Estreitando a colaboración coa Academia Portuguesa
A finais de setembro unha delegación da Academia Portuguesa das Artes e Ciências Cinematográficas visitou A Coruña para asinar un convenio de colaboración coa Academia Galega do Audiovisual. As dúas academias pretenden avanzar así nas relacións de cooperación entre Galicia e Portugal no eido cultural, colaborar en actividades que sirvan para apoiar e visibilizar o traballo dos profesionais do sector e propiciar o coñecemento mutuo.
A delegación portuguesa estivo constituída por Paulo Trancoso, presidente da Academia Portuguesa das Artes e Ciências Cinematográficas, o seu coordinador de proxectos, Diogo Camões, e mais o cineasta Miguel Gonçalves Mendes. Despois de que o Centro Ágora da Coruña acollera a sinatura do convenio entre os presidentes das dúas institucións, a delegación foi recibida polo concelleiro de Cultura da cidade, Jesús Celemín.
As dúas xornadas remataron con dúas proxeccións no CGAI-Filmoteca de Galicia dos filmes recoñecidos como Mellor Longametraxe e Mellor Longametraxe Documental nos Premios Sophia 2019.
O 24 de setembro Paulo Trancoso e a presidenta da AGA, Ana Míguez, presentaron a proxección de Raiva, a gañadora absoluta da pasada edición, un filme de Sergio Tréfaut que levou o Sophia á mellor longametraxe, actriz protagonista, actor protagonista e secundario, guión adaptado e dirección de fotografía. Trátase dunha adaptación dun clásico da literatura portuguesa, Seara de Vento, de Manuel da Fonseca, ambientada no Alentejo de 1950.
O día seguinte o CGAI acolleu a proxección da película gañadora do premio á mellor longametraxe documental, Labirinto da saudade. A sesión, que repetiu o éxito de público da xornada anterior, foi presentada por Sonia Méndez, membro da directiva da Academia e polo director da película, Miguel Gonçalves Mendes, que tamén particiaron nun coloquio coas persoas asistentes posterior á proxección.
Esta colaboración é posible grazas ao apoio do Concello da Coruña, o Instituto Camões e a colaboración do CGAI-Filmoteca de Galicia.