Jorge Boquete
Director de "El método sueco". Premio Mestre Mateo 2015 á mellor webserie.
Facer unha webserie é caralludo. Madrúgase pouco, só cando é imprescindible. Non traballas nunha oficina porque non tes cartos para un aluguer. Traballas cun equipo mínimo porque non tes cartos para un equipo máximo. Aprendes todo o proceso de produción por ti mesmo e non sabes como funciona un proceso de producion profesional. E con “profesional” quero dicir “que cobre todo o mundo”. Porque ese é o problema das webseries.
O maior atractivo deste formato é a liberdade na creación, e tamén é a principal causa da ausencia de cartos. A ninguén lle interesa pagar para ver a súa marca mentres dous irmáns falan de pederastia ou de pirolas negras. E ahí remata a liberdade. Se queres desenvolver un produto profesional sempre terás que pasar filtros para encontrar financiamento. Aínda así, somos moitos os que decidimos malvivir na inmensidade de internet, onde competimos con rapaces que acumulan millóns de visitas sen invertir un peso nos seus vídeos. Non é doado facer carreira coas webseries, por iso é un formato que actúa como refuxio dos tolos que non queren que as súas ideas fiquen perdidas nun caixón. Ninguén vive das webseries.
No mundo das series para internet desenvolven o seu talento os creadores que non atopan a súa oportunidade na televisión ou no cine, e que non contan para a industria do audiovisual. A xente que fai webseries quere gañarse a vida no audiovisual, sexa no formato que sexa, sen ter que renunciar á súa creatividade, e iso en Galicia é unha utopía.
Aínda así facer webseries é caralludo. Somos unha potencia mundial. En internet atópanse os profesionais do futuro… Pero tamén temos que pagar as nosas facturas.