Pilar Sueiro foi a primeira muller galega que dirixiu cine. A comezos dos 80 realizou dúas curtametraxes documentais en 35mm e en 1998 foi tamén a primeira galega que dirixiu unha longa: “Cuando el mundo se acabe te seguiré amando”. Pero nos seus máis de 35 anos na profesión foi tamén actriz, guionista e sobre todo produtora, con Atlántico Films, da extensa filmografía de Juan Pinzás. Co seu compañeiro formou un tándem profesional e creativo que os levou por festivais de todo o mundo, en especial coa triloxía das únicas películas Dogma 95 que se fixeron en España. Toda unha pioneira do noso cine que segue en activo, apostando por un cine persoal e diferente, e preparando novos proxectos.


Fotos: Tamara de la Fuente. Perruquería e maquillaxe: Silvina Souza. Texto: María Yáñez.
Pilar Sueiro leva roupa do deseñador David Méndez Alonso. A sesión de fotos realizouse na Casa de Galicia de Madrid.

Os seus comezos remóntanse a cando estudaba con 13 anos bacharelato en Vigo e empezou como actriz de teatro amador: “Desde pequena sentín unha especial atracción pola actuación e pola literatura. Encantábame ler, devorábao todo. E encantábame actuar. Cando vin a película de John Ford O home tranquilo namorei de aquela historia e da maxia do cine. Daquela tiven moi claro que o que máis desexaba era facer películas”, explica Sueiro, que sendo aínda estudante coñeceu a Juan Pinzás: “Eu facía teatro e el cinema amateur en Súper-8 mm. Axiña pasei a ser actriz das súas curtas en pequeno formato e aí comezou a nosa colaboración”. 

A maioría da xente coñece a súa faceta como produtora pero non estes comezos como actriz e directora. A comezos dos 80 dirixiu dous documentais de creación en formato profesional: “Vicus Spacorum” (1982) e “Retazos gallegos”. Conta que estas pezas foron das primeiras rodadas en Galicia en formato de 35mm e exhibidas comercialmente en salas de cine de toda España, de cando se emitía unha curta antes de poñer a longametraxe. As copias e negativos destes dous filmes están depositados na Filmoteca Española, pero Atlántico Films proxecta editalos en DVD en 2019, xunto a outras 17 curtas en cine dirixidas por Juan Pinzás. A idea é lanzalas en formato físico e nas plataformas dixitais “con subtítulos en inglés, á vista da demanda que teñen en diferentes países”.  

Mais cando estas películas se fixeron Atlántico Films aínda non existía, produciunas Sueiro creando a produtora que levaba as súas iniciais: PS Films. Lembra cando para crear a empresa, en 1982, se presenou na Delegación de Facenda de Vigo para darse de alta como empresaria cinematográfica, paso previo a inscribirse no rexistro do Ministerio de Cultura: “O funcionario non daba creto e  dicíame que iso non era posible, que eu non me podía facer produtora de cine, que non existía ningunha rexistrada en Galicia e ademais para iso tería que ter unhas grandes naves (referíase a platós). Esixín falar cun superior e finalmente tiven que explicarlles eu mesma como tiñan que facelo, e por suposto que se fixo”.


“Como podía pensar eu que un dos máis grandes cineastas da historia do cine como Luis García Berlanga se ía converter en actor para a miña película?”

Desde moi cedo ela e Juan Pinzás tiveron claro que querían facer da súa vocación de facer películas o seu oficio, apostando sempre polo cinema de autor e polos seus proxectos persoais. As influencias artísticas de Pilar Sueiro atopábanse na pintura (“Hopper, Renoir, Chagall, Velázquez ou Dalí”) e no cine, ademais de clásicos como John Ford, “outros cineastas innovadores e con universos moi personais, na súa maior parte europeos, hoxe todos de culto, que fun descubrindo paulatinamente daquela. E menciona unha longa lista que comeza por Buñuel, Saura e Berlanga para percorrer toda Europa (Fellini, Rossellini, Antonioni, Fassbinder, Herzog, Wenders, Truffaut, Rohmer, Jacques Tati, Agnès Varda, Marguerite Duras, Bergman ou Tarkovski). 

Precisamente Berlanga colaborou na súa primeira e única longametraxe ata o momento: “Cuando el mundo se acabe te seguiré amando” que cuxa estrea veñen de cumprirse 20 anos. “Como podía pensar eu que un dos máis grandes cineastas da historia do cine como Luis García Berlanga se ía converter en actor para a miña película, para apoiarme coa súa presencia, porque cría en min como directora? Aínda hoxe me sorprende que tan magníficos profesionais, auténticas personalidades, colaborasen na miña ópera prima”. Aparecían en pequenos papeis outros destacados cineastas como Paul Naschy, Julio Diamante ou Antonio del Real, e mesmo coñecidos xornalistas do momento como Andrés Aberasturi ou Nieves Herrero. “Só por esa honra e pola experiencia de dirixir aos meus actores e actrices protagonistas [Cristina Piaget, Beatriz Rico, Lucas Fuica e Guillermo Montesinos], tería pagado a pena facer “Cuando el mundo se cabe te seguiré amando”, engade a directora.

“Naquel momento tiña a necesidade de dirixir e contar esa historia”, explica Sueiro. “Juan animoume moito para que a fixera e decidimos cambiar os roles: el pasou a asumir os cometidos de produtor e eu centreime no meu traballo de directora. Para nada se me ocurreu pensar daquela que era a primeira muller galega que ía dirixir unha longametraxe. De feito, sóubeno por unha reportaxe en prensa”. A película estreouse con éxito en mantívose durante varias semanas en cines de toda España, e participou en varios festivais de Europa e Latinoamérica. Na actualidade pode verse en plataformas dixitais, e con motivo do seu vinte aniversario preparan tamén unha edición en DVD con abundante material adicional, destinada a “cinéfilos aos que, coma min, lles gusta o formato físico”.

Esta proxección internacional continuaría, ampliada, ao ano seguinte, no que abordan a produción de Era outra vez, a primeira película galega con certificado oficial Dogma 95, seguindo o manifesto artístico do director danés Lars Von Trier. Rodada de xeito libre, en versión orixinal en galego, con actores como Monti Castiñeiras, Víctor Mosqueira, Mara Sánchez, Vicente Mohedano, Marcos Orsi ou Isabel Vallejo, Era outra vez percorreu numerosos festivais por todo o mundo, incluíndo varios de clase A como o de Moscú ou o de San Sebastián. A súa secuela, Días de voda, continuaba a triloxía e os éxitos: foi a pimeira película en galego que se viu en Hollywood, no Festival de Cine Latino de Los Ángeles. Con El desenlace, xa rodada en castelán, remataba a triloxía. Sueiro conta con especial orgullo como Manuel Fraga os recibiu na xunta cando lle foron entregar o certificado Dogma 95, e destacou diante dos medios cómo Juan Pinzás e Pilar Sueiro “acaban de meter o galego na historia do cine universal”.

En vinte anos Pilar Sueiro non volveu dirixir “porque non tiven a suficiente necesidade creativa ou artística para facelo. Dirixir calquera cousa, unha encarga ou unha serie proposta por unha cadena de televisión é algo que non estou disposta a facer, e tiven ocasión”. Necesito atopar a motivación creativa, a proposta artística, algo que considere necesario, útil, para rodar e daquela fareino contra vento e marea”, comenta. Quen si ten esa motivación creativa “e se non roda asfíxiase” é Juan Pinzás, con quen prepara novos proxectos como produtora. O máis próximo, concluír a triloxía europea que iniciaron con El vientre de Europa (2017). 

Hai bastantes anos que vive en Madrid “pero nunca abandonei Galicia”. Aínda que o seu traballo de produtora se desenvolve en calquera sitio, e as súas últimas producións se fixeron en Nova York e Berlín, considérase conectada ·co sector audiovisual español en xeral e co galego en particular, por ser galega, e pola miña implicación co cine en Galicia desde os meus inicios”. Destaca como, en 1982, ela e Pinzás se reuniron con Filgueira Valverde, “para facerlle ver a  necesidade de instrumentar unha normativa e axudas para o cine feito en Galicia. El, un intelectual, moi culto e afable, estaba encantado coa nosa proposta e entusiasmo, pero díxonos que precisaba tempo para darlle forma a todo aquilo. Temo que algúns dos que hoxe traballan no cine e no audiovisual galego descoñecen a súa historia e non saben que moito antes otros loitamos para que chegara a ser, cando aínda nin existía, o que agora é”.