Outros proxectos: divulgación, investigación, cooperación

A maioría dos proxectos que acolle o audiovisual galego poden agruparse, con maior ou menor facilidade, no resto de apartados desta sección: normalmente son cine, ou televisión, ou contidos web (aínda que ás veces sexan varias cousas), e normalmente teñen unha data máis ou menos marcada para a súa finalización. Pero existen outra serie de ideas que escapan desta clasificación, nalgúns casos porque teñen un horizonte temporal máis indeterminado e noutros porque teñen máis que ver coa investigación ou as iniciativas culturais e sectoriais que coa creación en si. Neste punto abordamos algúns deles.


Un dos exemplos deste escapar ás definicións do que falabamos represéntao o Colectivo Cinema Semente, un proxecto multidisciplinar que utiliza o audiovisual para a reflexión e a transformación do rural galego, e que en concreto se centra no concello de Cortegada. O colectivo presentou a súa peza Notas sobre a habitabilidade en A Barca ver en festivais como Curtocircuito, Cans ou o Play-Doc de Tui, amosando un dos moitos pés que ten este colectivo, que quere imaxinar outras posibilidades de vivir nun espazo utilizando o cinema e o audiovisual como ferramenta de unión e comunicación cos habitantes do lugar. 

Precisamente, Cinema Semente compartiu proxección en Curtocircuíto coas realizadoras Lara e Noa Castro, que fan tamén parte xunto a Noemí Parga, Raquel Álvarez, Daniel Arana e Judith Salgado doutro colectivo artístico: o Grupo Subterráneo, que naceu hai un ano e no que conviven creadores e creadoras do ámbito audiovisual e das belas artes. Unha das súas primeiras accións foi comisariar a sección Escolas no Festival Intersección, e a curto prazo seguirán traballando en novas sinerxias e conexións de cara o vindeiro ano, tanto no creativo como no curatorial, cunha convocatoria estatal de correspondencias audiovisuais que sairá neste mes de decembro e estará aberta ata mediados de 2021. A longo prazo queren realizar e colaborar nas súas propias producións como colectivo, uns obxectivos que, polo momento, están en stand-by pola covid-19. 

En pausa pola pandemia están tamén as bolsas de creación que puxera en marcha MOCA, o Museo Online de Cine Autobiográfico, para fomentar a exploración audiovisual e a mirada artística dende o eu. A convocatoria das dúas bolsas que ofrecían, e que incluían dotación económica e material, está paralizada ata novo aviso, mais este proxecto de La Cinematográfica e Cafés Candelas continúa co resto da súa actividade, dedicada á creación e a investigación arredor da escritura autobiográfica, a exploración da memoria, as relacións coa familia ou a indagación no arquivo.

Precisamente, a investigación cinematográfica en Galicia continúa a ampliar a súa produción. Este 2020, o Grupo de Estudos Audiovisuais da Universidade de Santiago de Compostela organizaba a cuarta edición de CO(M)XÉNERO, o Seminario Permanente de Comunicación e Xénero, que xirou arredor dos diarios fílmicos, e nesta edición presentouse a primeira publicación que recolle unha parte das intervencións de seminarios anteriores. O libro, editado por Vía Láctea, únese así a De illas e sereas, a terceira parte dos ensaios Para unha historia do cinema en lingua galega, que coordina este grupo da USC e publica Galaxia, afondando nuns traballos de reflexión e recuperación que prevén continuar no futuro.

Tamén desde o ámbito da educación, pero neste caso no da primaria e a secundaria, se traballaba este ano arredor do audiovisual galego co nacemeno de Fiestra, unha plataforma dixital desenvolvida pola Academia Galega do Audiovisual, para traballar co cinema galego nos centros de ensino. Neste proxecto pedagóxico, que nace da necesidade do profesorado de ter materiais para traballar nas aulas, atópase un repositorio de curtas galegas seleccionadas polo seu valor educativo, que van acompañadas de materiais didácticos para traballar co alumnado, e ao que se lle augura unha boa vida na rede e a incorporación de máis obras.

No ámbito da organización do sector, este ano viu, diante das novas necesidades de cooperación e de diálogo coas institucións, o nacemento de plataformas como Pantalla (a Federación Estatal de Coordinadoras de Festivais de Cine e Contidos Audiovisuais, da que participa a galega Proxecta) ou PROMIO, a rede de cines independentes do estado español. Esta organización nace para apoiarse no seu obxectivo principal, a defensa da diversidade cinematográfica, e vela pola inclusión nas súas programacións semanais de producións independentes.

En PROMIO, que ten como presidente a Ramiro Ledo, participan salas de cine galegas como NUMAX (Santiago), DUPLEX (Ferrol) e Codex Cinema (Lugo) ao carón de referentes desta diversidade no Estado como Zumzeig (Barcelona), Cinema Truffaut (Girona) ou CineCiutat (Palma de Mallorca).