Este ferrolán do 90 é unha das novas voces na crítica de cine en Galicia, e unha das que máis se atreve con novos formatos e linguaxes, como o videoensaio (foi gañador do premio María Luz Morales nesta categoría). Desde hai un ano dirixe A Cuarta Parede, a máis importante revista de cine en Galicia, case podemos dicir veterana, pois 7 anos é case un récord para un medio especializado dixital en galego.
Aínda así, a Brais cústalle definirse como crítico de cine: «Cando unha persoa é un crítico? Crítica facemos todos ao saír do cine». Pero unha cousa é criticar e outra escribir, investigar, facer análise de filmes ou de autores, algo que leva tempo facendo en distintos medios: «Acabo aquí despois de dar moitos tombos en blogs e demais: Cinema Friki en Praza Pública, Disquecool… Coñecín a xente da Cuarta Parede cando asistín ao primeiro seminario de crítica cinematográfica, no Play-Doc, e aí fun metendo o pé.»
Este labor editorial, que fai de xeito voluntario, consómelle bastante tempo, que compaxina coa docencia, a profesores e a rapaces en actividades extraescolares, e a súa tese de doutoramento sobre o galego no cine galego. «A miña vocación é a docencia, dedícolle moito tempo. Tamén me gusta moito o cine e dedícolle o 50%. A miña meta é, adiviña, ser profesor de cine. Non para dar eu a chapa, senó para aprender dos alumnos.»
Vive en Sada, independente de seus pais, pero aínda con “subvención” familiar: «Nestes tempos xa nin o soldo de dúas persoas chega para vivir. Estamos precarizados de moitos xeitos, estou farto de ter broncas laborais porque non quero traballar gratis. Pero tampouco quero renunciar a aquilo ao que me quero dedicar, porque se te afastas logo é moi difícil voltar».
Por exemplo, «ofrecéronme a facer un programa de crítica de cine pagándome un día a semana, o da gravación, coma se non tivese que preparar os temas, buscar imaxes… ese tempo tiña que poñelo eu do meu peto.» E negouse. «Estou en proxectos que non me dan cartos, si, pero porque me implico de forma persoal. Outra cousa é ser empregado dun proxecto e ter que traballar gratis. Téñoo feito pero ten que chegar un punto no que te negues», afirma, pensando de xeito colectivo en todos os compañeiros que reciben a diario este tipo de propostas.
«O panorama laboral véxoo moi ben para a xente que empezou antes do 2000. Hai xente que xa está aí, e moi ben colocada, sen que ninguén os cuestione. Para os que están empezando, a cousa está fodida. Iso que a nivel creativo dámoslles mil voltas. Somos unha xeración moi aberta, que estamos ao tanto de todo. E abrímonos a cousas diferentes, como o videoensaio ou a crítica en internet.»
Coa rede tomou contacto co mundo dos videoensaios: «a comunidade que hai é brutal, e nace de internet. Aquí aínda non se popularizou, pero hai moitas voces interesantes dando visións diferentes. No seu canal de Vimeo podemos ver a maioría dos seus traballos. «Do que máis orgulloso estou é do que fixen sobre o director danés Jørgen Leth, e tamén do de “Vikingland”, que aínda non está publicado.»
Podemos seguir os seus traballos no seu canal de Vimeo, e a el en Twitter (@BraisR).