Homenaxe a Víctor Ruppen, o mecenas do cinema
Por Sara Donoso
A Academia Galega do Audiovisual, en colaboración co Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) dedicou o día 14 de maio de 2019 unha homenaxe á figura do produtor coruñés e divulgador do cinema Víctor Ruppen.
O acto, que tivo lugar no CGAI dentro do ciclo A ilusión perfecta, contou coa presenza de Antonio Simón, Carlos L. Piñeiro e Miguel Castelo e con varias persoas do público próximas a Ruppen que lograron compor un ambiente de ilusión e afecto. Ilusión polo recordo duns anos de entusiasmo e crecemento para o audiovisual galego, afecto pola mirada incontida e cómplice daqueles que o coñeceron e que compartiron as súas inquietudes artísticas e persoais. Neste contexto, proxectáronse algúns dos filmes máis icónicos producidos por Ruppen: Fendetestas de Antonio Simón (1975), Illa de Carlos Aurelio López Piñeiro (1975), O Herdeiro de Miguel Gato (1976) e O pai de Migueliño de Miguel Castelo (1977), que deron lugar a un debate posterior onde o intercambio de opinións mesturábase cunha sorte de anecdotario dos tempos vividos, as voces se solapaban e as emocións florecían entre o cinema e a experiencia.
Debemos comprender, antes de nada, o contexto no que aparece a figura de Víctor Ruppen. Tras anos de silenciamento franquista, que impide desenvolver unha liña propia e dirixe calquera actividade creativa cara á tendencia rexionalista, a mediados dos setenta, en plena transición, a cultura comeza a experimentar un proceso de aperturismo que tamén se ve reflectido no cinema galego. Aparecen primeiro colectivos de cinema afeccionado que acabarán impulsando o xurdimento doutros grupos interesados pola profesionalización dos seus traballos fílmicos á marxe do centralismo. O novo cambio de paradigma viría da man de colectivos como Enroba (logo Grea), Lupa e Imaxe, que comprenden unha intención comercial e buscan dedicarse ao cinema de maneira profesional, aínda que rexeitando os patróns da industria en procura de maior experimentación. Con coñecemento do que estaba a suceder no panorama internacional, buscaron explorar o potencial creativo do cinema interesándose pola relación coas artes plásticas, desligándose do modelo clásico de representación e reivindicando o carácter nacionalista. Esta inclinación por crebar as lóxicas cinematográficas convencionais foi sen dúbida renovadora pero a proxección e difusión dos seus filmes reducíase a pequenos círculos culturais debido, entre outras cousas, a que o formato maioritario era o de curtametraxe en súper 8 ou 16mm, aos escasos recursos dispoñibles e ao seu ideario estético e ideolóxico. É neste punto onde debemos resaltar o papel de Víctor Ruppen na consolidación do cinema galego dos setenta.
No relativo á difusión, Víctor Ruppen contribúe á creación da distribuidora Musidora e á posta en funcionamento do cinema Alphaville, ambos en Madrid, ademais da construción de salas de cinema na Coruña e dos cinemas Valle Inclán de Compostela e Golem en San Sebastián. Tamén foi patrocinador da coruñesa libraría Lume e impulsou o “Patronato do Cine Galego” en 1977, que tería a súa sede na devandita libraría. Pero foi o seu labor como produtor a que determinou a deriva do cinema galego do momento, e así o sinalaron os autores que asistiron á proxección dos seus filmes no CGAI.
Neste sentido, o director de Fendetestas, Antonio Simón, lembrou que se atopaba nun momento crítico da rodaxe do filme e pensaba mesmo en suspendelo por falta de financiamento, algo que recolleu publicamente a prensa local. A noticia chega a oídos de Ruppen e decide sufragar os gastos. Aquí comeza unha relación que se move entre o persoal e o profesional e que ten que ver con outra das peculiaridades de Ruppen: o seu propósito de non intervir nas decisións técnicas ou temáticas dos filmes. Aínda que o seu traballo como arquitecto restáballe tempo para encargarse doutras cuestións, sempre tivo clara a necesidade de potenciar o tecido audiovisual galego máis aló de cuestións partidistas.
Se no afecto cara a Víctor Ruppen e no agradecemento polo respecto que este mostraba ante os seus procesos creativos todos os autores coincidiron, creando un clima de emoción que permeaba na sala, tamén houbo momentos de discrepancia que asomaron algúns dos debates presentes no sector audiovisual da época. En 1975 Ruppen compra unha cámara de 16mm (Illa) que permite non só mellorar a calidade da imaxe senón tamén realizar copias para as proxeccións, facilitando a súa difusión. Nesa aposta pola profesionalización do cinema galego decide dar o salto ao 35mm, o formato do cinema industrial co que se realizan Fendetestas, O heredeiro e O pai de Migueliño. Aínda que algúns autores o entenderon como unha vía para chegar ás grandes pantallas e terminar de profesionalizarse, outros consideraban que desta maneira impedíase a súa difusión en escolas ou centros culturais, que non contaban con esa infraestrutura, e onde maioritariamente se proxectaban os seus filmes.
Tamén se comentaron as particularidades dos colectivos Grea e Imaxe, aos que pertenceron Antonio Simón e Carlos A. López Piñeiro respectivamente. Mentres un defendía o selo autoral, o outro apostaba, máis na liña de Víctor Ruppen, por fomentar o traballo colectivo. Coa distancia que permite o paso dos anos, xurdiron preguntas sobre se houbo ou non un espírito de grupo e comezaron a asomar anécdotas sobre como se foron coñecendo. Os autores coincidiron en destacar encontros como as Xornadas de Cinema de Ourense ou as Xornadas de Cinema e Vídeo de Galicia (Xociviga) no Carballiño, espazos de dinamización cultural onde se proxectaron as obras producidas por Ruppen e nos que el mesmo participaba activamente.
Así, ademais de revisar desde unha nova perspectiva Fendetestas, Illa, O herdeiro e O pai de Migueliño, que algún dos seus autores confesou non ter visto desde aquel tempo, o encontro serviu como plataforma de reflexión e intercambio. Dalgunha maneira, o clima xerado durante a sesión ten que ver coa propia personalidade do homenaxeado; alguén de quen destacaron non só o seu interese por un tipo de cinema situado nas marxes do ecosistema fílmico do momento senón tamén a súa personalidade próxima e a confianza que imprimía nos autores.