Mar Catarina (Vilagarcía, 1988) é artista visual, fotógrafa e realizadora. Tamén é música. E desde o laboratorio PRENOM, que creou en 2011 xunto a Rubén Domínguez, ten feito algúns dos videoclips máis estimulantes da nosa música recente, traballando con grupos como Ataque Escampe ou tamén Chicharrón, banda da que formou parte. Na actualidade segue a fecer música nos grupos jijiji e Esposa. Con estes últimos editou na primavera o LP “Xardín interior”.
O seu contacto coa arte empezou a través da danza. «Sempre tivo un peso fundamental na miña vida pero tiña claro que nunca me dedicaría profesionalmente a ela. Como sabía que non podía ser bailarina, quería ser fotógrafa ou cineasta.» Logo de estudar Comunicación Audiovisual na USC fixo un ano na Pompeu Fabra de Barcelona e aí puido afondar no coñecemento do cinema. Despois chegou Lisboa, onde fixo un posgrao en Fotografía, Proxecto e Arte Contemporánea, que a marcou profundamente. En paralelo chegou PRENOM: «concebímolo como un espazo para liberdade creativa e o traballo en común. Era un proxecto modesto pero cuns principios estéticos moi claros. Eu co-dirixía, axudaba na produción e na realización de videoclips e tamén creei os meus cadernos fotográficos “O cuarto de Bernarda” (2010), “Segunda pel” (2011) e “Piña” (2011). Actualmente, PRENOM creceu e somos un estudio audiovisual e unha editora.»
Máis alá do soporte, a Mar gústalle definir o seu traballo como «unha procura íntima e case autobiográfica daquilo que me conmove e provoca beleza. Procuro a simplicidade e o orgánico das cousas e persoas coas que traballo co fin de acadar a pureza ou verdade delas propias. Para iso sírvome de paisaxes, corpos e movementos que transcriben emocións e pensamentos que, para min, son preocupacións recorrentes.» Esta marcada ollada autoral percíbese nos seus traballos recentes. Cales destacaría? «Estou moi contenta co resultado do último videoclip que realicei (“Na cela”, Chicharrón, 2017) e para min tamén foi moi importante o resultado da exposición fotográfica “A Lagoa” (2012). Tamén estou moi satisfeita cos proxectos gráficos dos álbums “Postal” (Chicharrón, 2016) e “Xardín Interior” (Esposa, 2017).
Na actualidade está a rematar o master en profesorado na especialidade e Artes Plásticas e Visuais e gustaríalle combinar súa paixón polo cine e a fotografía coa docencia «xa que as comprendo como facetas complementarias». Tamén está a traballar nun proxecto de longametraxe, que prepara pouco a pouco: «Todo chegará no seu momento. Agora mesmo estou centrada noutros proxectos máis inmediatos: estou preparando a edición dun caderno de viaxe, escribindo un guión para unha curtametraxe, desenvolvendo unhas premisas para un proxecto multimedia de enfoque televisivo e compoñendo música».
Este desbordamento artístico pode soar a dispersión, mais asegura o contrario: «teño relativamente claro cara onde vou e que ferramentas empregar». A súa proposta estética vaino demostrando a través de todas estas disciplinas, e con múltiples referencias, dende os cineastas Jonas Mekas, Kore-eda, Agnes Varda, Naomi Kawase ou Kaurismaki ata músicos como Victoria Legrand (Beach House) ou Emilio José e artistas como Yoko Ono ou Georgia O’Keefe.
E, aínda que estudou fóra porque quixo e coa crise chegou a contemplar traballar no estranxeiro, neste momento a súa aposta está en Galicia, a pesar da precariedade estrutural que, considera, existe no mundo das artes neste país. «No meu caso entendo a creación dende Galicia como un acto de resistencia», explica. «É moi posible que marchando ao estranxeiro melloraran as miñas posibilidades de atopar un traballo ben remunerado no sector e que me permitise crecer como profesional, como lle aconteceu a moitos compañeiros, pero tamén entendía e entendo que a forma de subvertir o estado das cousas e construir alternativas tiña que ser necesariamente desde aquí».
Podemos seguila no seu canal de Vimeo e no de PRENOM, así como no Instagram.