Estreas en salas e festivais: seguindo adiante entre a incertidume
O 2020 foi un ano de récord no que se refire ao consumo de produtos audiovisuais. O malo é que moito dese consumo tivo que ser na casa, e non por escolla senón por necesidade, debido ás limitacións de aforo para os cinemas, que se atoparon a miúdo obrigados a deixar xente fóra. É unha situación triste, pero tamén ilusionante, porque indica que hai gana acumulada de ver cine nas salas, e para atender esa gana o audiovisual galego trae varias cousas.
Por exemplo, Dani de la Torre volverá aos cinemas con Live is Life, no que supón o seu regreso a este medio tralo éxito de crítica e público da serie La Unidad (Movistar +), dous anos despois de que A sombra da lei acadase tres Goyas. Esta nova película, que conta no guión co selo inconfundible do catalán Albert Espinosa (Pulseras rojas), comezou a súa rodaxe o pasado mes de agosto en diferentes localizacións das provincias de Ourense, Barcelona e Lugo, incluída Monforte de Lemos, vila natal do director. Producida por Atresmedia Cine, 4 Cats Pictures e Live is Life AIE, Live is Life está ambientada nos anos 80 e conta a historia dun grupo de cinco rapaces que intentan cumprir os seus soños nunha noite de San Xoán, de maneira que promete levarnos á infancia e á adolescencia e converterse nunha opción perfecta para ver en familia. Teremos a oportunidade de vela en salas en 2021, distribuída por Warner Bros Pictures España.
Tamén a produtora galega Frida Films achegará unha novidade á carteleira. En outubro de 2020 deu inicio a rodaxe de Tres, a próxima película do director catalán Juanjo Giménez, que en 2017 gañara premios coa curta Timecode en Cannes e nos Goya. Realizada en coprodución coa compañía francesa Manny Films e a lituana M-Films, Tres recolle a historia dunha deseñadora de son (interpretada por Marta Nieto) que usa a paixón polo seu traballo no estudio como refuxio diante dunha vida familiar e persoal que non vai todo o ben que podería ir. Un día, sen que ela se dea de conta, comeza a desincronizarse, como se fose unha película mal sonorizada. A gravación, que durou unhas seis semanas e estivo repartida entre A Coruña e Barcelona, contou no seu reparto coas actrices galegas Luisa Merelas e Cris Iglesias. A estrea de Tres en pantalla grande prevese para finais de 2021.
Outra das longametraxes que verá a luz en 2021 é ¿Qué hicimos mal?, de Liliana Torres. Rodada entre Galicia, Barcelona, Italia e México, parte do equipo atopábase neste último país no mes de marzo e tivo que interromper o seu traballo por mor da pandemia. Liliana Torres tamén protagoniza esta fita, na que usa a súa propia experiencia para construír unha ficción arredor dunha relación de parella rota e a reflexión sobre os erros que se cometen na vida. Esta película, producida por Matriuska, Avalon, Miss Wasabi Films, TVE, TVG e D-Raíz, está na última fase de postprodución e ten tamén no seu reparto a Xúlio Abonjo, Héctor Carballo ou Melania Cruz.
Tamén terá a súa estrea comercial o ano que vén Cuñados, a primeira longa de ficción da productora Portocabo. Esta comedia costumista e familiar céntrase nas historias disparatadas de tres cuñados unidos polo azar (Xosé Antonio Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez Rey) e gravouse na provincia de Ourense o pasado mes de agosto. Ao cargo da súa dirección está Toño López, que dá o salto ao cinema logo de realizar series de éxito internacional tamén con Portocabo como Auga seca ou a versión europea do fenómeno xaponés Idol x Warrior: Miracle Tunes!
Dezaseis anos despois de León y Olvido, premiada daquela en festivais como Málaga ou Karlovy Vary, Xavier Bermúdez presenta a secuela Olvido y León. Nesta produción de Xamalú Filmes, Bermúdez volve fixar a mirada nos irmáns xemelgos Olvido (Marta Larralde) e León (Guillem Jiménez), observando a evolución da súa relación. O filme, no que tamén participa Monti Castiñeiras, gravouse integramente na provincia de Ourense e vén precisamente de abrir o seu percorrido por festivais como filme inaugural da vixésimo quinta edición do OUFF.
O de Bermúdez non é o único filme pendente de continuar ese periplo ou de estrea comercial. Na mesma situación está, por exemplo, Nación, de Margarita Ledo Andión, producida por NÓS Produtora Cinematográfica Galega. Esta película, que vén de gañar o premio á mellor dirección no Festival de Sevilla, constrúe unha investigación histórica (pero tamén visual) arredor da xeración de traballadoras da cerámica que foron ao paro logo da quebra do Grupo Empresas Álvarez e o peche da fábrica Pontesa de Arcade, mesturando o uso do arquivo coa reelaboración contemporánea da memoria.
Outro filme galego comparte con Nación a súa experimentación formal e o recoñecemento inicial da crítica: 9 fugas, de Fon Cortizo. A segunda longametraxe do director vigués é un filme costeiro, sorprendente e misterioso, poboado por unha traballadora de lonxa, un barco e un grupo de improvisadores que buscan sons do pasado para rescatar tres historias esquecidas, e vén de acadar o premio o premio ex-aequo á Mellor Película na sección Retueyos do FIC Xixón 2020.
Nunha fase anterior á de estes filmes que puideron xa verse nalgún certame atópase a longametraxe Eles transportan a morte, dirixida e guionizada por Helena Girón e o canario Samuel M. Delgado, con produción de Fílmika Galaika (Longa noite, Vikingland) e El Viaje. Esta película supón a primeira longa do tándem creativo, logo de ter pasado por festivais de todo o mundo con pezas como Sin Dios ni Santa María ou Montañas gigantes que vomitan fuego. Eles transportan a morte gravouse en 2019 entre Ourense e as Illas Canarias, e reflexiona sobre os efectos da colonización de Ámerica e da sabedoría precolonial nunha ficción mitificada e experimental, centrada na fuxida de tres tripulantes dunha expedición capitaneada por Cristobal Colón.
Na fase de montaxe está Jacinto, o novo thriller rural de Javi Camino, producido por Vizuals Lab. Unha película na que o director retoma a paixón polo terror e o humor máis trash que viramos en filmes como ¡Maldito bastardo! Nesta cinta, Pedro Brandariz interpreta a Jacinto, un home que vive nunha aldea abandonada co seu porquiño Martiño. A súa morte o día da matanza e a chegada de dúas novas veciñas estranxeiras porán o seu mundo patas arriba. Pendente de estrea comercial, aínda que xa pasou polo OUFF, está aínda Nación de muchachos, o documental que dirixiu Camino sobre o Circo de los Muchachos, tamén producido por Xabier Eirís (Vizuals Lab).
En canto á animación galega, o 2021 traeranos a ópera prima de Chelo Loureiro na dirección, Valentina, que nos conta a historia dunha nena diferente que soña con ser trapecista. Esta cinta, producida por Abano Producións, Antaruxa e El Gatoverde Producciones, atópase na fase final de postprodución. O equipo deste proxecto de animación traballaba a bo ritmo ao saír do confinamento na gravación da dobraxe e da banda sonora, na que colaboran artistas como Andrés Suárez.