Ola. Velaquí unha nova entrega dos Papeis da Academia, unha iniciativa que arrincou no 2006 para ir contando anualmente algo do que somos e do que facemos. A Academia Galega do Audiovisual ten entre as súas funcións principais favorecer o coñecemento do noso labor, e estes Papeis contribúen, modestamente, a cumprir esa encomenda.
Dicía Buñuel nas súas memorias que, logo de morto, gustaríalle erguerse da tumba cada certo tempo, ir ao quiosco, mercar os xornais, ver como seguía o mundo e volver para a tumba.
Os xornais non se fan para ser documentación histórica, pero acaban séndoo, inevitablemente. Algo semellante pasa cos nosos Papeis. Dalgún xeito, naceron para ser fitos que de ano en ano vaiamos chantando no camiño, de maneira que quede testemuña do rumbo que o noso colectivo vai trazando: O que fixemos e pasou no ano que remata, o que contamos que pase o ano por vir, o que queremos ser, o que somos, o que nos parece ser. Miramos de preto o pasado inmediato, o presente, o mañá que supoñemos á volta da esquina. É unha ollada tan próxima que probablemente non sexa a máis nidia. As cousas adoitan verse mellor cunha certa distancia. Pero tempo haberá para volver a vista e ter unha mirada de conxunto. De momento, e non é pouco, o que podemos ofrecer é o que aquí e agora facemos, sentimos, vivimos, e deixar constancia. Será unha mirada menos nidia, pero máis sentida.
Por obvias razóns, este ha ser un ano difícil de esquecer. Cada ano nos cambia, pero con poucos coma este o notamos tanto. O ano en que a suspensión dunha rodaxe pasou de ser unha catástrofe infrecuente a unha posibilidade que contemplar; o ano en que o público das salas de cine e dos festivais tivo máis dificultades ca nunca para acceder; o famoso ano 2020.
Estes Papeis contan algo de todo iso que nos pasou a todos. E contan algo mellor. Que, con todo, demos feito para distribuír, estrear, posproducir, rodar e desenvolver proxectos de entretemento, documental ou ficción. Proxectos grandes ou pequenos. Proxectos cociñados a lume manso ou froito da urxencia por contar. O caso é que seguimos adiante.
E porque existimos existen os Papeis da Academia.
Pepe Coira, Óscar Cruz, Xavi Font, SaamiraGanay, Carmen Méndez, Sonia Méndez, Ana Míguez, Isabel Naveira, Álvaro Pérez Becerra e Susana Veira.
Xunta directiva da Academia Galega do Audiovisual.