Proxectos de ficción: os vindeiros pasos de nomes consolidados

Filmes en desenvolvemento de talentos novos e consolidados.


O 2020 finalizaba coa estrea en salas comerciais dunha das ficcións máis agardadas do ano: Ons, de Alfonso Zarauza (coproducida por Maruxiña Film Company e a produtora portuguesa Bando à Parte). Nunhas das numerosas entrevistas que realizaba o director para falar da súa quinta película no seu pase por festivais estatais e galegos como Márgenes ou Cineuropa, Zarauza avanzaba cales serán os seus próximos traballos. A próxima película que rodará será un thriller que leva por título A máscara, que comezará a gravar en Galicia en maio de 2021. Ao tempo, avanzaba tamén que está a traballar nun segundo filme máis complexo de cara ao 2022, Islandia. Esta coprodución internacional levará de novo ao director a unha illa (neste caso a do título), e combinará o islandés e o galego na rodaxe, que tamén terá lugar no país.

Hai apenas un par de semanas Jorge Coira (Hierro, Eroski Paraíso, 18 comidas) anunciaba a rodaxe dunha nova película, Proyecto Emperador, unha coprodución de Vaca Films coa compañía francesa Playtime que comezará a súa gravación na primavera de 2021. Esta longa, con texto de Jorge Guerricaechevarría (habitual guionista de Álex de la Iglesia ou Daniel Monzón), gravarase en diferentes lugares de Galicia ademais de en Madrid, Bilbao, Cuba ou Ámsterdam. Trátase dun thriller inspirado en feitos reais, que ten lugar dentro do mundo da espionaxe e en cuxo equipo técnico traballaran profesionais galegas como María Liaño como directora de produción ou Susana Veira e Beatriz Antelo como xefas de maquillaxe e perruquería.

Outra das producións agardadas que veremos rodarse en 2021 é a primeira longa de Álvaro Gago, Matria, que ten en previsión gravar nas Rías Baixas. Este traballo audiovisual nace da historia da súa multipremiada curtametraxe homónima e permitirá achegarnos en máis detalle á vida da súa xa coñecida protagonista, Ramona, unha traballadora da conserva que vive nun contexto laboral e persoal tenso e impredicible. O proxecto, que na fase de prepodución recibiu o nome de Algo parecido á felicidade, está producido por Matriuska, a compañía madrileña Avalon e a catalá Ringo Media. Mentres agardamos a chegada de Matria, seguiremos con atención a traxectoria da curta 16 de novembro, que vén de pasar o corte de cara aos premios Goya.

Imaxe do proxecto de longametraxe ‘Matria’ de Álvaro Gago.

Aínda que a pandemia modificou e mudou os procesos de financiamento e produción planificados, OlloVivo continúa traballando na fase de preprodución de O corpo aberto de Ángeles Huerta (en coprodución coa portuguesa Cinemate e a catalá Fasten Films) coa previsión de comezar a rodar a finais de 2021. Durante o confinamento, tal como comentou o produtor Gaspar Broullón nunha entrevista de AGAPI, tiveron tempo para planificar e traballar sobre o papel o guión, a fotografía ou a dirección de arte deste filme de terror gótico, que adapta un relato de Xosé Luís Méndez Ferrín e conta a historia dun mestre que, a comezos do século XX, é destinado a unha aldea nas montaña que separa Galicia e Portugal. Ademais, OlloVivo está en fase de redeseño de Citizen, a súa nova colaboración con Chévere, que rodará Lucía Estévez. A obra inspirábase no Citizen Kane de Orson Welles para contar a historia de A.O., un empresario galego do téxtil que se converte nunha das persoas máis ricas do mundo a finais do século XX. A primeira versión do guión está rematada pero atópanse recalculando o financiamento. Para o ano 2021 comezarán coa produción de Cancións para a apocalipse, un documental sobre o músico Micah P. Hinson que dirixirá Fon Cortizo

Se existe expectación por ver cara onde continúan as carreiras de Ángeles Huerta ou Fon Cortizo despois do interese espertado por Esquece Monelos ou 9 fugas, o mesmo se pode dicir de Alberto Gracia, que con O quinto evanxeo de Gaspar Hauser ou La estrella errante pasou con éxito polo circuíto de festivais. A parra, a súa terceira longa, gravarase integramente en Ferrol na próxima primavera e producirá Fílmika Galaika. Esta película, de corte máis clásico que as súas obras anteriores, contará a historia dun escritor fracasado que regresa ás súas orixes trala morte do seu pai. É un filme no que a urbe naval terá especial importancia, e para o que estivo localizando en outubro co que será o seu director de fotografía, Mauro Herce (O que arde). Outra das produtoras clave do cine galego recente, Zeitun Films, agarda rodar na primavera do próximo ano en Galicia a curta Sen ti, da libanesa Feyrouz Serhal, e da mesma directora ten en desenvolvemento a longametraxe I am here but you can’t see me. 

2021 tamén trae en produción as novas longas de cineastas con traxectorias que teñen as súas raíces algo máis atrás. Por unha banda está Debuxos animados (Honeymoon), na que Enrique Otero volve á ficción dez anos despois de Crebinsky. Producida polas galegas Pulsa Control Z e Matriuska Producciones canda a compañía portuguesa Planar, esta película será un thriller con tintes de road-movie e nela participarán Javier Gutiérrez, Antonio Durán “Morris” ou María Vázquez. Pola outra, Ignacio Vilar comezará Aura 1964 (Vía Láctea Filmes). O proxecto desta película recibía en 2018 unha das axudas do programa MEDIA Europa Creativa entre máis de 300 candidaturas recibidas de entre 32 países. Das cinco produtoras do Estado español que recibiron estas axudas, Aura 1964 será o único proxecto concibido para rodarse en galego. O filme, centrado historicamente na España de 1964 e nun período no que a ditadura militar de Franco celebra os 25 anos de paz, contará a historia de Siro, un adolescente dunha aldea galega que ten que ingresar nun internado católico, no que coñecerá a amizade nun ambiente dominado polo adoutrinamento, a mentira e a vexación, en nome de Deus e da ditadura. A rodaxe, prevista para principios do ano que vén, contará entre o reparto con actores como Karra Elejalde, Antonio Durán “Morris”, Miguel de Lira, Melania Cruz e Itziar Ituño

Pola súa parte, Abano Producións ten tamén entre mans varios proxectos. No ámbito da imaxe real, as Also Sisters (as irmás Sonia e Miriam Albert Sobrino) preparan a película Melita, na que contan a historia dunha nena xorda e un pouco rebelde que se enfronta ás consecuencias dun erro que cambia a súa vida e da súa nai para sempre. No ámbito da animación, preparan O soño da sultana, de Isabel Herguera. Este filme combinará tres historias que suceden en diferentes partes do mundo, e nas que a personaxe principal será Inés, unha directora de cine de animación. Estes filmes súmanse á expectación que xera Unicorn Wars, a que será a nova longa de Alberto Vázquez, e na que Abano colabora na produción coas francesas Autour de Minuit e Schmuby Productions e a española Uniko: neste 2020 coñeciamos o trailer deste proxecto, que dará continuidade a unha das carreiras máis premiadas do cinema galego logo dos múltiples premios (incluíndo tres Goyas) de Psiconautas, los niños olvidados, Decorado ou Birdboy. Mentres agardamos por el, poderemos ver nos meses sucesivos a curta Homeless Home, coa que Vázquez gañaba no mes de xuño deste ano o premio do xurado no Festival de Annecy e que entra na carreira polos Goya na categoría de animación xunto a El gran Corelli, do estradense Abel Carbajal e Carne, de Camila Kater (producida por Chelo Loureiro desde Abano).

Isto non é todo na animación galega. Outro filme que leva varios anos de desenvolvemento é SHKID de Fernando Cortizo (O Apóstolo), un proxecto ambicioso de Amanita Studio coa produtora mexicana Armar Media. Despois de pechar a etapa de financiamento, a película entrará no 2021 en produción coa previsión de que poida ver a luz en 2022. Esta película recolle a historia das nenas e nenos supervivintes do campo-gueto de Tezerín, que estableceron as SS durante a Segunda Guerra Mundial na República Checa. Tamén se traballará ao longo do 2021 na película O meu avó, unha coprodución de stop motion con Portugal e Francia a cargo de Caretos Film A.I.E, na que a CRTVG vén de anunciar a súa participación.


Volvendo á imaxe real, neste 2020 puidemos ver no OUFF un adianto de 37 minutos de Luarada, de Óscar Doviso, unha película que aborda a historia de Manuel Blanco “Romasanta”, o maior asasino en serie da historia documentada de España. O filme afrontou a primeira fase de rodaxe en Ourense a principios de ano, e quédanlle outras dúas etapas de gravación logo do aprazamento dunha delas pola pandemia. O produtor do filme, Marcos Vázquez, afirmaba no Festival de Ourense que a estrea se agarda para 2022. Segue tamén en produción O home e o can, a primeira longametraxe do vigués Rafa de los Arcos (Caladiño Filmes), unha metáfora da vida a través da reflexión sobre a soidade, na que Manuel Manquiña lle dará vida ao último habitante dunha aldea galega. A produtora con sede en Meira tamén ten varios proxectos en fase de desenvolvemento, como o documental O silencio herdado de Lucía Dapena (Gaitafilmes, La Selva Ecosistema Creatiu e Mayo Films) ou a película de ficción Monstro, dirixida por Andrés Goteira e protagonizada por Morris. Tamén acaba de anunciar que producirá o documental Todas as casas, no que buscan retratar o patrimonio inmobiliario galego que quedou detido no tempo, e para o que contaron cunha axuda do Xacobeo 2021, e teñen en preprodución a curta Madalenas, de Félix Brixel, e Sandwich Cat, de David Fidalgo, da que son coprodutores.

Goteira e o produtor Suso López Paz participaran na reportaxe dos Papeis da Academia 2017 centrada na xeración máis nova do audiovisual galego, onde tamén aparecían a directora Anxos Fazáns e a produtora Silvia Fuentes. Desde aquela, as dúas fundaron Sétima Media, unha cooperativa que está a desenvolver a súa primeira longametraxe: Cando toco un animal de Ángel Filgueira, unha historia sobre o poliamor, as novas sexualidades e as formas de relacionarse da xeración millenial, da que agardan poder comezar a rodar no segundo trimestre do 2021. A longo prazo, Sétima traballará o próximo ano tamén no desenvolvemento do guión e estrutura de As liñas descontinuas, a longa coa que Fazáns lle dará continuidade a A estación violenta, unha ópera prima coa que pasou por festivais como o de Sevilla ou o BAFICI de Bos Aires. Pola súa banda, o director vigués Carlos Martínez-Peñalver traballará na preprodución da súa película Trala estrela (Omen), que acaba de recibir un dos premios do Mentoring Projects do festival L’Alternativa de Barcelona.

Imaxe de ‘Cando toco un animal’.

O repaso aos proxectos en desenvolvemento do audiovisual galego complétase con Estelas, de Melgo Cinema, e San Simón, de Miramemira. Estelas é primeira longa que dirixirá o director e actor Roberto Alvite, e nace da vontade de explorar o desenvolvemento da infancia dentro de estruturas familiares en conflito. Pola súa banda, o proxecto no que Miramemira volve ao cinema despois de O que arde é unha longametraxe de Miguel A. Delgado cun marcado carácter autoral, e que se move entre dous eixos: o espazo xeográfico da Illa de San Simón na ría de Vigo e a rutina da prisión. Outros proxectos que tamén levaron axuda para a escrita de guión e aos que lle seguiremos a pista en 2021 son Así chegou a noite de Ángel Santos, que tamén producirá Miramemira, e As defensas, de Lucía Estévez.