A Academia convocou este ano os primeiros premios María Luz Morales de ensaio, co propósito de incentivar a investigación en galego sobre a cultura audiovisual. Coa colaboración das catro deputacións, os premios outorgáronse en dúas categorías, audiovisual galego e audiovisual internacional, e dúas modalidades: o ensaio escrito e o videoensaio. Presentamos aquí os traballos gañadores.
Fotos: Fran Martínez
A Academia Galega do Audiovisual entregou o pasado 7 de xuño na Deputación da Coruña os primeiros premios María Luz Morales, que promoven a investigación científica no ámbito audiovisual, destacando cun galardón e 1.200 euros dous videoensaios e dous ensaios escritos asinados por cinco novísimos investigadores galegos, nunha iniciativa pioneira que contou coa participación das catro deputacións.
O coruñés Cibrán Tenreiro gañou o Premio ao mellor Ensaio Escrito Galego con “Equilibrios precarios. Unha aproximación aos vídeos dunha escena underground galega”, que foi o mellor valorado, en palabras do xurado, «polo enfoque novidoso dun tema pouco coñecido e polo rigor no tratamento». O xurado considerou merecedor dun accésit o ensaio escrito por Brais Romero “O galego no cinema galego”, que remarca a importancia e a responsabilidade institucional a respecto de afondar sobre o uso do galego nas producións cinematográficas.
A lucense Noelia Álvarez e a ourensá Nazaré Estévez recolleron o Premio ao mellor Ensaio Escrito Internacional con “Análise da representación da muller no cinema español da última década”, que ven cubrir a necesidade dun discurso de xénero na análise do tratamento da muller no cinema español.
O ferrolán Brais Romero tamén gañou o Premio ao mellor Vídeo Ensaio Galego con “Films From Galicia?”, que ofrece unha visión crítica e combativa na marxinación do idioma galego na produción audiovisual do noso país e do que o xurado destacou «a calidade na realización do videoensaio, cun tratamento sonoro moi expresivo».
A vilalbesa Denisse Lozano gañou o Premio ao mellor Vídeo Ensaio Internacional con “A cámara perseguidora. Orixe e intención dos planos de seguimento”, que analiza un elemento estilístico e a súa relación co cine de intención social.
O acto de entrega contou coa participación de Margarita Ledo, en representación do xurado, do que tamén forman parte o xornalista Ángel Suanzes e mais o guionista e crítico de cine Daniel Domínguez; Carlos Ares, María Yáñez e Manolo González, en representación da Academia Galega do Audiovisual; Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña; Pilar García Porto, deputada de Cultura da Deputación de Lugo; Manuel Doval, deputado de Cultura da Deputación de Ourense; Xosé Leal, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra; e José Manuel Sande, concelleiro de Culturas do Concello da Coruña.
Os premios María Luz Morales pretenden avivar o interese polos estudos sobre o audiovisual, ofrecendo ás persoas estudosas e investigadoras a posibilidade de facer os seus traballos tanto en formato audiovisual como escrito. Nesta primeira edición recibíronse 21 propostas coas temáticas e estilos máis diversos. Segundo asegurou Margarita Ledo no acto de entrega, o xurado valorou criterios como a existencia dunha voz propia e a actitude crítica, a independencia profesional, a perspectiva de xénero e a consciencia de pertenza a un determinado país, inspirados pola propia figura de María Luz Morales, unha xornalista galega que foi pioneira no Estado, ao converterse na primeira directora dun xornal diario, e que exerceu como crítica, investigadora e colaboradora de producións audiovisuais. Morales foi tamén un referente na defensa dos dereitos das mulleres e no galeguismo, represaliada e apartada da profesión durante o franquismo.
A segunda edición destes premios xa está en marcha, coa convocatoria aberta e as bases publicadas. Os traballos pódense enviar ata o 7 de maio, seguindo as instrucións na web da Academia. O acto de entrega farase en xuño de 2018, coa Deputación de Lugo como anfitrioa.
A continuación publicamos os traballos gañadores, xunto co accésit, que non tivo premio pero si proposta de publicación por parte do xurado.