O que vai vir en 2021

No momento de empezar a preparar os Papeis da Academia, pensabamos que esta peza comezaría celebrando a idea de ver a Óliver Laxe, Amador Arias e Benedicta Sánchez na alfombra vermella do Dolby Theatre de Hollywood, mesmo volvendo cun Oscar para Galicia. Máis aló dos motivos obvios, facíanos ilusión evitar as referencias á Covid-19 por un anaco, pero en 2020 isto é complicado, mesmo para falar do que vai vir en 2021: este ano trouxo a interrupción e o adiamento de moitas rodaxes pola crise sanitaria, polo que hai un bo número de proxectos que veremos o ano que vén pasaron por esa situación. Foi o caso de ¿Qué hicimos mal?, de Liliana Torres, ou series como 3Caminos (Ficción Producciones) e Hierro (Portocabo), que foron pioneiras no desenvolvemento de medidas de seguridade para retomar o traballo.

Ao mesmo tempo, a crise afectou ás estreas e á distribución de filmes, e obras como A illa das mentiras, de Paula Cons, tiraron para adiante nunha situación incerta, igual que outras que foron (ou irán) chegando a festivais e salas algo máis tarde, como Lúa vermella de Lois Patiño, Ons de Alfonso Zarauza ou Nación de Margarita Ledo, mentres houbo obras que conseguiron sacar todo o partido posible ao 2020 (como a curta Os corpos, de Eloy Domínguez Serén, que rematou a súa rodaxe e chegou a festivais como Rotterdam ou Xixón este mesmo ano).

Xa que logo, con todas as incertezas que a situación da pandemia provoca, o audiovisual galego segue adiante e en 2021 agárdase a chegada á gran pantalla de filmes de Dani de la Torre, Juanjo Giménez, Chelo Loureiro, Toño López ou Helena Girón e Samuel M. Delgado, así como a estrea de series de Voz Audiovisual, CTV e Bambú Producciones, ademais das citadas de Ficción e Portocabo. Tamén o inicio de numerosas rodaxes e o desenvolvemento doutros proxectos e iniciativas, que vos relatamos a continuación.