O 4 de marzo de 2017 celebrouse entrega dos XV Premios Mestre Mateo, no Palexco da Coruña, congregando a case mil persoas do sector do audiovisual en Galicia. Foi unha gala moi dinámica dirixida por Manuel Cortés e presentada por Iolanda Muiños, que estivo acompañada da grupo de teatro A Panadaría, e dunha banda en directo con Ramón Orencio á fronte.
A película triunfadora da noite foi “María (y los demás)”, dirixida por Nely Reguera e producida por Frida Films, Avalon, , TVG, Movistar Plus e TVE. Foi a producción que máis galardóns obtivo: cinco, entre eles o premio á mellor longametraxe. Tamén a súa protagonista, Bárbara Lennie, obtivo o premio á mellor interpretación feminina. Acadou ademais os premios ao mellor guión, son e música orixinal.
A segunda no palmarés foi a serie “Dalia, a Modista”, de TVG e CTV, dirixida por Giselle Llanio, que obtivo catro premios: mellor interpretación feminina de reparto (Covadonga Berdiñas), dirección de arte, vestiario e maquillaxe e perruquería.
Tres premios Mestre Mateo obtivo o documental “Esquece Monelos“, da directora Ángeles Huerta con produción de Danga Danga Audiovisuais: mellor documental, dirección de fotografía e montaxe)
O premio ao mellor programa de televisión foi para “Land Rober Tunai Show”. O seu presentador, Roberto Vilar, levou tamén o Mestre Mateo ao mellor comunicador de TV.
No apartado de traballos actorais, ademais do galardón para Bárbara Lennie, Luis Tosar levou o premio ao mellor actor protagonista por “Cen Anos de Perdón”. O Mestre Mateo para a mellor interpretación masculina de reparto foi para Monti Castiñeiras polo seu traballo en “Serramoura”, ademais do mencnionado premio para Covadonga Berdiñas.
Discurso do presidente: igualdade e oportunidades
Na súa intervención, o presidente da AGA, Carlos Ares, fixo un chamamento de atención respecto á situación pola que están pasando cerca do 60% dos actores e actrices galegas, que non poden vivir da súa profesión. «Cómpre tentar mellorar esta situación, cómpre traballar para evitar a precariedade. E isto non é algo que debamos descargar só nas Administracións. É unha situación que debemos tentar reverter entre todos e todas: Administración, profesionais e empresas. Esta Academia quere ser un interlocutor para ese diálogo˝, sinalou.
Tamén fixo especial mención á situación de discriminación das mulleres no sector audiovisual: «Queremos non ter que celebrar que haxa o mesmo número de mulleres directoras que homes. Queremos que non sexa algo excepcional ter historias con mulleres protagonistas, que non sexa algo que resaltar. Esta Academia ten un firme compromiso coa igualdade, como non pode ser doutro xeito. Porque é de xustiza».
O presidente da AGA tamén reclamou «que se desenvolva o Estatuto do traballador e traballadora da arte e da cultura. Un estatuto que poría a profesionais de todos os eidos da cultura á altura de países da contorna».
«Non pedimos privilexios, nin moito menos» dixo para rematar Carlos Ares. «Só pedimos ter dereito ás mesmas prestacións por baixa laboral, enfermidade, maternidade, paternidade, desemprego ou xubilación que o resto de traballadoras e traballadores do país».
Premio de honra á directora artística Marta Villar
Pola súa parte, tras recoller o Premio de Honra “Fernando Rey”, a directora de arte Marta Villar recoñeceu que na súa vida tivo dúas obsesións, «o meu traballo e a miña familia».
A premiada chamou a atención sobre a desigualdade xeográfica do audiovisual galego. Galicia tradicionalmente foi un gran estudio de cinema, de norte a sur e de leste a oeste, tanto para nós como para as producións de fóra. A crise está a relegar este estudio a escasos quilómetros ao redor dunha cidade, 40 minutos de desprazamento desde a oficina de produción, pois dificilmente pódense asumir outros custos na situación actual».
Marta Villar chamou a atención das Aministracións para que «na medida do posible poñan en valor o seu territorio dando facilidades á producción. E reclamo institucións para esta finalidade».
«A nosa diversidade é tan inmensa como singular e por iso universal. Recuperemos a totalidade do noso territorio como estudio de cinema e así enriqueceremos o noso audiovisual ao mesmo tempo que á sociedade galega», dixo antes de rematar cun «moitas grazas, moito traballo e moita igualdade».