O audiovisual, o noso oficio, a nosa vida, a do espectáculo: o de facer rir, chorar, impresionar, enternecer, axitar… en definitiva, transmitir emocións ao público, está en continuo cambio. Quen nos dedicamos a isto sabemos que debemos aprender cada día, é parte imprescindible do noso traballo. E sabemos que cada día que non aprendemos algo é un día perdido.
Para as persoas que nos dedicamos ao audiovisual sempre son tempos novos, de cambio. Cada día o público reclama, e con razón, contidos mellores, de maior calidade, cada día esixen, e con razón, que deamos o mellor de nós. Sabemos que é parte indisoluble do noso traballo.
Na Academia Galega do Audiovisual tamén estamos sempre en continuo cambio. Neste caso presentámosvos unha nova edición do Anuario da Academia, dos chamados “Papeis da Academia”. Un anuario que é diferente ao que viña sendo ata agora. Nin mellor, nin peor, só diferente, tentando adaptarnos a novos tempos. O anuario que vos presentamos hoxe vai estar aloxado na web da Academia para que calquera persoa poida consultalo. E, en realidade, queremos que deixe de ser un anuario: pretendemos que non sexa unha publicación que sae unha vez ao ano, queremos que os novos papeis da Academia cheguen a académicxs e ao noso público, ao longo de todo o ano, con reflexións, estudos e diagnoses dos tempos que vivimos.
Comezamos ofrecéndovos non só as opinións e reflexións dxs académicxs, un resumo do ano pasado e das nosas actividades; tamén queremos ofrecervos, ofrecer ao noso público, estudos e reportaxes sobre diferentes cuestións que nos afectan. Neste número comezamos con dúas reportaxes: “O audiovisual galego, lonxe da igualdade de xénero” e “A dobraxe: un sector cos pés de lama”, escritas pola xornalista Montse Dopico, que agardamos sexan do voso interese, que sexan do interese do noso público.
Tamén resultanos moi grato presentar para o disfrute de todxs unha lista de música do compositor de bandas sonoras, o noso compañeiro Xavi Font. Tratase dunha lista de Soundcloud. Teremos na nosa web un reproductor que estará directamente conectada a esa lista para a súa reproducción.
E xunto a estes novos formatos, como complemento, queremos presentar na nosa paxina o calendario con todos os festivais de cine e contido audiovisual de Galicia. E antes de fin de ano, unha base de datos con todas as obras audiovisuais feitas en Galicia. Este ano presentaremos todas as obras ata o ano 2009; esperamos continuar esta base de datos coas obras feitas con posterioridade e coas que seguimos a crear.
Esta xunta directiva agarda que este novo formato sexa do voso agrado e pídevos todo tipo de consellos, suxerencias, críticas, para poder facer unha Academia mellor, para que a nosa Academia sexa de utilidade para académicos, profesionais e para o noso público.
Porque somos un sector vivo, que xera moitos postos de traballo (algo moi importante, fundamental nestes tempos), con grandes profesionais. Pero tamén debemos reivindicar que somos cultura audiovisual, en definitiva, cultura. Ogallá este novo formato do noso anuario contribúa a isto. Ogallá este novo formato contribúa a que todxs (profesionais, diferentes administracións e o noso público, sen o cal non somos nada) sigamos aprendendo cada día.