Se temos que identificar unha persoa co oficio de script en Galicia esa é, sen dúbida, Encarna Alonso. A primeira longametraxe na que traballou foi Sempre Xonxa e desde aquela participou en máis de vinte longas, moitas curtas e case 500 capítulos de televisión. E aínda tivo tempo para dedicarse á docencia e á divulgación do seu oficio.
Fotos: Tamara de la Fuente. Estilismo: Fany Bello. Texto: María Yáñez
Encarna Alonso leva roupa da deseñadora Melania Freire A sesión de fotos realizouse no Centro Ágora da Coruña.
Naceu nun pobo leonés á beira dos Picos de Europa pero vive desde os anos 70 na Coruña. Sempre tivo vocación de dar clase e por iso estudou Maxisterio. Non aprobou a oposición pero seguiu preocupada pola pedagoxía, combinándoa coa súa dedicación ao audiovisual. Asistiu ao nacemento da Escola de Imaxe e Son, na que foi membro do congreso de pedagoxía da imaxe Pé de imaxe durante sete edicións, xunto con outros proxectos europeos e educación e audiovisual. “Todo alternado coas rodaxes que me ían saíndo”. Durante varios anos deu curso O oficio de script: teoría e práctica na EIS.
O seu contacto coa profesión empezou da man de dúas persoas a quen lles está moi agradecida: Manolo González, “por quen fixen Sempre Xonxa” e o cineasta Carlos Amil, que tamén é a súa parella. Con el fixo a súa primeira serie, Lendas, para unha incipiente Televisión de Galicia. “Despois virían perto de 500 episodios de diferentes series para a televisión”.
Nestas primeiras rodaxes ofrecéronlle o posto de script e “apaixounoume o oficio: desde o primeiro paso de coller un guión limpo e compezar a desglosalo coa miña mesa de estudio chea de papeis, bolígrafos, post-it, rotuladores, arquivadores… (sempre me gustou o mundo da papelería), preparar as miñas plantillas para cada un dos apartados… ata poder ver a película en pantalla grande”. No momento en que empeza a rodaxe métese tanto nela que esquece a súa vida normal (“a miña familia, os meus amigos, os meus paseos, a miña rutina”) para meterse na que lle trae “a voráxine da actividade plena, o cerebro acendido e a relación co equipo”. Pero o que máis lle gusta do seu traballo de script é “entrar na posibilidade de crear. Participo da actividade de todos os departamentos, pero é a miña relación co director o máis importante que me sucede”.
O de script é un traballo que adoita recaer en mulleres. Hai algún motivo para isto? Para Encarna Alonso, “dise que as mulleres son máis detallistas e máis apropiadas para o oficio. Eu só podo dicir que é un oficio que require moita dedicación, moita atención, moita resistencia física e mental e moitas horas de traballo ao día. Cando remata a xornada para a maior parte do equipo a script ten que preparar todo o traballo da seguninte xornada. É un oficio duro”. A pesar diso, coa idea de formar a novas xeración escribiu un libro, O oficio de script, porque “parecíame interesante contar como é o proceso da rodaxe dunha película baixo o punto de vista da script. Gustoume a experiencia e xa preparo outro”.
“Cando remata a xornada para a maior parte do equipo a script ten que preparar todo o traballo da seguinte xornada. É un oficio duro”.
A filmografía de Encarna Alonso empezou en 1989 con Sempre Xonxa. Como era a súa primeira longametraxe, lembra que na rodaxe “eu era puro nervio e non pensaba máis que en cumprir as expectatvias. Era un equipo totalmente profesional e eu non coñecía a ninguén, pero tratáronme de luxo e estaban atentos ao que eu puidera necesitar. Aprendín a amar o cinema e a ter querencia co equipo”.
Despois seguiu traballando en todo o que se lle puña por diante: nas curtas de Alfonso Zarauza e Jorge Coira, en series como Mareas vivas e Pratos Combinados, en películas como Trece badaladas, Os fenómenos, Invasor… Pero as que viviu de maneira máis intensa foron as de películas do seu compañeiro, Carlos Amil. E en especial A casa da luz, “unha película infantil con nenos debutantes que o fixeron marabillosamente ben, con localizacións espectaculares e con importantes dificultades de arte que tivemos que remontar. Nesta película démolo todo e máis”. E reivindica ao Carlos Amil director “non como un recordo, senón como un presente e espero que un futuro. A súa cabeza está chea de cinema”.
Sobre a evolución da profesión nos anos que leva traballando, Alonso destaca o factor humano (“nos meus inicios nas rodaxes había moita xente que non era de Galicia; agora, grazas ás escolas que se crearon temos o noso propio equipo”) e tamén o factor técnico: “Empecei a traballar con moitas libretas e unha cámara Polaroid que tiña uns carretes moi caros. Logo pasei ao ordenador, á tablet, á cámara dixital e ao móbil. Así puiden gañar tempo e aforrarlle diñeiro á produción”, explica.
No que respecta ao futuro próximo, ten un proxecto de longametraxe en carteira, e apetécelle traballar con algún dos cineastas emerxentes: “estou dispoñible para apoiar e depositar a experiencia que adquirín estes anos”. Asegura que quere “ver seguir medrando máis e máis ao cinema galego”, mentes segue a gozar da súa paixón tamén como espectadora, e xunto ao seu compañeiro Carlos Amil, “practicar o noso ritual caseiro: tódos os días ver unha película, polo menos”.