Estreas de televisión: a ficción galega continúa a internacionalizarse
O audiovisual galego ten preparado para 2021 un bo número de estreas para as pantallas de televisión, ou máis ben para o tipo de pantalla que lle cadre, porque continúa a tendencia das nosas produtoras a traballar para as plataformas dixitais en proxectos cunha implantación internacional cada vez maior, a miúdo en colaboración con Televisión de Galicia.
Un exemplo desta tendencia é o caso de 3Caminos, dirixida por Norberto López Amado, Iñaki Mercero e Franciska Meletzky e que supón un proxecto pouco común por varios motivos. En primeiro lugar, o seu carácter internacional e transmedia: este proxecto de Ficción Producciones púxose en marcha a raíz do programa da Xunta de Galicia para promocionar o Xacobeo 2021, coa colaboración da AGADIC e da TVG, e conta tamén coa participación da alemá Beta Film. A propia trama e o reparto da serie (que terá seis capítulos e se estreará en Amazon Prime Video o 22 de xaneiro) participan desa internacionalización, xa que 3Caminos conta a historia da vida de cinco amigos (interpretados por Álex González, Verónica Echegui, Anna Schimrigk, Andrea Bosca e Alberto Jo Lee) procedentes de cinco países diferentes e unidos polo Camiño en tres momentos das súas vidas: o ano 2000, o 2006 e o 2021. Por se fosen poucas particularidades, xa contamos que 3Caminos foi pioneira en reanudar as rodaxes interrompidas pola pandemia en España, e a serie tamén representará unha excepción con respecto á política de Amazon Prime Video respecto á emisión dos seus produtos noutras canles: poderase ver na Televisión de Galicia a partir dos seis meses de terse estreado en liña.
Tamén chegará en 2021 ás plataformas, e máis concretamente a Movistar+, a esperada segunda tempada de Hierro. Portocabo coproduce xunto con ARTE France e Atlantique Productions a continuación da serie tras un éxito rotundo a nivel nacional e internacional da súa primeira entrega, que se fixo con dous Ondas, dous premios Feroz ou catro Mestre Mateo e tivo o favor do público en mercados como Francia, Alemaña ou Suíza (onde chegou a facer un 24% de share). O equipo volve contar con Alfonso Blanco como productor executivo, Jorge Coira na dirección e Pepe Coira coordinando ao equipo de guión (no que tamén traballan Fran Araújo, Carlos Portela e Araceli Gonda). Tamén repiten Candela Peña e Darío Grandinetti nos papeis protagonistas, sumando novas caras como a de Matias Varela, o actor galego-sueco nacido en Cambados e coñecido por Narcos, ou a incorporación de Antonio Durán “Morris” ao reparto cun papel secundario. Hierro volverá, así, con novas personaxes e outro caso xudicial que resolver, nunha trama na que as tensións dramáticas partirán das relacións familiares. Igual que no caso de 3Caminos, o equipo da serie foi un dos primeiros en reanudar a rodaxe despois da pandemia, cun estricto protocolo de control sanitario, e prevé a súa volta para febreiro de 2021 en Movistar+.
Tamén continúa en 2021 a sinerxia do audiovisual galego co portugués: un exemplo é a rodaxe de Chegar a casa, a primeira coproducción de CTV co país veciño, en concreto coa compañía SP-i (que participou tamén noutra coprodución galega como Auga seca). Chegar a casa será unha comedia romántica de 8 capítulos, gravada entre Arcos de Valdevez (Viana do Castelo) e Santiago de Compostela, na que se contará a historia dunha muller que volve de Galicia ao seu Portugal natal despois do fracaso do seu matrimonio. Entre o seu elenco atópanse actrices e actores ben coñecidos para a audiencia galega como Sara Casasnovas, Cristian Escuredo ou Miguel Blanco, e a audiencia portuguesa poderá ver a serie o ano que vén en RTP.
Entre os proxectos máis agardados da ficción seriada galega atópase tamén Método criminal, que ten previsto ver a luz no primeiro semestre de 2021. En novembro deste ano anunciábase o inicio da gravación desta serie dirixida por Jorge Saavedra e Ozo Perozo, e producida por Voz Audiovisual para a Televisión de Galicia. O argumento? Damián Canosa, o protagonista, ten que facerse cargo do negocio da súa familia, que resulta ser o narcotráfico, e compaxinalo co seu oficio legal xestionando un tanatorio. Como non sabe nada do asunto, busca converterse nun líder tan temido e respectado como Carmelo Matalobos… e pídelle axuda a Luís Iglesia, o actor que lle deu vida. Ademais do propio Iglesia e Miguel Canalejo como protagonistas, no elenco de Método criminal participan intérpretes como Sabela Arán, Mara Sánchez, Adrián Castiñeiras, Susana Sampedro, Carlos Villarino ou Mariana Expósito, entre outros.
Ademais destes proxectos, outro produto galego que acaba de chegar ás pantallas e marca o inicio da tempada é El desorden que dejas (Vaca Films), unha miniserie de oito episodios estreada en Netflix a comezos deste decembro. Esta serie, que nace dunha historia adaptada da novela homónima do ourensán Carlos Montero (Élite) foi gravada en lugares como A Coruña, Oleiros, Cambre, Bande, Celanova ou os canóns do Sil, entre outros. Con Inma Cuesta e Bárbara Lennie nos papeis principais, neste thriller rural participa tamén reparto galego, con caras tan coñecidas como Tamar Novas, Federico Pérez Rey, Susana Dans, Alfonso Agra ou Xosé Antonio Touriñán. A trama comeza cando unha profesora de literatura chega ao instituto Novariz para unha substitución e atopa no seu bolso unha nota que di “E ti canto vas tardar en morrer?”.
Por último, e a maiores da televisión ou as plataformas VOD, continúa en Galicia o traballo no ámbito das webseries. Á espera tamén da súa posta en aberto están, como exemplos máis destacados, Xan e Amnesia 3.0, das que se puido ver un avance online no Carballo Interplay. A primeira, dirixida por Lucía Estévez e escrita e protagonizada por Miguel Canalejo, levou o Premio a proxecto no mesmo festival en 2019, e ten como personaxe principal a un rapaz tan superado polo que o rodea que non é quen de dicir nada. Tamén se agarda a estrea de Amnesia 3.0, outro proxecto premiado en Carballo e que supón a primeira webserie interativa en lingua galega. Escrita e dirixida por Irene Pin e producida por Natalia Porca e Cristela Torres, nela a persoa espectadora pode decidir o rumbo que toma nun universo onde a memoria das persoas e o seu pasado foron borrados.