Entre o 27 de novembro e o 1 de decembro celebrouse na Coruña, Santiago e Narón a 2ª edición da SEMUA, Semana das Músicas do Audiovisual. Un festival singular que, baixo a batuta do compositor Nani García, daba protagonismo ás músicas para cine, televisión e outros medios audiovisuais. O obxectivo, difundir as mellores composicións en cada xénero e ampliar a formación de profesionais e persoas interesadas na composición, produción e interpretación deste tipo de música que todo o mundo escoita, pero que non sempre consegue a atención directa do ouvinte.
Fotos: Óscar Corral
O prato forte desta actividade foi o concerto “Bandas sonoras do cinema español: As nosas músicas”, que ateigou o auditorio do Pazo da Cultura de Narón o venres 1 de decembro. Nel a Orquestra Sinfónica de Galicia interpretou algunha das principais partituras para cine e televisión escritas en Galicia durante os últimos anos de compositores como Xavi Font (“Vidago Palace”), Manuel Riveiro (“O final do camiño”), Arturo Kress (“O bosque animado”) ou o propio Nani García (“Engurras”). Os 4 autores estiveron presentes neste concerto, que estivo precedido dun café-coloquio no que puideron compartir impresións.
O concerto e a semana dedicáronlle este ano una especial atención á figura de Fernando Velázquez, autor referencial no ámbito estatal, que dirixiu este concerto de Narón incluíndo algunhas das súas obras no programa. O compositor participou de forma moi activa durante a semana, levando a cabo a gravación, aberta aos académicos e profesionais, da banda sonora da película “Los futbolísimos” coa Orquestra Sinfónica de Galicia no Pazo da Ópera da Coruña, xunto ao enxeñeiro de son Marc Blanes, e coa presenza do director do filme, Miguel Ángel Lamata. Tamén mantivo un encontro aberto ao público do mundo da música de cine.
Compositor de música de concerto, cinema e televisión, o primeiro traballo de Fernando Velázquez con gran repercusión foi a banda sonora de “El Orfanato”. Entre as súas partituras para cine podemos destacar “Mamá”, “Crimson Peak”, “Lo Imposible”, “Hércules”, “Ocho apellidos vascos”, así como numerosas películas independentes, como “Babycall”, “El guardián invisible”, “Gernika”, “Zipi y Zape y el club de la canica” ou “Los ojos de Julia”. A súa partitura de “Un monstruo viene a verme” fíxolle recibir os premios Goya, Feroz e a Medalla do Círculo de Escritores Cinematográficos en 2017. Tamén foi nomeado como compositor do ano 2016 pola Asociación de Críticos Internacionais de Música de Cinema.
A outra pata fundamental da Semana das Músicas do Audiovisual foron os obradoiros e masterclasses para profesionais ou especialistas da música, impartidos ao longo de toda a semana na Coruña (Fundación Paideia) e en Santiago (Fundación SGAE).
Luis Ivars impartiu unha masterclass sobre os dereitos de autor nas músicas do audiovisual, de especial interese para produtores e directores, ademais de para músicos. Nela analizouse quen, como e onde se defende o valor intelectual e económico da obra audiovisual, e tamén se botou un ollo aos novos cambios na lei de propiedade intelectual a nivel europeo e as modificacións derivadas dos novos dereitos que emanan do uso da web, entre outras cousas.
Vanessa Garde ofreceu unha clase sobre “Tecnoloxía e creatividade na produción musical”, na que se deu un repaso ao uso da tecnoloxía e da innovación nos sistemas de composición de músicas para o audiovisual, desde os máis simples aos máis complexos, para impulsar a creatividade na produción musical.
A organización desta edición da SEMUA contou co patrocinio da Concellaría de Culturas da Coruña, da Deputación da Coruña, da Fundación Paideia e de Cafés Candelas.