A dobraxe: un sector cos pés de lama

Por Montse Dopico

A dobraxe en galego atópase nunha situación crítica. A contracción do investimento da TVG nesta actividade, que pasou de 4,5 millóns de euros no 2008 a 1,8 millóns no 2015, bateu forte nun sector no que, segundo a Asociación de profesionais da rama artística da dobraxe en Galicia, (Apradoga), non quedan máis de 50 persoas que poidan vivir deste traballo, que lle daba de comer a unhas 300. Mais non sempre foi así. Alén da cuestión da normalización lingüística e, mesmo, da memoria emocional, -pois quen vai esquecer as voces en galego de Doraemon, de Shin Chan ou de Dallas-, nos anos 90 traballaban en Galicia unha ducia de estudios especializados. Na actualidade resisten a metade, tras o peche no 2015 de Sodinor despois de 25 anos de traxectoria.

Apradoga cualifica a actual orde de cousas de “desmantelamento”. A problemática do sector foi obxecto de debate, en diversas ocasións, no Parlamento. O pasado novembro, a deputada do BNG Ana Pontón denunciaba a “grave crise” da dobraxe en galego, que aboca a maior parte dos seus traballadores ao desemprego. Á diminución orzamentaria que sufriu a propia TVG, -de 121,5 millóns de euros no 2011 a 99,4 para o 2014-, sumouse a máis drástica rebaixa do investimento en dobraxe: de 5 millóns no 2004 a 3,4 no 2012-2014.

Pero é que, ademais, as cantidades orzamentadas non chegan a gastarse. Porque dos 3,4 millóns anuais previstos no concurso público de adxudicación do servizo, “no ano 2011 o gasto roldou os 2.700.000 € para chegar a caer, segundo os datos que as empresas provedoras nos facilitan, ata os 1.500.000 €, unha redución sobre o orzamentado dun 45,45%”, segundo Apradoga. As consecuencias foron, así, os “despedimentos” de traballadores, os “expedientes de regulación de emprego” e os “atrasos acumulados nos pagamentos de nóminas”. Mais non é a TVG, da que o sector mantén un elevado grao de dependencia, o único atranco. Porque a industria da dobraxe erguíase, se cadra, sobre unha estrutura cos pés de lama.

Advertíao un dos máis coñecidos actores de dobraxe, Luís Iglesia, nun artigo dispoñible en internet, titulado ‘O modelo galego na dobraxe’. “Na construción do oficio da dobraxe escolleuse mal o solar, (situación dos estudios de sonorización), non se reparou na calidade dos alicerces, (proceso de selección de actores e actrices), elixiuse un modelo que non respondía ás características do país, (modelo de dobraxe en castelán), non se supervisou o traballo dos contratistas, (control lingüístico) e a especulación (máximo beneficio, menor calidade), engarabitou polas paredes, abriu fendas (problemas laborais) e cando fixo falta apontoar os muros petouse á porta de quen nos quixese valer (Academia, ILG, Mesa…)”, escribía entón.

 

Como se chegou ata aquí

A historia da dobraxe en galego comezou a primeiros dos anos 80, ligada ao vídeo doméstico e iniciada por profesionais galegos retornados de Madrid. A TVG naceu pouco despois, coa promoción do emprego da lingua galega como piar fundamental, tal como establece a lei 9/1984, do 11 de xullo, de Creación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, que lle atribúe a esta unha misión de servizo público consistente na “promoción, difusión e impulso da lingua galega”. A esta primeira etapa corresponde a emisión de Dallas ou de Magnum.

Os primeiros estudios abríronse na Coruña, en Santiago e en Vigo. E, lembra Luís Iglesia no seu artigo, “tanto na Coruña como en Vigo a lingua vehicular dentro dos estudios de dobraxe era o castelán”. Ademais, a Lei de Normalización Lingüística aprobárase no 1983 e as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego da Real Academia Galega e do Instituto da Lingua Galega só un ano antes. Consecuencia disto, e doutros factores, foi segundo este actor nestes primeiros tempos “unha dobraxe de voces engoladas que intentaban emular os actores de Madrid e Barcelona, traducións cheas de calcos do castelán ou con solucións hiperenxebristas que aínda pesan coma unha lousa na memoria colectiva”.

O sistema de traballo quedou establecido en dúas convocatorias diarias, entendida cada unha delas como unha xornada, que se desenvolvía en horario de 8:00 a 14:30 e de 16:00 a 22:30 horas. Cada actor de dobraxe cobraba segundo convocatoria e segundo os takes que facía: unidades de texto cun número de liñas determinado e cunha duración máxima en segundos, que co tempo foron sendo cada vez máis palabras e máis rápido. Mais nas mellores épocas, profesionais que tiñan personaxes protagonistas chegaron a gañar salarios moi elevados, traballando ata 13 horas diarias.

A primeiros dos anos 90, a TVG comeza a sistematizar o envío de informes lingüísticos ás empresas de dobraxe que especificaban os erros máis comúns dos dobradores, e que obrigaban a repetir anacos de texto encarecendo o traballo, ademais de rebaixar o número de voces consideradas aceptables. Naquel tempo, -continúa Iglesia-, “Madrid e Barcelona intentaban impoñer un convenio estatal, os empresarios galegos apertaban as caravillas na negociación do convenio galego, a TVG reducía o número de horas de dobraxe a case o 50% e o colectivo foi incapaz de aceptar maioritariamente e organizar un plan de formación de urxencia”. Faltou unión. E esa sería unha tónica que continuaría máis adiante. Apradoga, que só representa a unha parte da profesión, non naceu ata o 2006.

 

O reparto do traballo

Tampouco a distribución do traballo entre as empresas do sector por parte da TVG foi regulada ata hai uns poucos anos. Cinco estudios repartían o orzamento da televisión pública para dobraxe, que se situou entre os 7,1 millóns de euros de 2005 e os 3,8 de 2010. Entre elas, o predominio correspondía a unha, que fora primeiro CTV e despois Soundub, -na actualidade SDI Media-, que levaba perto do 40% do investimento. No 2011, por primeira vez, a televisión autonómica convocou un procedemento público para adxudicar este servizo, obrigada pola Lei de Contratos do Sector Público.

A propia TVG admite, nun documento que lle remitiu ao Consello da Cultura, que ata entón a contratación víñase facendo “dun xeito máis discrecional e menos sometida a condicións obxectivas”. O mercado abriuse tamén nese momento a dúas empresas máis, que foron homologadas como provedoras. Estableceuse, por outra banda, unha contía máxima de concurso de 3,4 millóns de euros, unha “cifra de máximos dificilmente alcanzable”, ao tempo que se poñía de manifesto ás empresas “a necesidade de racionalizar a situación e de reestruturar o sector”, sempre segundo a versión da TVG.

Mais a perspectiva das empresas consultadas é outra. “Nos anos 90, Galicia chegou a ser a segunda comunidade en España en número de horas de dobraxe, xusto por detrás de Barcelona, que levaba xa 50 anos nisto. Pois hoxe a dobraxe atópase en risco de desaparecer. Foi a propia TVG a que favoreceu que as empresas de dobraxe se consolidasen como o fixeron. Porque tiveron que ampliar instalacións, organizar cursos… Esixíronnos medrar e agora dinnos que hai que reestruturar. Queren reformular agora o que levou 30 anos crear”, indica o director de Babalúvox, Juan Ignacio Borrego.

Tampouco é doado traballar para o mercado non galego, -asegura o director de Area 5.1, Celestino Hermida-, entre outros motivos “porque o convenio galego é superior ao de Madrid”. Amósase de acordo con el a xefa de produción de Studio XXI, Concha Obregón, que di que “o convenio galego é moi alto. Non nos falta calidade, pero non somos competitivos nos prezos. Pode ser verdade que as empresas nos acomodamos, porque había traballo suficiente coa TVG para manter o colectivo. Pero abrirse camiño fóra é moi difícil. Nós antes traballabamos moito para a TVE, pero agora moito menos. Aínda si, sobrevivimos pola dobraxe en castelán”.

Pero a óptica dos dobradores é outra. “Tiñamos un convenio colectivo de mínimos, que na práctica se rompeu hai uns dez anos. Se querías traballar, tiñas que rebaixar o prezo. Como daquela había traballo, podías facelo un 20, un 30 ou un 40% máis barato, porque se traballabas con determinadas empresas íache compensar. Así, unha parte do colectivo de profesionais aceptou traballar por menos. Os que dixemos que non, quedamos fóra”, explica a directora de dobraxe Charo Pena. En confluencia con ela, Luís Iglesia engade que “os mellores do oficio teñen as portas pechadas nos estudios que traballan á baixa. O convenio non se renova desde hai anos, non soben o IPC, de maneira que se perdeu o 50% do poder adquisitivo”.

Tras todos os anos nos que o traballo se repartía entre unhas poucas empresas sen convocatoria pública, o primeiro concurso da TVG xerou tamén múltiples recursos. O prego de condicións publicado no 2011, que establecía como requisito aos estudios interesados que acreditasen 340.000 euros de media anual en servizos de dobraxe e sonorización foi, de feito, anulado. No segundo, estudios sen esa traxectoria podían presentarse, mais garántese que a distribución siga a primar, cun máis dun terzo do orzamento, a unha única empresa. Desta maneira, á multinacional SDI correspóndelle, na actualidade, o 35% do orzamento, o cal non significa que viva da TVG pois, segundo salienta a responsable en Galicia de SDI Media Iberia, Laura Castelo, “antes o 75% da nosa facturación era a dobraxe en galego. Agora é o 25%”.

Apradoga salienta, a este respecto, no seu ‘Informe do sector da dobraxe en Galicia’, dispoñible na rede, que “existe unha diferenza entre as porcentaxes dos principais provedores de servizos no prego de condicións do último concurso de adxudicación de servizos de dobraxe que consolidan posicións de forza no mercado e debilitan o principio de competencia”. Tal como indica a directora e actriz de dobraxe Charo Pena, “na adxudicación ten que primar a calidade técnica, interpretativa e lingüística. Non hai ningún criterio profesional que xustifique que unha empresa leve o 40%”. Aínda que, segundo lembra Juan Ignacio Borrego, “as demandas que presentaron varias empresas finalmente perdéronse. A xustiza deulle a razón á TVG, porque ao ser unha sociedade anónima adscríbese ao dereito privado, entón pode puntuar como queira”.

 

A dobraxe a normalización a lingua

Alén da cuestión económica e laboral, a normalización da lingua é o grande argumento en favor da dobraxe. “O galego de referencia, segundo a RAG e o ILG, é o da dobraxe”, salienta o presidente de Apradoga, Andrés Bellas. A RAG considerou, nun documento difundido no 2010, que “o estándar de uso público da lingua galega establécese mediante o concurso de diversos axentes que contribúen ao seu prestixio e valoración social. Neste sentido, o labor dos equipos de dobraxe en galego é fundamental para a consolidación dun estándar correcto. Entendemos que o actual nivel alcanzado polos nosos dobradores é altamente satisfactorio e está a operar sobre os receptores coma un modelo de referencia positivo”.

Mais precisamente por iso Apradoga reclama, no seu informe sobre a dobraxe, “un aumento do peso do criterio de calidade e particularmente da calidade lingüística na adxudicación de produtos dobrados”, xa que “no vixente prego de condicións de adxudicación o peso do criterio calidade é só de 30 puntos sobre 100”, dos que se lle outorgan á calidade lingüística “tan só 15 deses escasos 30 puntos. Como contraste só cabe dicir que a calidade no prego de condicións do concurso feito para a televisión autonómica catalá do ano 2010 ten unha valoración de 50 puntos sobre 100”.

Charo Pena considera, por outra banda, que “foi un acerto que a TVG buscase a mellora da calidade lingüística dos profesionais da dobraxe, porque iso fixo que haxa moita xente moi capacitada. En 30 anos, mellorou moito a calidade lingüística. Pero é certo que noutros sectores do audiovisual houbo máis laxitude coa lingua”. O lingüista da TVG Antón Dobao responde a isto que “a dobraxe comezou con parámetros que agredían o sistema lingüístico. É certo que houbo un intento de acudir a outro modelo, o da oralidade como base. E todo iso conseguiuse, en xeral. Por iso penso que as intervencións nese sentido, por parte da TVG, foron correctas. Hoxe hai moi bos dobradores”.

Outro dos máis recoñecidos profesionais da dobraxe, Xerardo Couto, salienta, tamén, a función normalizadora da dobraxe. “Se non hai unha forte presenza do galego, a xente o que vai facer é ver as películas en castelán. Even-Zohar xa explicou que a cultura ten dous piares, a produción propia e a tradución. Un libro pode ter unha tiraxe media de 1.600-1.700 exemplares. Pois unha película poden vela se cadra 100.000 persoas. O galego ten que ter, por iso, polo menos a mesma presenza que o castelán, para equilibrar”.

 

O futuro do sector

A diversificación de produtos e servizos ou a dobraxe noutras linguas é o que está a permitir sobrevivir ás empresas. Antón Dobao achega, ao respecto, algunhas ideas. “Eu boto de menos unha política do sector para que se poida ver en galego a mesma película que atopo subtitulada en catalán, por exemplo, ou mesmo dobrada. Refírome ás edicións en DVD, ás plataformas de televisión de pago… onde o galego non está. Tamén se pode potenciar a dobraxe de programación infantil, porque agora o que ven os nenos son cadeas en castelán, pero iso non resolvería o problema. E é certo que a TVG precisa unha planificación mellor da emisión da dobraxe. Ten que decidir o que quere ser nese aspecto”, reflexiona.

A programación da emisión de dobraxe constitúe unha das principais queixas do sector. “Tal como tratan a dobraxe, é imposible fidelizar audiencia”, apunta Concha Obregón. “O que poñen é reposicións, que moitas veces son dobraxes antigas e de calidade ínfima”, asegura. “Non só a dobraxe está na segunda canle, que ten audiencias máis cativas, senón que poñen as películas dobradas á unha da mañá, despois de que xa puideran verse en castelán”, matiza Andrés Bellas. “Non lles importa o impacto que pode ter a desaparición da dobraxe, a nivel de lingua”, pensa Charo Pena. “Porque non lles importa a lingua. O que lles importa é destinar cartos ao que lles dea rendibilidade política. A dobraxe debería estar orientada a unha programación que puidese atraer a todos os públicos, porque na actualidade parece que só interesa un determinado tipo de público”, opina. A produción propia, -poderiamos engadir-, é en boa medida, ademais, fornecida por produtoras asociadas a xornais que poden xerar outro tipo de retornos ao goberno.

Apradoga realizou, ao respecto, no 2014. un estudo comparativo da programación da TVG coa de La 1, Antena 3, Cuatro, Telecinco, La Sexta, TV3 e TPA. A conclusión é que a televisión galega “con 26.47 horas de programación semanal dobradas, sitúase aproximadamente na media de todas as cadeas”. A diferenza respecto das outras canles é que “a TVG é a única canle que non programa espazos dobrados en prime-time. Todas as outras canles, tanto públicas como privadas, tanto autonómicas como de carácter estatal emiten programación dobrada na franxa horaria de máxima audiencia. A TVG é tamén a que menos programa produto dobrado en horario de fin de semana con tan só 4,8 horas, a maioría das cales son ademais, emisións de madrugada”.

A TVG emitiu en horario de madrugada, por exemplo, unha serie de éxito como Breaking Bad. Ou programou series cando xa pasara o seu boom de audiencia, ou destinounas á segunda canle, onde se proxectaban en versión orixinal, tendo o espectador que mudar a opción de lingua no televisor se quería velas en galego. Tamén ás veces dóbranse películas que non chegan a verse nos cinemas, ou que se proxectan tan poucos días que o público nin chega a decatarse. En Cataluña, pola contra, -ao abeiro dunha política lingüística moito máis activa-, é máis habitual poder ver na lingua propia filmes cataláns ou dobrados ao catalán. Ou DVDs coa opción de catalán. Todos estes feitos restan valor aos argumentos que sinalan a evolución tecnolóxica como unha tendencia que se move necesariamente en contra da dobraxe. “Non hai ningunha canle xeralista en castelán que estea preocupada pola descarga de filmes en internet”, subliña Juan Ignacio Borrego. “A xente baixa películas en versión orixinal e veas con subtítulos. Pero tamén ve películas dobradas ao castelán”, indica.

A rebaixa dos orzamentos da TVG tamén forzou a empresas a buscar máis mercado fóra. Nese sentido, SDI Media teno máis fácil por ser unha multinacional. “Clientes de castelán temos moitos, como Universal, Fox, MTV, Mediaset, Disney e Antena 3”, comenta Laura Castelo. “Na última adxudicación da TVG, correspondeunos o 33%. Despois foise prorrogando, e no 2015 é o 35%, pois o peche dun dos provedores fixo que quedaramos menos. O que se avalía na adxudicación son criterios técnicos, artísticos… Nós temos seis salas de dobraxe. E temos dous lingüistas en plantel. Os clientes son esixentes coa calidade. O problema é que esixen máis calidade por cada vez menos diñeiro”, explica. No concurso do 2012 tamén se valoraba o desconto que puidesen ofertar as empresas sobre as tarifas de dobraxe da TVG.

 

Os vellos debates

O “mantra” da demanda de produción propia por parte do espectador é, segundo Apradoga, “unha lectura simplista, ademais de falsa”. O que hai, ao seu ver, “é un interese nulo en atender á pluralidade social da sociedade galega, convertendo o que debera ser unha televisión con vocación xeral e normalizadora, nun instrumento programador de festas, verbenas e orquestras”.

Pero a contradición entre produción propia e allea é unha cuestión discutible.“O primeiro que teño que dicir é que o desenvolvemento da dobraxe en Galicia foi un milagre. Inventouse en tempo real, sen formación previa, nin un galego normalizado nin normativizado, nuns poucos anos, coa quinta parte do orzamento que tiñan en Madrid. Foi unha cuestión de esforzo e de talento. Mais houbo males endémicos. Por exemplo, unhas empresas recibían máis traballo ca outras e non sempre a que mellor levaba era a que ofrecía máis calidade. E ocorreu como noutros sectores, que de subvencionar moito sen mirar como se gastaban os cartos, pasou a recortarse brutalmente”, subliña Luís Iglesia.

Mais, -pregunta Iglesia-, “que problema pode haber por ter produción propia e dobraxe? É que Antena 3, Cuatro ou La Sexta non emiten series españolas e produtos dobrados? Outra cousa é a falta de modelo. Se partes dunha visión de que ‘este é o noso público’ e o demais non che interesa, estás botando fóra por exemplo o público do Xabarín que se recuperou con Matalobos”. Ademais, -engade-, “a finalidade dunha televisión pública non é competir pola audiencia. A dobraxe ten un sentido de servizo público, para normalizar un idioma. O público ten que ver soldados, espías, presidentes, científicos… que falan galego. E todo iso non vai darllo só a produción propia”.

A TVG escúdase, pola súa banda, nas mudanzas nos mercados televisivos. Subliña, así, no documento que lle remitiu ao Consello da Cultura, que coa chegada da TDT “aumentou o número de operadores que pasaron a ter necesidade de mercar produto para as súas canles principais, ou para calquera outra do seu grupo, medrando a presión de grupos como Mediaset ou A3media. Produciuse de feito que estes grupos presionaron na adquisición de canto produto de interese se achegaba aos mercados, asinando acordos millonarios que ata ese momento se compartían coas TVs de pago antes de pasar os dereitos ao aberto”.

Ademais desta situación, “que foi mudando a capacidade de adquisición por mor dos mercados”, engadiuse “a menor dispoñibilidade orzamentaria na TVG para a adquisición de dereitos de produción allea por dúas causas fundamentais: as dificultades económicas propias da estrutura orzamentaria interna da casa e máis a necesidade de incrementar a produción propia e dinamizar o sector audiovisual do país”. Así, -engade a TVG-, “o cine non é competitivo como produto de impacto e grandes audiencias nunha TV pública como a TVG. Malia isto TVG segue apostando por unha presenza da ficción redimensionada e axustada ás necesidades e circunstancias actuais”. Por outra banda, “é obvio que despois de 30 anos de existencia e dobraxe na TVG, cada vez o arquivo de dobraxe é maior, o que supón que en moitos casos se adquira produto para a súa reemisión que xa está dobrado ao galego. As redifusións , cada día máis presentes nas televisións, tamén supoñen que non exista dobraxe nova a contratar”.

Outra cuestión é o que está a pasar coa dobraxe actual debido ás mudanzas na organización do traballo. “Primeiro faciamos de 60 a 90 takes. Despois 120. Despois 140. O ritmo era cada vez máis alto e a calidade menor. Estaba claro que isto ía estoupar. E agora parece que o que quere implantarse é o modelo Taiwan. Traballo low-cost. A TVG segue a darlle traballo a produtoras que traballan á baixa. E así reséntese a calidade”, indica Iglesia.

Concorda con el outro dos máis coñecidos actores de dobraxe, Antonio Mourelos, agora máis dedicado, coma Iglesia, ás series de ficción de produción propia da TVG. “O proceso, coa tecnoloxía dixital, volveuse máis rápido. Pero en lugar de aproveitar para mellorar a calidade, só serviu para abaratar custos. O que importaba era acabar e facturar rápido. Eu defendo a dobraxe a morte porque penso que é fundamental para a normalización do idioma. Pero penso que parte da culpa da situación actual tena o propio sector, co seu laissez-faire. A dobraxe era un traballo cómodo. Gañabas cartos, non tiñas que estudar: chegabas e dicíanche como era o teu personaxe. Traballabas trece horas, dábante de alta e de baixa no mesmo día e marchabas para a casa. Os dobradores non protestamos e as empresas tampouco. Ninguén dicía nada porque podía quedar sen a súa parte. O sector estivo calado mentres houbo traballo”.

Á falta de unión apunta a actriz de dobraxe Maika Aguado no seu Traballo de Fin de Grao, realizado na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, que analiza o sector da dobraxe en Galicia. “Mediante as diversas entrevistas realizadas e a observación propia, puidemos constatar a desunión histórica que afecta os profesionais da rama artística da dobraxe por conflitos -de diferente natureza- xerados no pasado e que soamente achegan fraxilidade a un colectivo cada vez máis desprovisto de cobertura social: prestacións, actualización de convenios, etc. Este individualismo latente que opera coa premisa do “sálvese quen poida” fixo posible que as empresas se afastasen con máis impunidade dos intereses dos traballadores, negociando particularmente, e de xeito soterrado, cos actores condicións de traballo que só fan medrar a desigualdade, a conivencia e as intrigas entre eles”, afirma.

Aguado comenta tamén que “a falta de diálogo caracterizou sempre as relacións entre os traballadores da dobraxe e os estudios. A singularidade laboral dos artistas –traballadores fixos-discontinuos- é unha das razóns dese afastamento, xa que ao tratarse de persoal alleo, a súa presenza no estudio é sempre eventual, o que deriva nun descoñecemento do traballador da verdadeira situación económica da empresa”. Por outra banda, propón “solicitar da Televisión de Galicia a realización dun programa de formación continua con cursos de galego adaptado á dobraxe conxuntamente cos estudios, que favoreza a reciclaxe e actualización no uso da lingua de todo o colectivo”. Ante a demanda de “voces novas” e de maior variedade de rexistros por parte da TVG, recomenda “axudar a acadar os niveis óptimos esixidos no uso do galego aos actores de dobraxe en activo rexeitados pola canle, -moitos deles con máis de vinte anos de experiencia-, máis que buscar persoas totalmente alleas ao sector”.

Neste mesma publicación da Academia Galega do Audiovisual pode lerse un artigo do profesor, director e realizador Xaime Fandiño que se amosa moi crítico coa dobraxe, afirmando que axuda a perpetuar “a “claudicación ante un mercado mundial oligopolístico de distribución e exhibición dos seus propios produtos audiovisuais”; “a resignación cara á estandarización na produción de contidos por medio do mainstream imperante suxeito a plans de mercadotecnia que, en ocasións, conlevan implícita a transmisión de ideais e pautas de conduta uniformizadas, facendo que outras opcións de carácter máis local que non reflicten o mesmo modelo de valores ou sociedade, cheguen a parecer fóra de contexto e incluso nalgunhas ocasiones situarse na órbita do politicamente incorrecto”, ou que priva o espectador dunha parte da interpretación actoral orixinal.

“O subtítulo”, asegura, “pode facer máis polo idioma que a propia dobraxe pois, ademais de abrir a mente do espectador a escoitar outros idiomas, ao recorrer ó subtítulo para entender frases do orixinal, a implementación do significado faise a través dunha transposición mental da lectura en galego sen pasar por ningún outro filtro idiomático”. A visión dos profesionais da dobraxe é, porén, diferente. “Claro que se poden perder matices da interpretación orixinal”, indica Andrés Bellas. “Mais tamén se perden cando se traduce a Shakespeare, pero hai que traducilo porque non todo o mundo sabe inglés. E eu vexo máis complexo traducir poesía que dobrar unha película, por exemplo”, di. Ademais, “nun país como o noso”, pregunta, -”que porcentaxe da poboación pode ver as películas en inglés con subtítulos en galego?. Non ten sentido. Non é máis que unha escusa”, asegura. Por outra banda, engade, “o galego de referencia, segundo a RAG e o ILG, é o da dobraxe. E nunha sociedade diglósica, os produtos propios teñen os vicios da diglosia. Pero un produto americano ou alemán que se dobra non os ten”.

Amósase de acordo con el Concha Obregón. “O de que é mellor o subtitulado é unha parvada. Non triunfa en España, como para facelo nun pobo envellecido como o noso. E claro que a xente ten que aprender inglés, pero o lugar para iso é a escola. O problema non é ese. O que pasa é que consideramos o galego unha lingua de segunda. Cremos que o importante é o castelán e o inglés”.

O efecto da dobraxe sobre a aprendizaxe de linguas estranxeiras é un dos debates que poden estar máis presentes na rúa. Mais, para os dobradores, é unha falacia. Desta cuestión ocúpase Maika Aguado no seu traballo. En Francia, Alemaña, Italia, Austria, Suíza, República Checa… tamén se dobran os filmes e series, sinala. Noutros países, como Portugal, Reino Unido, Irlanda, Grecia e Turquía, só se dobra a programación infantil. Mais, segundo as sondaxes realizadas periodicamente pola Comisión Europea, -os Eurobarómetros-, en Alemaña o 56% da poboación afirma saber inglés, en Austria o 73% e en Portugal o 27%. Así que, -conclúe Aguado-, “dicir que nos países con tradición de subtitular as películas, a xente fala mellor en inglés é unha xeneralización apresurada que non se ve avalada polos feitos”.

No seu informe sobre a dobraxe en Galicia, Apradoga demanda “deter a diminución de recorte de horas destinadas a dobrar produtos audiovisuais e, de ser posible aumentalas”, manter o esforzo “na programación infantil e potenciación de igual xeito na faixa xuvenil”, con especial atención á xente “nova e urbana”; “evitar a reposición de produtos cuxa dobraxe sexa pretérita á última normativa en vigor”; “publicar os datos de gasto efectivo en dobraxe e subtitulacións a anos vencidos e non só os orzamentados”; “promover a dobraxe ao galego de polo menos 10 filmes anuais, dos que presenten maiores expectativas comerciais” e     “a sinatura de convenios coas principais distribuidoras para que inclúan a versión en galego nos filmes en soporte de DVD”.

Dolores Ben, que foi creadora e directora do estudio Sodinor ata que tivo que pechalo, propón promover a dobraxe de programación infantil e xuvenil, “recuperando a idea do Xabarín e quizais cunha canle especializada”, e “non tentar competir co mesmo tipo de programación que as televisións xeralistas, emitindo o mesmo que se puido ver xa en castelán ou a través de internet. Podían programar cousas diferentes, por exemplo cinema de autor”. Algunhas medidas que permitirían, se cadra, refrotar a dobraxe para que non se cumpra a súa actual condena a morte.