Ademáis da celebración dos XV Premios Mestre Mateo, dos I Premios María Luz Morales, da Semana das Músicas do Audiovisual ou o Encontro de Academias da Península, a AGA tivo outras actividades e feitos noticiables durante o 2017, que resumimos a continuación.
Renovación da xunta directiva
Na asamblea ordinaria e electoral celebrada o venres 16 de xuño saíu elixida por aclamación a xunta directiva que rexerá a vida da Academia os vindeiros dous anos. Repite o equipo directivo que está presidido por Carlos Ares, sendo vicepresidentes Tamara Canosa e Nani García, e acompañados por Antonio Durán “Morris”, Manolo González, Luisa Romeo e María Vázquez, coas novas incorporacións de Ana Míguez, Olga Osorio e Susana Veira.
Base de datos do sector
A Academia continúa a traballa na Base de datos do sector audiovisual galego, un ambicioso proxecto destinado á consulta aberta de datos relativos a obras, intérpretes, produtoras, directores, equipas técnicas da historia recente do cine e da televisión en Galicia. Prevese a súa publicación para o primeiro semestre do 2018.
Encontros Mestre Mateo
Nas semanas previas á gala dos Premios Mestre Mateo leváronse a cabo estes encontros, onde os finalistas en distintas categorías de producións e profesionais desta XV edición visitaron as escolas de audiovisual de Galicia para un coloquio cos futuros profesionais do sector. Desde hai sete anos os Encontros veñen sendo das actividades máis exitosas e demandadas polas escolas, ao ofrecer aos estudantes a posibilidade de coñecer de primeira man a realidade da profesión a través da conversa cos candidatos.
Comparecencia no Congreso
O presidente da Academia, Carlos Ares participou o 6 de outubro na rolda de comparecencias de creadores ante Subcomisión da Elaboración do Estatuto do Traballador da Cultura no Congreso dos Deputados. Aquí pódese ver o texto íntegro da súa comparecencia.
Premios Gaudí
O Salón Teatro de Compostela acolleu no mes de outubro as proxeccións das películas gañadoras na pasada edición dos Premios Gaudí, entre as que se atopan “Un monstruo viene a verme”, de J. A. Bayona, que acadou oito galardóns, e “La propera pell” (A próxima pel), que conseguiu o de mellor película, mellor guión e mellor protagonista feminina para Emma Suárez. O ciclo estivo organizado pola Academia Galega do Audiovisual, en colaboración coa Acadèmia del Cinema Català e co Centro Dramático Galego.
Novo acordo de colaboración co Concello da Coruña
O Concello da Coruña destinou unha nova partida 75.000 euros para promocionar o cine na cidade a través da Academia Galega do Audiovisual, coa que asinou un acordo de colaboración para levar a cabo un programa de apoio para cineastas e para a industria audiovisual en xeral. O plan pretende contribuír á difusión de producións locais, ademais de axudar aos organizadores de festivais e ao desenvolvemento de proxectos, co obxectivo de contribuír a dar visibilidade ao audiovisual da Coruña e do resto de Galicia.
Un día de cine
A Deputación da Coruña entregou un recoñecemento ás boas prácticas en educación e cultura inclusiva do proxecto Un día de cine, promovido pola a Asociación Proxecto Máscaras, e esta decidiu compartir o premio coas entidades que axudaron a levalo a cabo. Entre elas, a Academia Galega do Audiovisual, que recolleu o seu anaquiño do galardón xunto coa Fundación e a empresa Emalcsa, o Museo de Ciencia e Tecnoloxía de A Coruña (Muncyt), o Colexio Plurilingüe Calasancias e o Club do Ocio Finisterre. Este recoñecemento quere salientar o papel das institucións e das persoas que coa súa colaboración fomentan a acción voluntaria e a implicación, prototipando novas realidades baseadas na inclusión e na igualdade para a evolución da sociedade.