Rematabamos a introducción ao anuario do pasado ano desexando que entre todos foramos capaces de aglutinar o sector e desexando tamén que se incrementase de maneira significativa o número de académicos. Precisamente así queremos introducir este sexto número de Papeis da Academia. Máis ca un desexo, desde a xunta directiva queremos transmitirvos a necesidade de incorporar a compañeiros e compañeiras que nos axuden a manter viva esta Academia. Aproveitamos, pois, estas lineas para solicitar de vos, do mesmo xeito que o solicitamos na última asemblea de socios celebrada o pasado mes de xuño, a colaboración para aportar cantas máis ideas mellor, de cara a conseguir o obxectivo de alcanzar para o próximo ano a cifra dos cincocentos académicos.
Este non foi un ano fácil. Para ninguén. E todo indica que o que ven non vai ser moito mellor. Desde a xunta directiva intentaremos suplir a falta de recursos con entusiasmo e esforzo para que o noso audiovisual siga tendo a presencia e a importancia que os profesionais que compoñemos este sector merecemos. Presencia e importancia que, por outra parte, seguramente nos vai custar máis manter do que nos custou conseguir…
Pero por unha vez, e sen que sirve de precedente, deixemos a falsa modestia a un lado e digamos ben alto e ben claro a quen lle poida interesar que nesta terra andamos sobrados de talento e que, aínda que as peores circunstancias no lo demanden , somos incapaces de facer mal o noso traballo…e non porque non queiramos facelo. Simplemente… porque non sabemos como.
Por último agradecer toda a colaboración, o esforzo, o traballo e o entusiasmo que tantos compañeiros e compañeiras brindaron, en moitos casos de maneira desinteresada, para sacar adiante a Gala dos Premios Mestre Mateo deste ano. Grazas, por suposto, ós distintos organismos públicos e privados polo seu apoio e dunha maneira especial moitas grazas ós grandes profesionáis de TVG que traballaron neste gala, pola súa profesionalidade desde logo, pero sobre todo por demostrarnos algo que xa sabiamos, pero que de cando en vez non ven nada mal recordar e recordarnos: faenamos todos no mesmo barco.