Paula Cons leva este ano unha boa recua de entrevistas enriba. É habitual que unha directora as teña despois dunha estrea, pero no caso de A illa das mentiras parece que se xuntou o interese que creou o propio filme co que creou o seu percorrido (por plataformas, festivais e salas) nun momento de incerteza. No momento de estrearse en Filmin, no mes de xullo, os medios “volcáronse absolutamente”, como indica a cineasta. “A xefa de prensa dicíame: ‘estou traballando tanto como cunha presentación en cines’. Eu non sei cantas entrevistas puiden facer, por todos os medios, cando xa vexo que Julia Otero di que si, Hoy por Hoy, La Sexta, informativos… digo ‘ui, madre mía!’. Mestúranse moitas cousas: había moita gana de apoiarnos todos a todos, o tema histórico da película convírtea nun tema moi interesante, ao sacar a luz uns feitos esquecidos, o tema mulleres…”. Chegado agosto, a película era a terceira máis vista na plataforma, e a primeira entre as españolas, o que fixo dela de novo noticia e axudou ao seu percorrido en salas, abrindo un exemplo de compatibilidade entre a distribución en liña e a presencial: “O que che permite Filmin é non matar a película, loitar por que se vexa e sacar rendementos inmateriais, de prestixio, de visibilidade… e esta segunda vida que ten a peli nas salas, porque vén testada”.

Aínda así, logo de ter investido anos nun proxecto, sacalo ao mundo neste contexto leva consigo alegrías e rabias a un tempo, e tamén momentos estraños. “A primeira vez que vin a peli en público foi no Festival de Cans. Os comentarios que recibín polas redes eran todos boísimos, pero eran seguramente escritos media hora despois da peli… non era o contacto pel a pel”, explica Paula Cons. “En Cans, remata a película e vexo a todo o mundo superserio, agarrotado… eu quedei morta no primeiro momento. Coa máscara, ademais, non lle ves a cara á xente. Quedei rallada, e no pincho de despois veume unha xornalista: ‘Oes, que me dixeron que estás mal… a xente está flipada’. E digo ‘e entón?’. ‘Pois porque é unha peli dura, quedan agarrotados, conmovidos… ao mellor están case chorando ao rematar a peli’. E claro, iso foi o que descubrín”. Despois desta experiencia, nos numerosos coloquios arredor de A illa das mentiras nos que ten participado a directora, xa vai preparada para medir a reacción do público na época das máscaras. Con todo, a outras cousas é difícil acostumarse: “Cando non podes meter máis de trinta persoas nun cine é unha frustración”, comenta. “Ti sabes o que é estar a piques de entrar no coloquio e ver á persoa que está vendendo as entradas dicirlle que non a unha chea de xente? É dolorosísimo iso”.

Con todo, o percorrido do filme segue e, nun contexto de dificultade no que proxectar unha película pode ter un punto de aventura, o público parece ter renovado a paixón polo cinema nas salas, agora convertido nun ben escaso. “Aí atrás tiña un pase no cineclube de Cangas. Dixéronme que podían meter cen persoas. Cen persoas agora! E decidimos ir para adiante porque era ese venres famoso no que entraban as restricións ás 12 da noite. Dixeron ‘ti ves?’. ‘Eu vou. A morte’. Pero que pasou? Moitísima xente fóra, outra vez. A xente quedou ao coloquio e chegaron tarde ás casas por culpa diso. Se en circunstancias normais xa estás agradecida porque a xente vaia ver a túa peli, que lles dis? Señoras de oitenta anos, que pode pillalas o poli local de turno: ‘Señora, que fai pola rúa máis aló das once?’. Non hai palabras para agradecerllo”. Deixamos aquí testemuño das vivencias e o agradecemento de Paula Cons, e agardamos de cara ao futuro a chegada de proxectos nos que está implicada desde a produción, como A Cero.5 (Gonzalo Suárez) ou Dúas vellas, sete gatos e tres máquinas de coser (Marta Pérez), ou unha serie documental que dirixirá pero da que aínda é cedo para falar.