E se en Galicia repartimos unha chea de premios, no resto do mundo tamén lle reparten premios ao audiovisual galego cando sae fóra. Estes son algúns dos recoñecementos acadados polo noso cinema e televisión ao longo do ano.

Texto: Cibrán Tenreiro

Un dos fenómenos máis destacados este ano no circuíto de festivais foi o de Matria. A curtametraxe de Álvaro Gago sobre a rutina dunha traballadora da conserva levou o Premio do Xurado á Mellor Curta no Festival de Sundance, o principal evento do cine indie en Estados Unidos, pero non só iso, senón que levou galardóns e recoñecementos no Indielisboa, no Hollyshorts de Hollywood, no Marametraggio de Trieste e en Ljubljana, Sardinia ou Alcalá de Henares, con numerosos premios tamén á mellor actriz para Francisca Iglesias Bouzón.

Con todo, non hai que deixar que a árbore oculte o bosque. Ademais do de Gago, toda unha serie de filmes con talento galego pasaron con éxito por festivais internacionais centrados en vertentes ben diferentes do cinema. Un exemplo é o do cinema de xénero, onde Desenterrando Sad Hill, a película de Guillermo de Oliveira sobre o cemiterio de El bueno, el feo y el malo, gañou o premio Noves Visions no Festival de Sitges, e tamén un premio á contribución técnica e artística ao Western no Almería Western Film Festival. Nese ámbito tampouco podemos esquecernos de Dhogs. No ano que bateu o record de estatuíñas nos Mestre Mateo, o filme de Andrés Goteira tamén volveu con trofeos do FANT de Bilbao, o BIFFF de Bruxelas, o Algeciras Fantástika ou o FICAL de Almería. Continuando nesa vertente, a curta Amanece despejado, de María Vázquez e Bruno Máez, gañou o premio á Mellor Curta Philip K. Dick no Philip K. Dick Science Fiction Film Festival (celebrado entre as cidades de Lille e Colonia).



E se o cinema de xénero nos deu neste 2018 razóns para celebrar, o mesmo sucede coa colleita máis achegada ao documental e á vangarda. Un exemplo é o de Hamada, de Eloy Domínguez Serén, retrato duns mozos amigos que viven nun campo de refuxiados no Sahara. Logo da súa estrea mundial en Amsterdam, Hamada gañou os premios á Mellor Película e á Mellor Dirección españolas no Festival de Cine de Xixón. Outro cineasta español que volveu dun festival con premios nas dúas mans foi Adrián Canoura, que acabou o Filmadrid co Premio CAMIRA e o Premio á Mellor Película de Vangardas para Caerán lóstregos do ceo. Máis recoñecementos fóra do ámbito da ficción: Tódalas mulleres que coñezo, de Xiana do Teixeiro, gañou en DocumentaMadrid o Premio Screenly e en Alcances (Cádiz) o Premio DOCMA. La estrella errante, de Alberto Gracia, foi premiada no Festival de Sevilla co Premio Deluxe Las Nuevas Olas para filmes de non ficción. O coruñés Nicolás Combarro gañou o premio a Mellor Documental en Cinespaña (Toulouse) por Alberto García Álix. La línea de sombra, e Helena Girón e Samuel M. Delgado levaron o premio Richard Leacock á Mellor Curta no Festival de Las Palmas por Plus Ultra, nun ano no que Esquece Monelos, de Ángeles Huerta, continuou o seu xa dilatado percorrido cunha mención especial no Noida International Film Festival na India.

No ámbito da ficción (ou preto del), outro dos filmes máis destacados polo seu palmarés foi Trinta lumes, de Diana Toucedo. Esta película sobre a relación entre o mundo dos vivos e o dos mortos no Courel gañou o Premio Talents no D’A de Barcelona, o premio Días de Cine á Mellor Longa en Filmadrid ou o de Mellor Fotografía (para Lara Vilanova) en Cinespaña, ademais de pasar con éxito pola Berlinale e ser candidata aos Premios Gaudí. Unha das óperas primas do ano, A estación violenta, tivo tamén un longo percorrido por festivais. A adaptación dirixida por Anxos Fazáns da novela homónima de Manuel Jabois levou unha mención especial do xurado no Festival Internacional de Cine de Cali (Colombia), logo de ter pasado por festivais como Sevilla ou o BAFICI (Bos Aires). Tamén foi recoñecida en América Latina Nove de novembro, de Lázaro Louzao: a primeira película rodada en galego sobre unha relación homosexual, que se viu en Los Angeles, Amsterdam, Lima, Montevideo ou Santo Domingo, levou unha Mención Especial do Xurado no Llámala H Uruguay, o Festival Internacional de Cine, Diversidad Sexual y Género.



Xa para rematar o repaso ao ámbito do cinema, algúns filmes comezaron con moi bo pé un percorrido por festivais con vistas a continuar nun 2019 prometedor. É o caso de La felicidad de los perros, de David Hernández, Premio DCP Deluxe a longametraxe no Festival de Xixón (onde se estreou), e de Arima, a primeira longa de Jaione Camborda, que levou no mesmo festival o premio Push Play Work in Progress. A colleita de premios para filmes de ficción complétase con curtas como El buen hijo, do pontés Pablo de Vila (Premio Coup de coeur no Les Enfants Terribles de Bélxica) ou Después de la bandera, de Carlos Martínez-Peñalver (Mellor Curta de Ficción no Suroscopia de Córdoba), e coa presenza do talento galego nos Oscar: a produtora Fernanda del Nido e o compositor Nani García participaron en Una mujer fantástica, a película de Sebastián Lelio que gañou o Premio á Mellor Película en Fala non Inglesa.



Xa vemos entón que a colleita do cinema galego foi ben notable no 2018, pero o repaso non sería completo sen apuntar á televisión, onde destaca o exitazo de Fariña. A serie de Bambú Producciones foi premiada co Ondas á Mellor Serie Española, e nos Premios Iris gañou Mellor Actor (para Javier Rey), Mellor Guión (para Ramón Campos, Teresa Fernández-Valdés, Gema R. Neira, Cristóbal Garrido, Diego Sotelo e David Moreno), Mellor Dirección de Ficción e o Premio do Xurado para Carlos Sedes e Jorge Torregrossa. Por se fose pouco, neste ano a produtora executiva de Bambú, Teresa Fernández-Valdés, recibiu a Medalla de Honra do MIPTV de Cannes, converténdose na primeira española en recibilo. Cun 2018 como este, vai haber que esforzarse para que o 2019 estea á altura. Comprobámolo de aquí nun ano.