Este vigués do 92 viviu no barrio de Teis toda a vida e agora está construíndo alí o seu estudio, un pequeno espazo onde compoñer e facer traballos de postprodución de son, que é ao que se dedica. «Cando asino traballos de técnico uso o meu nome real, Víctor Rivas, pero para os traballos máis artísticos ou persoais son Charles Rapante» aclara, sen desvelar moito da orixe deste alcume, que lle apareceu como unha revelación durante un día estraño paseando ao lado do mar. «Tamén me chaman Víctor Vacaloura cando estou cos Vacalouras, o meu grupo de punk», engade.

Formado como técnico de son e de electrónica, tamén estudou música, a súa vocación, para poder mellorar a técnica «e facer o exame para disciplinarme, porque eu son moi autodidacta». Defínese com pluriempregado en torno á música, xa sexa como técnico, produtor ou el mesmo compoñendo e interpretando a banda sonora de varias pezas audiovisuais, como a longametraxe de Anxos Fazáns “A estación violenta”, ou as curtas de Ángel Filgueira ou de Iria Silvosa.

No que fai para o audiovisual o seu estilo móvese entre a música experimental e a electrónica, gravada sempre de forma caseira no seu taller e con instrumentos nada convencionais: «saco son de onde sexa, por exemplo teño feito percusión cun banco nas Cíes, outro día gravei un aparato de aire acondicionado e de aí saquei os ruídos… si, explicarlles a meus pais que instrumentos toco é complicado. Pero con todo se pode facer música».

Gústalle fedellar con toda clase de aparatos e, aínda que sempre lle gustou a música, abríuselle un universo cando descargou por primeira vez da rede un software para facer música, e descubriu todas as posibilidades da edición dixital de son. O como acabou facendo música para cine foi froito da casualidade e do encontro con Anxos Fazáns, que na facultade realizara un documental sobre os Vacalouras, e a partir de aí seguiron colaborando. Primeiro como técnico de son, na gravación e na postprodución, despois, xa que estaba. facendo todo o envoltorio musical. 

Poderíase, pois, dicir que o seu perfil é o dun músico e sonidista 360º que se pode encargar de todo o deseño sonoro dunha produción. O seu seguinte traballo será na próxima curta de Ángel Filgueira, mentres segue coas obras do seu estudio e preparando nova música. Unha das ideas que lle gustaría levar a cabo é a de facer unha composición musical longa, algo así como unha sinfonía, e encargarlles a diferentes directores para que cada un lle poña imaxes a cada parte, invertindo así o proceso co que adoita traballar con cineasta: «cando teña o estudio para facelo igual me poño e empezo a chamar a xente. E a buscar un produtor»

No seu tempo libre fedella na súa páxina web, rapante.info, na que podemos ver os seus traballos, e escoitar as súas creacións sonoras en Soundcloud. Tamén ten unha páxina de Facebook