“Tivemos a sorte en Saturna de non parar desde que coñecimos o maldito covid, e iso non vai cambiar a ilusión que temos cada vez que estamos diante dun guión”. Alicia Dapena explica que a parte creativa do seu traballo segue a ser a mesma. Ela e a súa irmá e socia Lola seguen a imaxinar o vestiario que axudará a construír a cada un dos personaxes, e seguen a atender aos estilismos que atopan en calquera contexto por se fosen útiles: “Non podo evitalo, vou pola rúa e teño que estar sempre reparando no que levan os demais. Dá igual que sexan cousas raras ou non raras; de súpeto reparo nun veciño e é “isto que ben me vén para Cayetano”. É como cando vou a un museo, miro os cadros e no que máis me fixo é na indumentaria”.

 

O que non segue a ser o mesmo é a parte práctica, tanto no que se refire a conseguir o vestiario como a traballar con el nunha rodaxe. Nos últimos meses, Saturna participaron na gravación da segunda tempada de Hierro, na do filme Cuñados ou na da serie Chegar a casa, e atopáronse con problemas que antes non tiñan, como as dificultades para viaxar ou a lentitude dalgúns procesos: “Un método de traballo que moitas veces utilizamos, que é ir a un centro comercial, porque concentra tendas nun pequeno espazo e sempre imos escasas de tempo, agora ten problemas. Ademais do medo que hai ás veces, ti non podes acceder a caixa da maneira que o facías antes, e xa non digamos cando tes que cambiar as tallas”. Ao manipular a roupa, tamén aparecen outras necesidades, xa que agora, por exemplo, hai que intensificar os lavados e a desinfección ou vixiar a separación das prendas do reparto: “Necesitamos felpudos, necesitamos plastificar toda a roupa separada… Tonterías como que antes os zapatos, cando ían nun camión ou iamos nunha furgoneta dunha localización a outra, ían mesturados, pois agora levamos un tupper para cada personaxe”. Xa que logo, as tarefas técnicas de vestiario exemplifican a tendencia xeral a que as producións audiovisuais precisen agora máis recursos, e tamén a aprendizaxe de novos métodos de traballo.

 

“Creo que nos humanizamos todos moito, que entendimos todos que había que coidarnos uns a outros, que é algo que sempre procuramos facer pero que de súpeto era como… máis familia”.

 

A maiores de todo isto, Alicia comenta que volver ao traballo nun contexto tan complicado e incerto (sobre todo no caso de Hierro, por ser das primeiras producións en volver) tamén fixo que os equipos estivesen especialmente pendentes de coidarse uns a outros. “Foi moi particular porque a sensación era para todos complicada, nova e descoñecida. Houbo algunha persoa do equipo que non se puido reincorporar, porque tiña un familiar en situación de risco… Creo que nos humanizamos todos moito, que entendimos todos que había que coidarnos uns a outros, que é algo que sempre procuramos facer pero que de súpeto era como… máis familia”. Ao mesmo tempo, tamén sinala que a sensación naquel momento foi de “privilexio” por poder “comezar a rodar nun momento no que a xente estaba metida na casa sen poder traballar, pedindo axudas…”. Polo de agora Saturna seguen con ese privilexio de poder estar a traballar “coma tolas” e coa mesma ilusión, sempre tendo en conta o incerto do contexto. Mentres se achega a oportunidade de ver nas pantallas o seu traballo en Hierro, Cuñados, Chegar a casa ou Ons, ocúpanse tamén do vestiario de O charco de Ulises (a vindeira produción propia do Centro Dramático Galego) e rodarán con Portocabo e SPi a segunda tempada de Auga seca no 2021, “que espero que sexa o ano da non-pandemia”.