«Levo flocos de millo? Vai haber leña?» Preguntaban algúns dos asistentes na entrada do CGAC o pasado 4 de outubro. Non ían ver Pressing Catch nin Sálvame, mais si que había certo morbo previo ás Mesas Interxeracionais do Audiovisual Galego, que xuntaban na mesma mesa a xente en principio con olladas e lugares opostos no noso pequeno sector audiovisual. Un dos máis veteranos acougaba, ou non, as expectativas:«Non creo que haxa moita batalla entre unhas xeracións e outras. As batallas adoitan ser entre os da mesma xeración».
Texto: María Yáñez
Aínda que fondo ninguén agardaba guerra, había expectación. O Festival Curtocircuíto, no seu 15 aniversario, tivo a idea de organizar estas mesas, coa colaboración da Academia Galega do Audiovisual, ao ver que «por primeira vez hai catro xeracións distintas en activo traballando no noso audiovisual, e nunca houbo un espazo que as puxese a falar entre elas». Así o explicaba Pela del Álamo, director de Curtocircuíto e artífice do evento xunto coa produtora e docente Beli Martínez, colaboradora habitual do festival. O obxectivo era, por un lado, celebrar esta coexistencia, e por outro, dialogar para superar prexuízos, tender pontes e poñer as experiencias e necesidades comúns enriba da mesa. Tamén as diferenzas.
Se cadra o de catro xeracións é moito dicir. Ou non tanto, nun audiovisual cunha historia curta como é o noso. Pero si hai xente que naceu e traballou en catro décadas diferentes, e por aí ía o criterio da organización á hora de establecer eses catro grupos, que empezaron a traballar «en diferentes momentos políticos e estéticos»: os que iniciaron a súa carreira nos 70-80, os que comezaron nos 90, os que fixeron as súas primeiras obras na primeira década deste século, e a nova formada que vén petando na porta nos últimos anos.
Cronoloxía das catro xeracións
Manolo González viunas nacer a todas. O profesor, fundador da EIS e ex director da Axencia Audiovisual Galega, foi o encargado de dar o relatorio de apertura da xornada, no que puido poñer os asistentes en contexto do que foi esta evolución do audiovisual galego a través das décadas. Citando o escritor e guionista Miguel Anxo Murado cando di que «toda a historia é un relato», González acolleuse á subxectividade coa que cada historiador interpreta os acontecementos, e coa súa perspectiva de profesor, investigador, dinamizador e testemuña das catro xeracións, tratou de resumir á súa maneira este relato.
Empezou por remontarse a moito antes do 1989, que se considera o ano de nacemento do cine comercial galego coas produción das longametraxes Sempre Xonxa, Urxa e Continental, puntualizando que «hai unha xeración previa a estas películas, de xente nacida nos anos 40 e 50, que fixo os primeiros traballos durante a Transición. Non existía Autonomía nin Xunta nin TVG pero habia unha pulsión por facer cine en Galicia, sen apenas recursos, quitado os do mecenas Víctor Ruppen», explicaba o profesor e historiador do cine, recordando a quinta de Miguel Gato, Euloxio Rubal, Miguel Castelo ou Antonio Simón, agrupados no Equipo Lupa ou no Grupo Imaxe. Lembrou tamén que cando se crea o Estatuto de Autonomía no ano 81 «non había un só profesional do audiovisual en Galicia, agás os que traballaban no Centro Territorial de TVE».
Establecido o punto de partida da profesionalización do sector, Manolo González quixo resaltar as tres claves que determinan a creación audiovisual en cada xeración: 1) a política audiovisual, porque «quen estea no poder vai determinar o que pasa coa audiovisual, en Galicia e en toda Europa: a política audiovisual xera institucións, pon recursos, establece prioridades», 2) a televisión, como locomotora da industria dos contidos, porque «en función da súa política editorial prodúcense unhas cousas ou outras, e producen unhas empresas ou outras» e 3) as estruturas de formación: onde se forman profesionais e creadores.
Repasou así estas tres cuestións, desde o nacemento da TVG da EIS ou do CGAI ata a creación do “Modelo Galego do Audiovisual” na etapa do fraguismo, que favorecía a coprodución minoritaria de empresas galegas, algo que daba traballo aos profesionais saídos da EIS, por exemplo, mais nunca como xefes de equipo. Lembrou que ese modelo se quixo cambiar no 2005 co bipartito, cando o propio Manolo Gonzalez se puxo á fronte da Axencia Audiovisual Galega, cuxa política quizo acabar co MGA coa idea de darlle igualdade de oportunidades á xente para facer películas desde aquí. Non só as que por entón eran o “mundo paralelo” e que foi o xermolo do Novo Cinema Galego, senón tamén a unha nova xeración de produtoras como Emma Lustres ou Fernanda del Nido. Así, da etapa da Axencia saíu a primeira película galega premiada en Cannes, Todos vós sodes capitáns de Oliver Laxe, mais tamén o taquillazo Celda 2011, desenvolvida e producida desde A Coruña por Vaca Films.
Co regreso do Partido Popular ao goberno galego, en 2009, desapareceu a Axencia Audiovisual Galega, e con ela iniciativas como Flocos.TV ou a web da propia Axencia, que contiña unha inxente base de datos de obras e profesionais. No seu lugar, a Axencia Galga das Industrias Culturais(Agadic) acolleu a política audiovisual, «da que non podo opinar porque non coñezo cal é a estratexia, non vin ningún documento, vexo que tiran para adiante a partir do que había feito, mandendo algunhas cousas que funcionaban como as comisións paritarias ou as axudas ao talento». Segundo González, «tamén se notan cambios nos proxectos das produtoras industriais, que teñen máis talento galego nos equipos; a xente con vocación de facer cinema en galego como Ignacio Vilar segue facendo as suas pelis, e o que eu chamo pequenos roedores (Anxos Fazáns, Jaione Camborda, Oliver Laxe, Lois Patiño…) xa son mamíferos algo máis grandes e son os que levan as rendas do discurso.»
Ao peche da Axencia Audiovisual Galega Manolo González regresou á docencia «e agora traballo coa quinta xeración do audiovisual, os meus alumnos, que xa naceron todos neste século», ao igual que moitos dos presentes no auditorio do CGAC nesa mañá de outubro. Estudantes das Escolas de Imaxe e Son da Coruña, de Vigo e de Ourense asistiron nas dúas sesións curiosos por coñecer a evolución das fornadas que os precederon. A lección do profesor Manolo foi un bo comezo. A continuación chegarían os protagonistas destas catro xeracións.
Erros, acertos, herdanzas
A primeira mesa titulouse “A túa xeración: erros e acertos” e quería servir para que cada xeración se presentase en primeira persoa falando do bo e do non tan bo que fixeron. Moderaba Nieves Rodríguez, actriz, presentadora e presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. A orde de intervención ía ser a mesma para todas as mesas: de máis novo a máis vello. Empezou Brais Romero, da xeración dos novísimos, quen destacou o talento como a parte boa da súa quinta, e puxo como parte mala a precariedade. Algo que tampouco debería ser culpa deles, mais o critico de cine e director de A Cuarta Parede non eludiu a autocrítica, de feito foi o que máis usou o prefixo “auto”: «Nós mesmos nos autoprecarizamos. Temos que autoxustificarnos, e engancharmos un traballo con outro, son lastres que nos estamos autoimpoñendo». Seguiu sendo duro mais propositivo: «Temos que deixar de traballar de balde, e crear nós o noso modelo. E nese sentido quizais temos que rebelarnos contra o Novo Cinema Galego».
A continuación interviu Felipe Lage, de Zeitun Films, produtor das películas de Oliver Laxe e Lois Patiño, quen salientou que a maioría dos cineastas da súa xeración se formaron fóra de Galicia, «e isto di bastante de como era a formación aquí, algo que se mantén». Lamentou que «aínda hoxe un dos sitios onde menos participamos é na academia a nivel galego. Colaboramos máis con centros formativos do resto de España e incluso internacionais que nos de Galicia». Esta sensación de seren outsiders marcou desde o comezo o carácter do que se chamou Novo Cinema Galego: «cando empezamos estabamos fora de todo, tiñamos individualmente vontade de facer películas, cunha idea para nada industrial, mais non había apoios para iso. Logo xurdiu un apoio interesante que foron as axudas de talento, mais penso que hoxe en día non están a cumprir realmente a sua función».
Desde os seus centros de formación de fóra, «ao principio pensabamos que seria mais doado que aceptasen as noas propostas en espazos internacionais que aquí en Galicia. O noso acerto foi ir directamente a fóra para conseguir un recoñecemento que nos permitirse poder significarnos aquí dentro e empezar a traballar. Se tivesemos insistido só en buscar o recoñecemento aquí ainda estariamos a buscalo», remarcou Lage.
En resumo, non esperar a que o sector audiovisual que había na década pasada os autorizase ou lles ensinase o o camiño e facelo por eles mesmos foi o acerto principal desta xeración, «e o noso fracaso está ligado ao que comentaba Brais: a pesar de termos certo prestixio internacional e podermos seguir facendo filmes estamos nunha gran precariedade e cun futuro totalmente incerto», lamentou Lage, concluíndo en que «queremos vivir disto e estamos a fracasar, e a deixarlles un panorama moi complicado ás seguintes xeracións»
Jorge Coira pertence á xeración dos que empezaron nos 90 canda a EIS, aínda que el nunca estudou na EIS. Se cadra por iso «non teño moito discurso elaborado sobre como foi a miña xeración, que foi moi diversa e heteroxénea». Se tivese que marcar un fito tal vez sería o concurso “A Coruña de cine” no 1994, no que aos catro gañadores se lles producía o que sería a súa primeira curta en cine. Estes gañadores foron Sandra Sánchez con Ven a Bens, Paco Rañal con Coruña Imposible, Miguel Calderón con La sangre del enemigo e o propio Coira con Mofa e Befa: Gran liquidación. Como explica o director, «moitos de nós estivemos nesa etapa facendo curtas e tardamos moitos anos en facer as nosas longas. Paco Rañal directamente nunca chegou a facela».
«O problema que tivemos nós é que fomos unha vizosa xeración de directores e outros profesionais, pero non de produtores da nosa idade. A miña primeira peli cunha produtora da miña idade foi máis tarde, na etapa da Axencia». Refírese Coira a Fernanda del Nido, produtora da súa longametraxe 18 comidas e tamén de Tralas luces, de Sandra Sánchez.
«Tampouco tiñamos moitos pais que matar. Os nosos maiores eran Reixa, Pancho Casal, Chano Piñeiro… fóra diso empezabamos practicamente de cero», explicaba Coira, recoñecendo que a xeración seguinte contaba con máis referentes de todo tipo, para ben e para mal. «É sano que haxa un pai que matar e que os que veñan despois te poidan ter como referente negativo», concluíu.
O último en intervir foi un deses “pais” primeiros, o produtor e director Antón Reixa, que comezou dicindo que a súa foi «a primeira xeración de galegos sen complexos», ao tempo que relativizou os problemas do audiovisual galego: «Galicia é o que é, 2,7 millóns de habitantes. Temos os mesmos problemas que no resto do mundo: unha guerra entre o talento e a industria». El, que a comezos dos 80 era profesor e poeta e gustaba dos novos medios, fíxose profesional do audiovisual cando recibiu unha axuda para a performance audiovisual Salvamento e socorrismo. «Foron 500 mil pesetas que tiven que aprender a administrar contratando o equipo técnico e artístico necesario. E tiven que entregar un guión. Aí empezou a miña carreira como guionista e produtor», conta Reixa, que engade que «durante moito tempo sentinme moi só como produtor, e tiven sempre que vivir esa contradición entre o talento e a industria». Reixa pechou a súa produtora, Filmanova, logo dun accidente de tráfico que case lle custa a vida hai un par de anos. Coñecendo as dificultades de manter a flote unha empresa audiovisual, puxo sobre a mesa un dos principais problemas do cine actual en Galicia: «para facer unha peli hai que pagar polo convenio. Eu quero saber como se fixo Dhogs», a opera prima de Andrés Goteira, gañadora de 13 premios Mestre Mateo.
Con este pequeno dardo Reixa lanzaba un debate que planeaba sobre toda a mesa. Felipe Laxe contestou que «Dhogs non é un modelo, e os seus produtores son moi conscientes diso, de que se se pagase con xustiza e con normalidade, Dhogs se faría doutra maneira». En canto ao problema que segue habendo coa industria e o talento, Laxe apuntou que «en Portugal xa teñen abandonada esa idea de converter a súa cinematografía en industria» e no plano artístico non lles vai mal. Brais devolveu o dardo exculpando a súa xeración da precariedade: «Eu traballei en programas da TVG nos que tampouco cobraba por convenio».
Pola contra, cando a xeración de Jorge Coira máis traballaba «era todo cine medio, non habia nin cine de guerrilla nin cine de altos presupostos. Non sería o mellor modelo, pero coidado co que se desexa, porque agora o cine todo está nos dous extremos». Reixa recoñeceu que «na miña xeracion nesa clase media non había un grande talento autoral, nós nin aspirabamos a ir ao Festival de Cannes. Pero agora si que existe este talento. É o momento de afrontar esa contradición e non autocompracerse nese vitimismo que temos ás veces. Penso que as axudas están moi ben formuladas, o problema é que as partidas son precarias»
Desde a bancada a actriz María Tasende tiña unha pregunta para os creadores do Novo Cinema Galego: Por que se traballa cada vez máis con actores non profesionais? E lanzou unha crítica contra esta xeración de directores: «penso que hai falta de confianza nos actores, poderiamos facer máis peliculas cercanas á non ficción». Os produtores que se deron por aludidos, Felipe Lage e Beli Martínez (as últimas películas que produciron respectivamente, Tempo Vertical de Lois Patiño e Longa noite de Eloy Enciso, contan con actores non profesionais), contestaron que non é falta de confianza nos actores, senón que se buscan cousas diferentes cos non profesionais. Jorge Coira tamén defendeu esta escolla: «é unha conquista e algo moi saudable: antes propoñer un actor non profesional era anatema», aínda que recoñeceu que «si que hai certo problema aquí, que é que os directores non sabemos moi ben como tratar cos actores, témoslles medo» concluíndo que «temos que tender pontes para comunicarnos mellor entre actores e directores».
Na seguinte mesa tocou falar das herdanzas dunha a outra xeración. O moderador era Manolo González e comezou falando Lucía Catoira Pan, que malia nacer antes dos 90 empezou a traballar xa con autores novosm dirixindo a fotografía de Dhogs, Matria ouTrote. «A miña carreira é tardía. Cando estudaba fotografía tiven a oportunidade de ir ao Play-Doc, e alí coñecín moitos cineastas interesantes. Grazas a eles puiden pensar que eu si que me podía dedicar a isto», conta sobre a súa herdanza Catoira, cuxo lema é «se non hai un espazo para facer o que eu quero facer, fabrícoo», algo que se podería aplicar a calquera dos membros desta novísima xeración de creadores.
Sonia Méndez sinalou como, á vista da composición da mesa, «a medida que van pasando xeracións van aparecendo mulleres». O que ela herda das xeracións anteriores é múltiple xa que «tiven a oportunidade de traballar con todos», desde que empezou como actriz en Terra de Miranda ata agora, cando ve os novos explorando as posibilidades das canles dixitais desde o festival que dirixe, o Carballo Interplay. Pola súa banda David Melero, iluminador formado na EIS e que tamén leva traballando con todas as xeracións en activo, ve que a forma de traballar cambiou moito, e que os novos están moito máis formados.
Outro que traballou con todas as xeracións é Antonio Duran“Morris”. «Teño 59 anos pero non son de ningunha xeración, traballei hai 30 anos e agora traballo cos novos», comenta, destacando a súa aparición en Dhogs, pola que levou este ano un Mestre Mateo, e nas óperas primas de Anxos Fazáns . Morris conta como os da súa quinta viron nacer todo pero tamén viron morrer unha parte: «Vin nacer a TVG e o CDG. Pasei polos auxes, decadencias e case mortes de moitas cousas». Así e todo, traballar con varias xeracións provoca que ás veces se vexa metido no medio de conflitos entre distintas visións do sector: «as experiencias e as expectativas de cada xeración son distintas. Cada un mira polo seu e busca o espazo para o tipo de audiovisual que quere facer», comenta, engadindo que hai espazo para todos: «a nosa historia é tan pequena que é moi perigoso que desbotemos opcións». E como colofón, unha frase que se leva repetindo desde o principio dos tempos do noso audiovisual: «facer cine en galego é necesario».
Desde o público preguntouse pola acollida dos produtos audiovisuais das distintas xeracións, e criticouse a pasividade da Televisión de Galicia á hora de programar cine galego ou de potenciar o talento das novas xeracións. No medio destas críticas, Sonia Méndez lanzou unha pregunta á audiencia, a maioría estudantes de Imaxe e Son: «Cantos de vós vedes a TVG?» Moi pouquiños ergueron a man. «E cantos de vós consumides contido audiovisual en Youtube e nas redes?» E todas as mans se alzaron. Con isto a directora do Carballo Interplay puxo de manifesto que cada vez a TVG ten menos relevancia para a cidadanía máis nova, algo que lamentou pero que xa dá case por perdido. Pola súa banda Morris reivindicou que co potencial e o talento que temos aquí, «se tivesemos as ferramentas e os recursos dun audiovisual normalizado para chegar ao público teriamos moitos máis éxitos, estou convencido».
Finalmente, preguntados de novos pola herdanza recibida, por obras ou autores concretos das xeracións anteriores que os inspirasen ou lles desen ganas de dedicarse a isto, as respostas foron variadas. Para Lucía C. Pan, a obra que lle abriu os ollos foi Arraianos, de Eloy Enciso. Sonia Méndez recoñeceu que non ten referentes en Galicia, e menos cando empezou: «tal vez os programas que se facían na TVG nos anos 80, cunha gran creatividade e liberdade». Melero tampouco salientou referentes, pero sinalou a primeira serie de ficción que se fixo en Galicia a finais dos 80: Os outros feirantes. Morris mencionou a Chano Piñeiro con Mamasunción e a videocreación dos anos 80, pero se tivese que destacar unha peli sería 18 comidas, de Jorge Coira.
As distintas formas e momentos da produción e da creación
A mañá do venres 5 comezou coa mesa titulada “Como produces?” na que produtores das catro xeracións compatirían as súas experiencias nas distintas etapas do noso audiovisual. Arrincou a máis nova, Silvia Fuentes, que estivo en varias xefaturas de produción (A estación violenta, Matria ou a webserie Antes de perder, entre as máis recentes) pero que, aos seu 27 anos, admitiu que «non son produtora aínda, porque non poño o meu diñeiro para facer películas». Subliñou o “aínda” porque, despois de producir varias curtas nas que eran os directores quen poñía o diñeiro, este ano está a montar canda a directora Anxos Fazáns unha cooperativa, dándolle «un voto de confianza ao sector e a nós mesmas» para «ir empezando a producir, pouco a pouco, a moitos directores que nos rodean e que aínda non tiveron oportunidades». Fuentes recoñeceu que as xeracións anteriores picaron pedra para abrir o camiño da produción de cine en Galicia, e que a súa quinta ten o horizonte máis despexado, a pesar de que «somos fillos da crise e notamos que nos faltan ferramentas para movernos».
Beli Martínez, produtora de algúns dos éxitos do Novo Cinema Galego como Arraianos, Vikingland ou Longa noite, a nova película de Eloy Enciso, combina a produción de cine de autor co seu traballo como investigadora e docente. Desa maneira pode producir só «o que me dá a gana e o que me gusta», renunciando á produción máis industrial. Tamén porque, cando a súa xeración empezou, «ás produtoras industriais non lles interesaba apostar polo cinema autoral, así que decidimos montar as nosas empresas, caso de Zeitun Films, Frida Films ou Filmika Galaika, que é a miña», apostando por novos cineastas que foron conquistando o prestixio internacional en festivais, con filmes «nos que o retorno económico é próximo a cero». Martínez entende que «sempre van cohabitar as produtoras que fan cine industrial e autoral» ao tempo que agradece o diálogo e as ensinanzas de xente de outras xeracións «coa que vibramos na mesma frecuencia, como Pepe Coira, Manolo González ou Xaime Fandiño», que lles foron axudando polo camiño.
Mamen Quintas fundou, coa súa parella Julio Casal,Ficción Producciones hai 16 anos. Arriscaron a montar a empresa cando viron un oco no sector «no que podiamos facer cousas pequenas pero cunha grande calidade técnica». Así, investiron nun sistema de postprodución que outras produtoras non tiñan, apostaron tamén «por un equipo técnico e creativo potente, con xente como Luis Faraón ou Dani de la Torre», cos que foron crecendo profesionalmente facendo curtas e programas para televisión. Axiña deron o salto á produción de longas de ficción e de animación, e tamén de series para a TVG ou Mediaset, que esta temporada emitiu con éxito a súa produción Vivir sin permiso. Quintas di crer «no modelo de empresa industrial e cultural. Se non temos uns alicerces bos de equipo, infraestrutura, tecnoloxía… non podemos sobrevivir. Precisas medios e músculo para adaptarte ao mercado». Quizais por esa capacidade de adaptación di non ter un modelo xeracional, pois o seu propio modelo foise adaptando cos tempos.
Do estado actual da produción de ficción Quintas ve tres dificultades principais: a rapidez («todo é para antonte, se perdes unha oportunidade nos mercados outro se vai adiantar»; que existen moi poucas produtoras independentes («quedan pouquísimas, a medida que as as compran grandes estudios e grupos de comunicación», e nese sentido ten claro que «somos cola de león»), e tamén no tema financeiro: «tes que ter unha credibilidade ante os bancos impecable, ser moi solvente». Como consello para empezar, sinalou que «hai que crer nun mesmo, ter claro o que queres e a onde queres chegar, e saber que sen un equipo non es nada: para poder entregar material a tempo precisas xente aí que o faga». E gabouse de que «desde hai uns anos temos en Ficción un equipo creativo moi bo, con guionistas de formatos e de ficción. É moito investimento pero é fundamental».
A finais dos anos 70 Pancho Casal era enxeñeiro industrial en Fenosa. Desde 2016 é deputado no parlamento por En Marea. No medio, tivo unha das máis prolíficas carreiras como produtor de cine e televisión. Coa súa compañía Continental Producciones fixo máis de 45 películas, unha carreira que comezou cunha aposta arriscada polo cine, o que máis lle gustaba, e pola profesionalización: «ao deixar o meu traballo tiña claro que non ía meterme nun sector a ver qué pasaba, quería facelo en serio e precisaba unha estrutura empresarial». A súa primeira aposta foi a creación de Videotrama, unha das primeiras produtoras profesionais de vídeo, coas que o seu socio Xavier Villaverde se adentrou na videocreación con pezas como Veneno puro, Viuda Gómez ou o videoclip de Galicia Caníbal: «Algo tan tolo como aquilo posicionounos na posibilidade de facer todo o demais». Eran os 80 e non había TVG nin axudas da Xunta, así que se crearon Continental e puxéronse a facer publicidade: «Fixemos máis de 600 spots, iso deunos capacidade financeira para facer outras cousas», e empezaron a facer longametraxe, coproducindo e colaborando con todo tipo de produtores en Galicia, España e outros países europeos e latinoamericanos.
«Criticáronme por traer xente de fóra, pero é que nós empezamos moi grandes, con orzamentos de dous ou tres millóns de euros, e esixíannos un nivel de profesionalidade que aínda non tiñamos en Galicia. Os primeiros anos traiamos xefes de equipo de fóra, e puñamos os galegos de segundos, logo foise profesionalizando o sector e xa non fixo falta, podíase traballar con equipo todo galego», confesou Pancho Casal, que reivindica o «desenvolvemento industrial espectacular» que se conseguiu na década pasada, e do papel de Agapi, asociación da que foi fundador, á hora de conseguir que o sector audiovisual fose considerado estratéxico en Galicia. Porén, ve a situación actual «dramatica no eido cultural e audiovisual», e manifestou o seu desexo de volver a traballar por axudar a recuperar o pulo do sector.
Preguntados pola capacidade de crear estruturas de produción que teñen os máis novos, que xa case non viviron os tempos nos que as grandes produtoras daban traballo de forma máis ou menos estable, Silvia Fuentes recoñeceu que «precisamos estruturas para traballar en condicións, e penso que por instinto seremos capaces de crealas». Engadiu que «un dos problemas é que somos moitos os que saímos cada ano das tres facultades de Comunicación Audiovisual, e non hai traballo para todos, por iso é tan fácil precarizarnos», por iso «é moi importante que sexamos fortes. Non ten sentido que os de agora dilapidemos as estruturas que as outras xeracións oron creando, picando moita pedra antes de nós». Beli Martínez tamén admitiu que o peor da súa xeración é «a intestabilidade e a incerteza co futuro», se ben ten claro que «eu non teño estrutura para producir nin a quero».
A experiencia creadora
A segunda mesa da xornada foi para falar da creación, e moderouna o guionista e produtor Pepe Coira. Da xeración dos máis novos interviu Adrián Canoura, cineasta experimental que se deu a coñecer precisamente en Curtocircuito presentando curtametraxes como O porco e o seu espírito ou Caerán lóstregos do ceo. Defínese como un creador punki tanto na maneira de traballar como nas influencias que lle marcaron, onde destaca a Jem Cohen: «del gústame moito a liberdade de expresarse nas películas a través da música, tamén das paisaxes…» e compara e esa actitude como a dun pescador, consistente en «estar coa cámara, pasar horas tentando pillar un calamar… igual non o pillas ou igual si. Eu ando por esa liña, máis como un pintor ou un pescador, traballando eu só, coas miñas taras ou obsesións». O simil co pescador non é casual, pois este rapaz de Burela, con título de patrón de barco, quixo ser cineasta para non ter que ir ao mar. «É moi recorrente pero é verdade. Seguramente tería que estar de patrón no Gran Sol».
A súa xeración recoñece unha influencia da inmediatamente anterior en figuras como Lois Patiño, pertencente á quinta do Novo Cinema Galego, e tamén presente nesta mesa. Igual que Canoura, manifesta unha gran influencia no seu cinema de outras artes como a pintura, e no seu caso con máis razón, sendo fillo dos pintores Antón Patiño e Menchu Lamas. «O meu cinema é moi plástico, un cine que tentei (ou me saíu) aproximar á pintura. Costa da morte achégase a unha pintura do romanticismo, máis ligada á paisaxe, e en traballos posteriores busco unha más abstracta… mais sempre traballando desde a plasticidade da imaxe”, explica Patiño, que entre os seus referentes no cinema contemporáneo destaca o portugués Pedro Costa ou o tailandés Apichatpong Weerasethakul.
A directora Sandra Sánchez representa a xeración de EIS de cheo porque ela estudou na primeira promoción da EIS, onde era a única rapaza, non había mulleres nin entre o profesorado. «Foi un proxecto moi ilusionante, nun momento, 1991 no que o cine galego era practicamente inexistente. Acababan de estrearse as tres películas de Cinegalicia, pero non había outros referentes cercanos. Nós estabamos tan ilusionados que pasabamos alí fins de semana enteiros coas súas noites, tíñan que vir os profesores a botarnos da escola», lembra. Aqueles estudantes atoparon á saída unha industria audiovisual incipiente que os foi incorporando como técnicos pero sen darlles saída ás súas inquedanzas creativas: «Tiñamos ganas de expresarnos, de contar cousas, de facer pelis, pero viamos esa posibilidade moi lonxe. Tampouco tiñamos acceso ás tecnoloxías, era complicado distribuir unha curta». Dese xeito Sánchez cre que se diluiu o proxecto inicial da EIS que era facer unha escola de cinestas, e acabou por se converter nunha escola de técnicos. As carencias na formación aínda seguen: «quizais deberiamos reflexionar por que a xeración de Lois, a que máis se moveu internacionalmente, foron a formarse fóra».
No seu caso particular, coma moitos da súa xeración «non me podía permitir estudiar fóra, nin estar un tempo investigando algo que me apetecía. Dende os 20 anos empecei a traballar, como montadora e tamén como directora por encargo». Non puido levar a cabo o seu primeiro proxecto persoal ata o Tralas Luces en 2011: «coñecin a produtora Fernanda del Nido, ela traía un chorro de aire fresco, con intencións de facer un cine non con criterios unicamente empresariais. Tivemos esa complicidade e ela acompañoume na produción da película. Tamén foi importante que nese momento se crearon as axudas ao talento, e un proxecto como o meu non tiña cabida nas axudas de antes pero nestas si», engade.
Despois diso veu a crise «e no sector audiovisual sufrimos bastante», e en canto ao presente a cineasta de Narón confesa que «agora estamos nun punto raro, eu agora teño máis ganas de facer cine que nunca». Sendo xa veterana na profesión, «eu non me considero do pasado, quero facer cine no presente e no futuro. Agora busca horizontes profesionais fóra da industria, mesmo autoproducíndome, algo que estou a considerar por primeira vez». Como creadora a Sandra Sánchez interésalle o cinema narrativo, cunhas influencias variadas e eclécticas: «crieime nos 80, nós chegamos ao cine a través da televisión, dos ciclos de cine que facían en TVE na época de Pilar Miró. «Foi Erice vendo El sol del membrillo onde me decatei de que a realidade era interesante para traballar», mais agora di estar nun ciclo diferente. Vén de presentar en Curtocircuito a curtametraxe A nena azul.
Por último interviu Margarita Ledo, cineasta e investigadora do cinema en Galicia, quen reclamou, como Manolo González, ir máis alá do fito de Cinegalicia do ano 89, porque para ela «o cinema galego non empeza aí». Reivindicou a importancia das Xornadas de Cine de Ourense e o cinema militante de Carlos Varela Veiga, nos anos 70, unha grande influencia para ela como creadora canda, outros referentes de fóra como Marguerite Duras e Alain Resnais. Aínda que Margarita Ledo conviviu cos inicios do cine industrial en Galicia, a súa posición como cineasta está ligada radicalmente á cultura, e ten claro que para ela «a cuestión central é a opción de facer cinema en lingua galega; incluílo nese sistema cultural onde está a literatura e outros medios de expresión».
Seguiremos acó dentro de dez anos?
Chegou a derradeira das mesas, a que quería servir de conclusión e apuntar ao que virá a continuación. Tamén a que dá título a esta crónica: ‘Xuntos ou revoltos? Retos de futuro’.
Na parte da xuventude, a cineasta Anxos Fazáns, que presentou o pasado ano a súa primeira longa, A estación violenta, manifestou que «os retos do futuro para nós son todos, pero somos a xeración da crise. Temos moitas aspiracións e poucas expectativas». Reflexionou sobre a tensión entre a importancia de ser feliz e buscar a liberdade e a dificultade de facer disto un modo de vida, apuntando que «cando a liberdade se converte nunha obriga, e a independencia na autoxestion, e ao final xa non es tan libre». Outro reto para ela é a cuestión de xénero e «que cando me entrevisten non teñan que preguntarme ser muller e facer cine. Non me afecta ser muller, aféctame ser eu, individua, Anxos Fazáns». Con todo, creo que o individualismo é outro dos problemas a superar, «para construirmos desde o colectivo, porque non somos tan diferentes».
O director Xacio Baño, que viña de presentar en San Sebastián a súa primeira longametraxe, Trote, sinalou que «os ingleses utilizan o presente continuo como futuro. O único futuro é traballar hoxe. Pensar no futuro paréceme tirar os dados». Aínda así, cre que dentro de dez anos seguirá a procurar a súa identidade facendo películas «curtas ou longas, non ten que ir unha cousa antes que a outra». Sobre o panorama xeral, gustaríalle que houbese máis produtoras que levasen adiante proxectos, que houbese máis películas en galego, que os guións subvencionados saísen adiante. E superar «un dos grandes problemas que apunta o meu amigo Xosé Barato, cando fala dos actores e di que é unha profesión para xente rica, que pode permitirse pasar un ano sen traballar. Hai un listón económico básico que é moi evidente».
Alfonso Blanco estudou produción na EIS da Coruña e comezou de axudante en Mareas Vivas. Vinte anos despois está a fronte de Portocabo, unha produtora de televisión que de facer programas e series para TVG (Galegos no mundo, Luci) deu o salto á coprodución internacional con series como Vidago Palace, a tv-movie Os fillos do sol ou Hierro, dirixida por Jorge Coira, que se estreará o próximo ano en Movistar Plus. Considera que a súa xeración «fomos os afortunados, pois vivimos o boom da ficción galega. De facer series para a TVG naceu Bambú Producciones e moita outra xente que está a traballar na industria». Falou de Portocabo como unha produtora con vocación internacional que entendeu axiña que «vivir só da TVG non era sostible, é un mercado pequeno para a calidade de produto que estamos a facer».
Petando nas portas do mercado internacional, Portocabo chegou nun momento especialmente vizoso para a ficción grazas aos operadores dixitais: «traballamos 20 anos para que este momento chegase. Tivemos sorte porque o mundo xirou a onde estamos nós». Alfonso Blanco explica que «antes ninguén quería facer coproducións para TV, e de repente nacen as plataformas globais e coproducir ficción é o máis normal. Hai 5 anos era imposible». Por iso afirma que «o presente é glorioso, espectacular» e que o «o gran reto desde Galicia é xerar unha industria, temos un talento xigantesco que temos que capitalizar, saíndo fóra e non pensando que temos que vivir só da Galega».
Como produtor ten claro onde se quere ver dentro de dez anos: á fronte dunha gran produtora de contido televisivo que siga tendo a súa serie e talento en Galicia. «E xerar arredor un tecido de produtoras que poida facer que cada vez existan menos francotiradores, porque haberá unha estrutura para que se poida desenvolver o talento», continuou, reivindicando que «fan falta ferramentas para que o creador se concentre en crear e o produtor en producir. En poucos lugares do mundo pasa o que se fixo tan popular en España, yo me lo guiso y yo me lo como. É moi difícil acceder a un mundo globalizado só un. Produtoras como Frida, como Zeitun, son moi importantes e deberían xurdir máis».
Por último falou Dolores Ben, da xeración máis veterana, que leva anos á fronte do estudio de sonorización Cinemar, e tamén como presidenta de Agapi. O seu diagnóstico sobre a situación do sector é que «os galegos somos moi localistas. Vivín en Madrid moitos anos e vexo que a xente é compartimentos pechados, ás costas uns de outros. O título destas charlas é moi importante, creo que se debería facer máis. Ás veces descoñecémonos porque somos grupos moi pechados”. A necesidade de unirse é vital porque «non hai estrutura, non sabemos quen somos nin que queremos a nivel social. Creo que é necesario activar leis porque dos políticos non soe saír o apoio á cultura». E para iso, engadiu, «precísanse máis estudos economicos sobre o noso sector, para poñernos en valor. Paréceme moi ben que se fale de plans e estratexias, pero nunca vexo dotacións económicas ou estudos reais. Hai un dato de 2014 que, contra o mantra de que somos hipersubvencionados, di que en Galicia se investía en cultura menos do 1% do orzamento e creábase un 3% do emprego».
A intervención de Dolores Ben, xunto a algunha máis do público, serviu para chegar a unha conclusión básica: temos que falar máis entre nós, parece que o debate só acaba de comezar. A produtora marchaba con ganas de repetir as mesas interxeracionais de maneira frecuente e periódica, porque de momento cada un mira polo seu, e á hora de reclamar medidas sobre lexislación, investimentos, etc, «non estamos unidos para saber o que queremos pedir».
Coa sensación de que quedaban este e outros temas por abordar, pero de que este fora un bo comezo (por exemplo, Xacio Baño e Alfonso non se coñecían e era a primeira vez que sentaban xuntos), remataron as primeiras Mesas Interxeracionais do Audiovisual Galego. Catro xeracións compartindo as súas experiencias diante dunha quinta formada por estudantes, que espera poder traballar convivindo coas anteriores e aprendendo delas, nun escenario onde problemas como a precariedade, a desunión ou a falta de recoñecemento interno se poidan superar grazas á posta en valor do talento, da fortaleza dun tecido industrial que o sustente e de máis achegamento e autoestima colectiva. Para iso é fundamental coñecernos uns aos outros, recoñecer a diversidade e seguir traballando nas pontes que se foron tendendo estes días. Porque isto vai moi rápido pero é aínda demasiado pequeno para que 5 xeracións non poidan construír algo en común.
Quen é quen nas catro xeracións
Os nacidos arredor dos anos 50-60, e que empezaron a traballar nos 70-80 cando o cine industrial ou a TVG eran un soño próximo a cumprirse, agrupáronse baixo o título “Dende a videocreación ata a produción industrial dos 2000”. Entre os convidados desta xeración estaban o cineasta e produtor Antón Reixa, o actor Antonio Durán“Morris”, o produtor Pancho Casal(agora retirado do audiovisual e deputado por En Marea),a cineasta e investigadora Margarita Ledo, e Dolores Ben propietaria da empresa de sonorización Cinemar e presidenta de AGAPI.
Seguíanlles “A Xeración EIS e outras fornadas de renovación”, profesionais nacidos arredor dos 70 e que empezaron a traballar nos 90. Tómase a EIS (Escola de Imaxe e Son da Coruña) como referencia porque, cando naceu no ano 1991 era o primeiro centro de formación audiovisual que había en Galicia, e aspiraba a ser a grande escola de cineastas do país. Desta xeración foron convocados os directores Jorge Coira e Sandra Sánchez, os produtores Mamen Quintas e Alfonso Blanco, canda o eléctrico e iluminador David Melero.
As dúas últimas xeracións son“Novo Cinema Galego e outras francotiradoras” (nacidos arredor dos anos 80), con Beli Martínez, a actriz e directora Sonia Méndez, o produtor Felipe Lage, e os cineastas Lois Patiño e Xacio Baño. E os novísimos, nacidos arredor dos anos 90 e que están a despuntar agora, baixo o epígrafe “Fillas da crise: novos modelos contra a austeridade”. Aí estaban o crítico de cine Brais Romero, os cineastas Adrián Canoura e Anxos Fazáns, a directora de fotografíaLucía C. Pan, e a produtora Silvia Fuentes.