O 2018 foi un ano de moito traballo e novos proxectos e mudanzas na Academia Galega do Audiovisual. Mudanzas no sentido literal, pois este outono fíxose o traslado ás novas oficinas no Centro Ágora da Coruña. Pero tamén se iniciou a actividade da ACO, Oficina de Cooperación Audivisual. Falamos coa encargada da súa posta en marcha, Míriam Rodríguez Debasa, coordinadora de proxectos da Academia, de todas as novas propostas que se iniciaron no ano que remata e dos plans para o 2019. 


Fotos: Tamara de la Fuente
Agradecementos: Centro Ágora da Coruña

A figura da coordinación de proxectos é unha novidade dentro da Academia. Que balance facedes dos proxectos levados a cabo en 2018?

Foi un ano moi intenso, no que fixemos un esforzo importante por poñer en marcha unha serie de proxectos que nos parecían necesarios para o sector. O noso traballo non se limita á organización dunha actividade determinada, hai que buscar financiamento para levala a cabo; ás veces cómpre establecer alianzas con outras entidades ou facer un esforzo extra na difusión do noso traballo para chegar ao público ao que vai dirixido. Este ano era a primeira vez que traballabamos xuntas as persoas que agora integramos a oficina técnica da Academia. Facendo balance, organizamos máis de 50 actividades polas que pasaron máis de 5.400 persoas. E, se temos en conta que os nosos esforzos a principios de ano se concentran na organización dos Premios Mestre Mateo e que somos un equipo moi pequeno, esto pode dar unha idea da magnitude do noso esforzo. Para nos é un balance moi satisfactorio. Tamén o é obter o respaldo de institucións como o Concello da Coruña, a AGADIC, as Deputacións das catro provincias, a TVG, o CGAI ou as asociacións profesionais. Foi un ano de moito traballo, pero non nos podemos queixar. 

En que proxectos estades traballando para 2019?

A internacionalización será unha das liñas de traballo que queremos explorar o vindeiro ano, así como a posibilidade de incrementar a proxección dos Premios Mestre Mateo fóra de Galicia. Outro dos eixos do noso traballo será a creación de públicos para o audiovisual galego, cunha actividade que poñeremos en marcha a primeiros de 2019 que nos fai unha especial ilusión. Logo, ademais dos Premios Mestre Mateo e María Luz Morales, queremos consolidar proxectos como ACO Lugares Comúns que vincula ao sector educativo co audiovisual, os propios Papeis da Academia redeseñados en 2017, a nosa colaboración co CGAI ou a proposta de actividades de formación para profesionais.


“A internacionalización é unha das liñas de traballo que queremos explorar o vindeiro ano»


Un dos proxectos estrela da Academia en 2018 foi a ACO. De onde nace a idea de crear a ACO? Que necesidades detectaba a Academia para poñela en marcha?

Relamente foi o Concello da Coruña quen se puxo en contacto connosco para propoñer a creación dunha oficina de apoio de proxectos. A partir das primeiras reunións empezamos a traballar cunha serie profesionais do sector na concepción de ACO. A oficina constrúese a partir do concepto de cooperación, como se ve no propio nome da oficina: as siglas corresponden a Audiovisual Cooperation Office, Oficina de Cooperación Audiovisual en inglés, e tamén ao adverbio galego acó; pareceunos interesante mesturar os tres conceptos: o audiovisual, a cooperación e a pertenza ao territorio. Por outra banda, algúns axentes do sector tamén nos transmitiran a necesidade de invertir recursos no desenvolvemento de proxectos audiovisuais, que ás veces vían limitada a súa viabilidade por un desenvolvemento insuficiente. Poderíamos dicir que ese foi o xermolo de ACO e, a partir de aí, empezamos a definir as liñas que vertebran a oficina desde o principio: o asesoramento PRO, a consultoría fiscal, laboral e xurídica e a área de recursos.

Cales foron os pasos para a súa posta en funcionamento?

Foi un proceso bastante laborioso, desde finais de 2017 ata a súa presentación pública en xuño de 2018, e nel estivemos involucrados o Concello da Coruña, o persoal da Academia, persoas do equipo asesor, usuarios potenciais e profesionais do sector. Ao tratarse dun proxecto pioneiro non tiñamos referencias doutros similares, e, unha vez definido o que queríamos que fose ACO, houbo que materializalo e convertilo nunha web, ACO.gal. Se cadra esta foi a parte máis complicada, porque non se trataba dun proxecto fácil de explicar e tivemos que facer moitas probas ata que conseguimos a web que queriamos. 

A quen vai dirixida a ACO?

A calquera persoa galega ou residente en Galicia que teña un proxecto audiovisual. Ofrecemos asesoramento gratuíto para proxectos en fase de desenvolvemento e produción avanzada e tamén poñemos a súa disposición un buscador de páxinas web con recursos (por exemplo axudas, pitching, subvencións, residencias artísticas…). Despois temos un servizo de consultoría para cuestións fiscais, laborais e xurídicas, que é exclusivo para os nosos asociados. 


“Co nome da ACO pareceunos interesante mesturar os tres conceptos: o audiovisual, a cooperación e a pertenza ao territorio”.


Cal foi a acollida por parte do sector?

Os comentarios que recibimos ata o de agora foron, en xeral, moi positivos. Aínda que tamén nos atopamos, facendo un pouco de autocrítica, con que moita xente non entendía en que consistía, incluso entre os nosos asociados. Supoño que ten que ver co feito de que é un proxecto moi novidoso na súa formulación. No último trimestre deste ano fixemos un esforzo importante para dar a coñecer ACO organizando presentacións en centros de ensino audiovisual de toda Galicia. E estamos seguros de que, para o vindeiro ano, todo o traballo que se fixo en 2018 se verá reflectido positivamente no tráfico de visitas á páxina e no volume de proxectos que recibamos.

No Asesoramento PRO contades con varios profesionais e expertos que son á vez membros da Academia. Cal é o valor que poden achegar á ACO?

Todas as persoas que integran o equipo asesor son socias da Academia, e aportan perfis con traxectorias profesionais moi consolidadas dentro das diferentes categorías de asesoramento.  A través da ACO estamos facilitándolle o contacto con estas persoas a outras que, ao mellor, doutro xeito, o terían máis complicado. E pensamos tamén que é unha maneira de compartir o talento dos nosos asociados co resto do sector. 

Como funciona este asesoramento virtual?

É moi doado, só é preciso rexistrarse na web aco.gal e, unha vez feito o rexistro, pódese consultar a información que se precisa para presentar un proxecto para ser asesorado. A información preséntase na propia web enchendo un formulario e achegando documentación adicional (guións, materiais gráficos, ligazóns de visionado…). Unha vez completado o proceso, desde a Oficina asignámosllo á persoa do equipo asesor que teña o perfil que máis se lle axeite, quen o estudiará e valorará nun prazo de 30 días. A identidade de quen asesora permance no anonimato. Desde a área de usuario da web pódense consultar todas as valoracións recibidas, enviar consultas a quen asesora o seu proxecto e conservar un histórico de proxectos presentados.

Que resultados agardades desta primeira tanda de proxectos asesorados pola ACO? Que tipo de proxectos se recibiron? 

Nós concebimos ACO como un proxecto de longo percorrido e aínda que o balance desta primeira fase é positivo, será a sua continuidade no tempo a que nos dará a medida da súa repercusión. Neste primeiro ano recibimos proxectos en todas as categorías, aínda que as máis populares foron de cine e formatos televisivos. Estamos traballando para visibilizar a presenza de categorías que a xente no asocia tradicionalmente á nosa Academia, como a de proxectos transmedia, intractivos, de creación audiovisual contemporánea ou videoxogos. Por outra banda, neste momento contamos con 75 persoas rexistradas, das cales a grande maioría non pertence á Academia. Que unha proposta tan novidosa chegase a persoas que non están asociadas é para nos un indicador moi positivo do impacto desta primeira fase. 

As áreas de asesoramento van máis alá dos sectores clásicos do audiovisual, atinxindo a creación interactiva ou experimental. Que significa esta aposta para a Academia?

Temos asociados que pertencen a estes sectores, pero son unha minoría con respecto a outros sectores máis tradicionais. Pensamos no impacto que os videoxogos ou o cinema experimental teñen na actualidade, ben na creación de postos de traballo, na súa proxección internacional, ben no establecemento de sinerxias. Hoxe en día o sector en Galicia non é igual que era en 2002 cando se fundou a Academia. É máis, nin sequera é igual que hai tres ou catro anos. Vivimos un momento moi interesante, polas implicacións e desafíos que presenta. Na nosa opinión, o experimental, o transmedia e os videoxogos intégranse de xeito natural no sector, e nos como Academia Galega do Audiovisual que somos, queremos facer partícipe a todo o talento galego que traballa co medio audiovisual. 


“Na nova web de ACO poderase consultar información sobre localizacións, trámites e permisos e outra información útil para axilizar e facilitar o traballo das produtoras”.


Que obxectivos e proxectos ten previstos a ACO para o vindeiro ano? 

Somos conscientes de que a ACO ten posibilidades de mellora e de converterse nun servizo máis eficaz e útil. Estamos avaliando co equipo asesor e coas persoas que nos enviaron os seus proxectos posibles modificacións de cara ao ano que vén. Tamén estamos a traballar nunha actualización da web: a Oficina de Cooperación Audiovisual vai integrar a Oficina de Rodaxes na Coruña. A posta en marcha da Oficina de Rodaxes na Coruña tamén foi unha suxestión do Concello, xa que a cidade da Coruña non dispoñía dun lugar, físico ou virtual, que facilitase o traballo das produtoras. Na nova web de ACO poderase consultar información sobre localizacións, trámites e permisos e outra información útil para axilizar e facilitar o traballo das produtoras. Ademáis, esta oficina integra moi ben os conceptos que vertebran ACO: audiovisual, cooperación, pertenza ao territorio. 

Que vantaxes ofrecen as novas instalacións da Academia e da ACO no Centro Ágora da Coruña? 

Todas. As posibilidades que nos ofrece este espazo son tremendas. Por unha banda está a accesibilidade, non esquezamos que as instalacións da Academia tamén son as da Oficina de Cooperación Audiovisual. Dispoñemos de infraestructura para organizar todo tipo de actividades nas aulas e no auditorio do centro. De feito, xa organizamos aquí o obradoiro de Contidos en 360º e VR para narrativas de ficción e documental e o Gifatón. Por outra banda, ao tratarse dun edificio público, permítenos entrar en contacto con sectores da poboación que por idade, procedencia ou intereses, non adoitan facerse eco das nosas actividades. Entre os nosos obxectivos para 2019 está integrar algunhas  actividades nesta comunidade. 


Sinceramente penso se trata dun dos fitos máis relevantes da historia da Academia, porque supón un importante salto cualitativo pola potencialidade do edificio, porque dispoñemos dun espazo máis amplo e accesible e dunha sala que podemos poñer á disposición dos nosos asociados. A acollida por parte do persoal do Ágora foi estupenda e recibimos visitas todas as semanas. 


Nova sede da Academia no Centro Ágora