En 2020, o Cineclube Padre Feijoo cumpriu 50 anos. Como saberá calquera persoa que participe no asociacionismo cultural, isto é motivo para unha celebración por todo o alto, pero ao final as circunstancias cadraron un pouco mal, como saberá calquera persoa, en xeral. O seu presidente, Manuel Precedo, explica, por exemplo, que contaban coa visita de Esteve Riambau, o director da Filmoteca de Catalunya, para un encontro con cineclubes de Cataluña, de Portugal e de Galicia: “Sabíamos que tiña moi bos recordos porque o primeiro “bolo” que fixo foi en Ourense, co Cineclube Padre Feijoo daquela, no ano 73, cando se fixeran as segundas Xornadas do Cine das Nacionalidades”. Finalmente levárono a cabo en setembro, pero foi “un pouco fracaso, porque ademais coincidiu que subían moito os casos”, e tamén planificaron concertos que non puideron facerse.

Con todo, mantiveron algunhas das ideas centrais do aniversario: volveron proxectar Nueve cartas a Berta (o filme co que iniciaran as proxeccións en 1970), homenaxearon a socios e socias históricas do Cineclube e están a desenvolver o ciclo “50 anos, 50 filmes”, cunha chea de clásicos máis e menos recentes. Ademais, este decembro combinan esas proxeccións con sesións nas que colaboran co CGAI, as do Festival AMAL en Ruta ou o seu Ciclo de Outono en Ribadavia, no que proxectan na Igrexa da Magdalena desa vila.

Ao mesmo tempo, a distribución en liña (que está a presentarse a miúdo como complemento ou alternativa mentres as presenciais non sexan posibles) non ofrece en xeral opcións viables para unha actividade non comercial e que ten un carácter marcadamente local: “é complicado que nós defendamos a vía streaming como posible solución, primeiro porque hai unha dificultade tecnolóxica, xa que tes que depender sempre de terceiros, e despois porque ti non tes os dereitos dos filmes”. Aínda así, na súa traxectoria o traballo do Cineclube Padre Feijoo á hora de dar acceso a filmes non só se deu nas proxeccións en sala, senón tamén, por exemplo, nunha labor de arquivo de traballos audiovisuais feitos en Ourense que van achegando á biblioteca pública da cidade. Precedo vincula isto con iniciativas online como Flocos.tv, e reivindica a posibilidade de que as institucións fomenten este tipo de opcións: “A administración ten os cartos suficientes; se a FECIGA tivese cartos suficientes, ao mesmo nivel que está a federación catalana, por exemplo, ao mellor podía facelo, pero para un cineclube pequeno véxoo inviable”.

Polo de agora, cineclubes como o Padre Feijoo seguen entón cunha labor fundamental, que é a de chegar onde non chega o circuíto convencional do cinema. Isto sucede no sentido xeográfico pero tamén no do tipo de cinema que proxectan, como indica Precedo ao sinalar a posibilidade de que os cineclubes fagan circular “traballos que non teñen distribución comercial, pequenas obras que se fan en Pontevedra, en Ourense, en Lugo… que sempre quedan como algo local e despois non circulan”, pondo o exemplo de Mutantes, o filme de Álvaro Larriba sobre o Liceo Mutante. De cara ao ano que vén, espera poder retomar a idea do encontro de cineclubes, para poder poñer en común as formas de traballar e trazar colaboracións tamén con outras entidades que traballan nas canles de distribución alternativa. “Eu creo que dos encontros sempre hai unha sinerxia que se pode aproveitar, dicir “que ben fan os de Girona, podemos facer o mesmo”. Facer o encontro é frutífero, o malo é levar o traballo de facelo. Tentarémolo se as cousas veñen mellor que ata agora”.