Durante os meses de duro confinamento e, sobre todo, na posterior desescalada foron aparecendo en Televisión Española e en diversas plataformas de pago (HBO, Netflix) series artelladas durante o confinamento e sobre el. Isto implicou a redución de tempos nos procesos de escritura, improvisación, gravacións caseiras (que, por sorte, deixaron de ser a única alternativa) e moita inventiva e humor. Porque todo hai que dicilo, os contidos de nova creación que poidemos ver na corentena en Galicia tiraban bastante cara a comedia. En Galicia, por exemplo, entretivémonos moito co personaxe de Chani que creou Federico Pérez, e co que se dedicou a facer resumos tenros e retranqueiros das fitas audiovisuais máis importantes destes últimos anos, como este de O que arde, e tamén apareceron miniseries como Fin, realizada por Lucía Estévez xunto a María Vázquez e Víctor Duplá.
Con todo, o interese desta época está en atender, en paralelo a como se reflicte a nova realidade, aos novos formatos e ferramentas empregados pola xente que crea contidos en Galicia. Por exemplo, o presentador Adrián Díaz emitiu en rigoroso directo pola plataforma Twitch o late night Hai Corentena, co obxectivo de entreter e facerlle pasar mellor o tempo aos seus seguidores. Fíxoo de luns a sábado polas noites, desde finais de marzo a mediados de maio, cos seus colaboradores e convidados participando desde as súas casas, ao ser imposible darlle continuidade ao formato gravando máis programas de Hai caldo, que se emitiu de febreiro a comezos de abril na Televisión de Galicia (que, pola súa parte, tamén reforzou a súa presenza na rede coa iniciativa Fluxos G, que permite que a web da corporación sirva de plataforma de streaming para eventos culturais). Hai corentena foi así pioneira en ofrecer contido exclusivo en galego nesta rede.
Mais seguramente os que mellor convertiron as carencias en oportunidade foron os cómicos Xosé A. Touriñán e David Perdomo, que empezaron a facer directos improvisados en Instagram os primeiros días do confinamento de marzo, e acabaron converténdoos nunha cita diaria (ou máis ben nocturna) con milleiros de fans cos que se conectaban nesta rede desde a súa casa. Isto desde logo favoreceu o éxito de Somos criminais, o espectáculo teatral do propo Touriñán con Carlos Blanco, no seu salto audiovisual e comercial á rede. Producido por Ainé (con Álvaro Pérez como director de contidos e publicidade), lanzouse a internet para ofrecer unha función única gravada, desde a súa web, que permitía a súa visualización desde calquera dispositivo ou SmartTV, con aforo limitado e a un prezo de 5 euros. A proposta contou cun equipo de doce persoas, incluíndo a Lucía C. Pan como directora de fotografía ou ao dramaturgo e actor Tito Asorey como director de escena. Asorey xa ocupara ese rol na xira física de Somos criminais, que se converteu no espectáculo con máis entradas vendidas na historia do teatro galego, e a posta en marcha desta experiencia exclusiva foi tamén moi exitosa: vírona en liña máis de 10.000 persoas en 47 países. O seu caso demostra que se abre unha nova vía para chegar a outros públicos e traspasar fronteiras, a través de solucións profesionais innovadoras na rede, sexa con contidos específicos ou coa adaptación de contidos xa testados noutros formatos. Incluída a participación directa dos protagonistas comentando en directo a función co publico.
Precisamente en relación a explorar formatos diferentes, o éxito de Somos criminais chegou tamén aos autocines de verán, un espazo que vale, non é en liña (salvo que contemos as que marcan onde aparcan os coches), pero que polas circunstancias deste ano pasou a ser unha alternativa en auxe á que se acolleron moitos concellos galegos para levar oferta cultural con seguridade a un público desexoso dela. Trala emisión en rede, Ainé recibiu moitas propostas de asociacións e concellos de todo o país para incluír a función nese formato audiovisual dentro das súas programacións. Outra das películas galegas deste ano, María Solinha de Ignacio Vilar, estreábase en xuño nun autocine de Verín. A Mancomunidade de Municipios Arousa Norte puxo en marcha un autocine itinerante, o Lúa Chea Autocine, que pasou por municipios como Boiro, Rianxo, Ribeira ou A Pobra do Caramiñal, achegando ao público películas galegas como Eroski Paraíso ou O que arde. Tamén apareceron propostas para o establecemento de autocines fixos en Vilagarcía de Arousa da man de empresas como Mr Misto Pro, polo que se cadra a tendencia se mantén no tempo.
Tamén no referente á exhibición de contidos audiovisuais de pago, pero nesta ocasión desde a diáspora, o Galician Film Forum de Londres retomaba a súa programación en novembro adaptándose ao novo contexto coa proxección en liña de Eroski Paraíso, a través da plataforma Vimeo on Demand, despois de ver a súa actividade interropida en abril pola covid. Deste xeito, este espazo que naceu co fin de programar cine galego en Inglaterra “sen recurrir a trampas e piratadas” conseguiu tamén continuar coa súa labor de cara ao futuro e superar para o público que non vive en España as limitacións de acceso a algunhas plataformas radicadas no Estado. A medio prazo continuarán traballando desta maneira ante a imposibilidade e incerteza do formato presencial, e incluso comentan que cando as cousas se normalicen acabarán por integrar actividades online dentro da súa programación.
Os que máis se tiveron que afanar para adaptar rapidamente os seus contidos á rede foron moitos dos festivais galegos, logo de verse cancelados en marzo. Moitos deles combinaron formatos duais, axudados e respaldados por plataformas instauradas a nivel estatal como Filmin (caso de Curtocircuíto ou Play-Doc) e utilizando as redes para achegar ao público a eventos. Outros, como o (S8) Mostra de Cinema Periférico da Coruña, elaboraron contidos especiais gravados ad hoc para emitir en streaming durante os días da mostra, combinándoos con proxeccións presenciais reducidas. O Carballo Interplay, o festival de contidos dixitais, foino este ano máis ca nunca, xa que a evolución da crise o obrigou a achegar toda a súa programación a través da rede, acadando as 23.000 visualizacións nesta primeira edición 100% online. Por último, festivais como o de Cans probaron a combinar proxeccións físicas e pases online da súa Sección Oficial con posterioridade á súa celebración. Fixérono a través da súa páxina web coa plataforma Vimeo, e cobrando unha entrada de dous euros por cada un dos tres bloques. Tamén colaboraron con VINTE para proxectar cinco pezas da sección Camadas Deleite, que puideron verse de xeito gratuíto durante unha fin de semana no medio dixital.
As cifras e audiencias demostran, polo tanto, que hai interese e público con gana de consumir contidos online, e tamén que, a pesar do abrumador da oferta de acceso gratuíto, hai xente disposta a pagar por acceder a eles, tanto no cine como na música, que se apoia máis ca nunca no audiovisual para xerar contidos específicos. Dentro desta disciplina, por exemplo, creáronse alternativas como a de Musgo, que se convertía ao formato en liña presentándose nas redes coa seguinte descrición: tres sedes, tres concertos, un escenario na nube. Deste xeito, presentarónse os espazos pero non se deron a coñecer as artistas do cartel ao completo ata o momento da emisión. Na mesma liña, pero experimentando coa emisión de directos de pago, traballa o proxecto A Ponte dos Concertos, no que o estudio de Tomás Ageitos dispón o seu espazo e ferramentas para que calquera grupo que queira poida tocar e emitir a súa música aos fogares do público sen intermediarios. Como indicaba nunha entrevista con Nós Diario, o técnico de son creou, diante da imposibilidade de facer concertos en directo, un reprodutor propio e unha pasarela de pagos exclusiva ou unha sala de conversa para que o público interactuase tamén en directo, conseguindo así saltar intermediarios prefixados como YouTube. En definitiva, a cabeza non para e desta fase (que calquera espera que sexa pasaxeira) poden saír ideas das que tomar boa nota no futuro.