A web de Baños Films presídea unha sorte de lema: “O cine evoluciona. Nós evolucionamos con el”. Activa desde 1953, esta empresa dedicada á distribución e a exhibición viu pasar unha boa parte dos cambios e crises que, cada certo tempo, asustan á cinefilia e á industria, e seguramente iso fai que hoxe Milo Baños observe a situación do seu oficio coa preocupación que dá estar no peor momento da historia en termos económicos, pero tamén con certa esperanza: “Non estou baseándome en ningún dato empírico, pero creo que o cine vai volver traballar. O cine pasou por crises importantísimas, anunciouse a morte do cine en multitude de ocasións e o cine segue tendo o seu espazo. Pero si que é certo que ao mellor as regras do xogo van variar”.

Nestes últimos meses, de feito, practicamente non fixeron outra cousa que variar, e o traballo actual de Milo está marcado pola incertidume e a necesidade de actuar con dinamismo. “Imos adaptándonos no día a día. A min hoxe chámanme e dinme que hai unha estrea a próxima semana e xestionámola. Poden chamarme pasado mañá e dicirme que se anula, e anulamos a estrea. Estamos improvisando constantemente en función de como van tomándose medidas e dos números da pandemia”. Con todo, precisamente por esas medidas a carga de traballo é menor: hai menos estreas e menos espazos para acollelas. Desde Baños Films xestionan a exhibición en catro locais municipais que agora mesmo están pechados, e Milo comenta o ambiente dramático da situación: “Antes da chegada da pandemia proxectaban en Galicia 36 complexos. Esta fin de semana [a do 15 de novembro], de vinte e oito complexos que reabriran pecharon oito. Catro o venres e catro o domingo. E os que non pecharon reduciron pases e pecharon salas”.

De cara a como se artellarán esas regras de xogo no futuro, Milo non ve unha ameaza nas plataformas dixitais: “é normal que aparezan e temos que convivir uns con outros”. Si que observa que o mercado en xeral vai cada vez máis rápido e que o peso desa publicidade constante se deixa notar no cine: “Unha película antes aguantaba perfectamente en cartel meses, incluso. Hoxe por hoxe, unha película que ten un mes é unha película vella, por desgraza”. Ademais apunta que algunhas empresas de distribución contaban con estruturas febles e iso podería facer que non superen esta crise: “As majors, de quince anos para aquí, coparon practicamente todo o mercado. En agosto do ano pasado houbo unha semana na que o 75% da recadación foi dunha soa distribuidora, que era neste caso unha multinacional. Cada vez tes menos posibilidades de lograr estrear”.

Con todo, non todo son problemas, e Milo tamén destaca a aparición nos últimos anos de salas en varias cidades que xeraron un espazo para o cine autoral e alternativo ou como, no medio de todos os cambios e ameazas, o cine acaba tamén adaptándose e conservando sempre o seu espazo. “Eu penso que as películas nacen para verse nunhas condicións concretas, nunha pantalla grande, cunhas butacas boas, o son…”, apunta Milo. “É unha forma máis sinxela de imbuírse totalmente dentro da temática da película, que é moi difícil de conseguir nun domicilio. E en último termo, o cine tamén é un acto social. Ti podes tomar unha Coca-Cola na túa casa e unha Coca-Cola no bar cos teus amigos. Na túa casa vaiche saír tirada de prezo e no bar vaiche costar seis veces máis, pero aínda así vas ao bar. Pois o cine eu creo que tamén é un pouco o mesmo”. En definitiva, as posibles alternativas ao cinema non ofrecen o mesmo, así que hai motivos para confiar en que esta crise sexa, como as anteriores, pasaxeira.