Juan Galiñanes e Olga Osorio

Garden's Road. Premio Mestre Mateo 2015 ao mellor videoclip.

Con catorce premios nacionais e internacionais e medio centenar de seleccións, Garden’s Road constitúe sen dúbida un dos proxectos máis rendibles a nivel de satisfacción persoal dos que nos temos embarcado. Non entanto, como adoitamos dicir, de toda estes galardóns que recoñeceron o noso traballo en lugares tan diversos coma California, Dallas, Toronto, Trieste, Faro ou New Jersey entre outros, o premio máis valorado non só por nós senón por toda a xente que nos rodea, foi precisamente o Mestre Mateo na categoría de mellor vídeo musical. E esa foi precisamente unha das razóns polas que no seu día insistimos para que a Academia mantivera categorías como as de mellor curta ou mellor videoclip porque son precisamente neste tipo de proxectos onde, se cadra, un Mestre Mateo é máis rendible. Non en vano a meirande parte dos vídeos musicaisrealízanse a base de colaboracións altruístas coa intención de dar a coñecer o saber facer dos técnicos implicados ou facetas do seu traballo que non sempre poden amosar no seu quefacer diario.

O caso de Garden’s Road non é unha excepción e todo o equipo implicado traballou arreo con ilusión e pola ilusión. Así que facer que o traballo de todos tivera a maior visibilidade e repercusión posibles era para nós case unha obriga. Garden’s Road son, por suposto, Escuchando Elefantes e os seus músicos pero tamén Lucía Catoira Pan e o seu equipo de cámara, Pablo Díaz e a xente que traballou con el en iluminación, Beatriz Gayoso Prieto e Javier Bello co resto do equipo de arte, Paris resolvendo un problema técnico tras outro, Elena Olivares e a súa xente de produción, Jaime Pérez coa súa steady e o paciente e eficaz Andrés Seijo aturándonos a todos, moi especialmente aos directores. Todo elo nas instalacións e coa colaboración de alumnos da Escola de Imaxe e Son, sen o constante apoio da cal sería moito máis difícil para nós emprender estas aventuras.

Garden’s Road é un intento de poñer en imaxes as dúbidas e os medos que o Carlos Tajes debulla na letra da canción. Moitas veces son as nosas ataduras, as nosas mochilas vitais, as que nos impiden avanzar. Non teñen porque ser malas pero se cadra nalgún momento lastran a nosa necesidade de crecer e explorar novos camiños. Dado que este é un vídeo optimista, como a canción que tamén o é, a peripecia resólvese con éxito e Carlos logra finalmente, non sen a axuda da súa xente, en particular da súa compañeira de dúo Silvia Rábade, desfacerse deses medos e esas ataduras e camiñar cara novas aventuras vitais.

No que respecta á realización, salta a vista que en Garden’s Road intentamos facer da necesidade virtude e tirar o maior partido posible de elementos de atrezzo vistosos pero económicos que nos permitiran, coa axuda da luz, transformar un espazo en outro sen gran quebranto do por outra parte limitado presuposto. Para os que estean intrigados polo “truco”, podemos desvelar que o set de rodaxe estaba formado por unha habitación e media e que, polo tanto, a meirande parte dos pasos dunha habitación á outra son reais e a maxia descansa, xa que logo, no mellor e máis marabilloso truco que ten a linguaxe audiovisual: a montaxe. Hai, en efecto, algunhas cousas resoltas en postprodución pero son as menos (o paso da habitación dos paraugas á dos avións, por exemplo, ou o cambio de espazo ao levantar o marco que nos leva do concerto ao momento da mudanza).

Grazas, en fin, a Academia e aos académicos por manter a categoría de vídeo musical e darnos a oportunidade de figurar con este proxecto entre o máis granado do audiovisual galego do 2014 e grazas aos que deron o seu voto a este proxecto e darlle así alento a ilusión de todo o equipo de Garden’s Road.