O Paraninfo da Universidade da Coruña acolleu o pasado 9 de novembro o encontro “Novos modelos profesionais para o audiovisual”, no que creativos do sector, xunto con empresas produtoras, axencias de publicidade e marcas, afondaron nas distintas posibilidades de traballo que os novos medios están traendo para a industria audiovisual, máis alá dos soportes tradicionais do cine e a televisión.
O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, abriu esta xornada que organiza a súa concellaría a través do recén creado Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación (LAIC), dentro do programa Coruña Dixital, en cuxa organización colaborou tamén a Academia Galega do Audiovisual. O obxectivo do Encontro era coñecer de cerca o novo escenario no que moitos profesionais están empezando a traballar, que é a produción audiovisual deseñada para a difusión en internet, con fins promocionais ou comerciais, e moitas veces encargada directamente polas propias marcas.
A sesión matinal dividiuse en dous paneis. O primeiro, co título “A quen lle vendo o meu traballo? Novos formatos, novos clientes, novos mercados”, reuniu a creadoras, realizadores e produtores audiovisuais como Álvaro P. Becerra (Ainé Producións), Isabel Vila, creadora gráfica e animadora, JS Raimundi (Ziwa Estudio Audiovisual) e Adolfo Ponte Velasco (Milana Bonita Producciones), nunha mesa moderada polo presidente da Academia, o guionista Carlos Ares.
Vídeo íntegro do panel:
A continuación, no panel “Máis alá do spot: o vídeo na publicidade dixital. Formatos e soportes” foron as marcas e as axencias de marketing online as que tomaron a palabra para dar a visión desde o outro lado deste ecosistema, o que xera a demanda de creación de vídeo en internet. Falaron Gabriel Barrós, director de comunicación do RC Deportivo da Coruña, David Fernández, brand manager de Cabreiroá, e Fátima Carmena, directora de proxectos de Nasas, axencia creativa de marketing online.
Vídeo íntegro do panel:
A xornada continuou pola tarde cunha sesión de speed-dating na que 10 creadores e 10 empresas puideron conversar durante 10 minutos para coñecerse, ofrecer servizos e explicar as súas necesidades. E pechouse cun coloquio sobre as condicións profesionais deste sector emerxente, no que se identificaron e propuxeron boas prácticas a seguir por clientes, axencias, produtoras, e profesionais asalariados e autónomos.