ter unhas semanas por diante nas que poder rodar sen perigo. Tentaremos facer un pouco o que fixemos en 3caminos: manter un equipo illado, moi controlado, e facer todos os controis sanitarios que poidamos ter, porque todo apunta que en 2021 aínda teremos moitas boqueadas deste virus dando guerra”. Aínda que neste contexto sexa complicado predicir as boqueadas, polo menos xa vimos que en Ficción Producciones son quen de reaccionar con rapidez aos cambios, así que esperamos estar, de aquí nun ano, falando dos 8 episodios desta serie baseada na biografía sobre o empresario que escribiu Covadonga O’Shea.