Incentivos ao sector audiovisual: ata agora e de aquí en adiante


No mes de novembro, nunha das mesas sectoriais sobre distribución que tiveron lugar durante o FIC Xixón, comentábase o dato de que entre o mes de marzo e novembro de 2020  485 películas cambiaran de data de estrea, e tamén que case todas esas películas que finalmente chegaban a estrearse sufrían entre un 70 e un 90% de perdas, confirmando o que apuntaba Paula Cons noutra reportaxe destes Papeis da Academia.

Durante o 2020, as diferentes institucións relacionadas coa cultura e, en particular, co audiovisual, foron aprobando algunhas medidas e incentivos que buscaban atallar os problemas que revelan estas cifras. Entre eles estivo a redefinición do concepto de “estrea comercial” de cara a flexibilizar o cumprimento dos requisitos para as subvencións a longametraxes do Instituto da Cinematografía das Artes Audiovisuais (ICAA), tamén a aparición de alianzas como a do propio ICAA con Acción Cultural Española (AC/E) e a fundación da Academia do Cine con Netflix (que aportou un millón de euros para persoas traballadoras do sector). En xeral, as medidas específicas do Ministerio de Cultura tiveron como elemento central un Real Decreto Lei de 76 millóns de euros a beneficio de artistas, produtoras, exhibidoras e pemes cinematográficas. Esas políticas ían tamén na liña de flexibilizar de prazos e requisitos para as produtoras nas axudas (por exemplo, nas de longametraxes aumentou a porcentaxe percibible no primeiro pago ata un 40% do total), e tamén incluían incentivos fiscais. Nese senso redactouse de novo o artigo 36 da Lei do Imposto de Sociedades para aumentar as deduccións por investimento en produción cinematográfica). A maiores, púxose en marcha unha liña de subvencións para salas de exhibición comercial, coa intención de sufragar gastos derivados das medidas sanitarias e de redución de aforos, e tamén unha subvención directa á SGR Audiovisual Fianzas. Ao longo do segundo semestre do ano seguiron aparecendo axudas, como as destinadas á organización de festivais, que incrementaron o presuposto nun 20% e os festivais beneficiados nun 50%.

A Xunta de Galicia tamén aprobou un Plan de Reactivación destinado a paliar os efectos da covid-19 no sector cultural e no turístico, cunha partida económica de algo máis de 3,5 millóns de euros. Algunhas das principais medidas dirixidas ao ámbito audiovisual dentro deste plan foron a adecuación dos prazos de xustificación de proxectos previamente subvencionados e, especialmente, a reformulación das convocatorias abertas para facilitar e axilizar anticipos das axudas que lles permitisen unha liquidez económica inmediata ás empresas. Dolores Meijomín, coordinadora da política audiovisual da Axencia Galega das Industrias Culturais, explica que estimaron urxente “asegurar a viabilidade de empresas e entidades xeradoras de actividade para amortiguar, na medida do posible, a paralización do sector e consecuentemente a dos seus traballadores”. En paralelo, a Agadic traballou para sacar adiante o calendario ordinario desas axudas e resolver as convocatorias pendentes, e tamén na posta en marcha dun sistema de apoio inmediato para aliviar a situación das empresas de exhibición cinematográfica activas en Galicia, que neste momento son as que máis están padecendo os efectos da pandemia. Debullamos no resto deste texto o que se sabe (e o que se agarda) de cara a 2021 por parte dos principais axentes do sector.

Institucións

A saída desa liña de axudas específica para o sector da exhibición é unha das principais novidades entre as medidas da Agadic para o ano 2021. En xeral, a cultura verá un aumento do investimento destinado pola Xunta de Galicia ao sector, xa que o conselleiro da área, Román Rodríguez, anunciou unha suba de 94 millóns de euros no orzamento. Entrando máis ao concreto, Dolores Meijomín indica que haberá tamén “un incremento na liña de creación audiovisual para promover o apoio a curtas xa rodadas e ás webseries”, e tamén subas na liña de subvencións aos festivais galegos de cinema. Adiantaba tamén que se publicará en breve a convocatoria de axudas a producións audiovisuais de contido cultural galego para 2021, que xa neste ano aumentou a súa dotación a 2,5 millóns de euros, e indicaba que a finais do primeiro trimestre sairán as convocatorias de desenvolvemento de proxectos e as de coprodución internacional para proxectos galegos en participación minoritaria. Respecto á flexibilización de prazos que se deu neste 2020, Meijomín indica que se deron “nun contexto moi excepcional, amparadas por unha normativa xeral que o permitiu”, polo que a nivel xurídico pode ser complicado que se adapten de novo os tempos. Con todo, sinalou que a Agadic “sempre está en disposición de esgotar todas as vías de solución posibles, chegado o caso”.

Desde Agadic manteñen comunicación continua co ICAA a través do grupo de traballo CÓMICA, onde se tratan axudas e outros aspectos de interese común para as comunidades que desenvolven competencias en materia audiovisual. A curto prazo, no Instituto dependente do Minsterio de Cultura non se prevén cambios nas convocatorias. Meijomín apunta que “cómpre reseñar os excelentes resultados dos proxectos galegos que se presentaron no ano 2020 tanto a longametraxes e curtametraxes do ICAA como á distribución televisiva MEDIA”, proxectos que en boa parte contaban xa co apoio da Agadic. No referente á Unión Europea, agárdase para 2021 un novo paquete de liñas de axudas a través do programa Europa Creativa e o citado subprograma MEDIA. Actualmente as bases para este novo programa marco estanse a negociar entre a Comisión Europea, o Parlamento Europeo e o Consello, e organizaranse en tres grandes bloques: audiencia, negocio e creación. Haberá que agardar ata finais de ano para saber algo máis dos cambios, das novas convocatorias e do presuposto estimado. 

Televisións

Ademais do investimento dos gobernos destes diferentes niveis, as televisións públicas e privadas deberán cumprir coas obrigas da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, que obriga tanto as canles públicas como ás privadas a destinar parte dos seus ingresos en financiar cine europeo (un 6% no caso das públicas e un 5% no caso das privadas), producións independentes e en producións en linguas oficiais do estado. Segundo datos do último informe da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, correspondente ao ano 2018 pero publicado neste 2020, a TVG é unha das televisións que máis fomenta a produción audiovisual e que cumpre coas obrigas de maneira máis clara, superando amplamente o investimento en obra europea que a lei lle require. Neste ano, a CRTVG ampliou a súa participación en proxectos cunha comisión extraordinaria para a avaliación de proxectos audiovisuais (á parte da convocada a comezos de ano), que se enmarcou dentro dun paquete de medidas deseñadaspara apoiar á industria e ao sector audiovisual. Este paquete incluíu medidas como a moratorias de prazos de entrega das producións que viron interropidas as súas rodaxes, redución dos prazos de pagamento a produtos entregados e servizos prestados ou partidas económicas para a adquisición de documentais en galego de productoras que os teñan rematados e nos que a Corporación non tivera participado con anterioridade. De cara o vindeiro ano 2021, o director da CRTVG garantía na Comisión de Control no Parlamento de Galicia a estabilidade na inversión no sector audiovisual galego por parte da corporación para o ano que vén, que estará por riba dos 36 millóns de euros. 

Plataformas dixitais

Está por ver se a pandemia e o confinamento acurtaron o camiño nos cambios do consumo de contidos audiovisuais en plataformas dixitais, máis alá do que marcou o propio contexto. Máis horas na casa, máis consumo de series e películas no sofá ou na cama. Neste sentido, hai que ver como se adecúa este contexto na nova Lei de Comunicación Audiovisual, que prevé axustarse ao ordenamento xurídico contemplado pola UE en 2018. Este tomaba nota dos cambios na realidade do mercado e obrigaba ás plataformas baixo demanda que ofertaban servizos audiovisuais na rede a investir nas producións nacionais de cada país, lexislando para protexer os contidos europeos. Polo tanto, si que se marcan novos horizontes en canto ao financiamento de producións. Que cambios están previstos no anteproxecto da nova lei? Por un lado, a equiparación da obriga das plataformas dixitais (con HBO, Netflix e Amazon Prime como as maioritarias) que traballen nun ámbito estatal ou autonómico (ou que estean establecidas noutro estado membro pero ofrezan servizos a España) á dos operadores de televisión: deberán financiar cine europeo cun 5% do que xeren no noso mercado. Estas obrigas tamén deben traer de forma paralela máis transparencia nas audiencias, nos datos relativos aos suscriptores e na súa facturación a nivel nacional. Na reforma tamén se contemplan medidas de protección para as productoras independentes e cambios na obriga de reservar cota de pantalla para obra europea: o 51% para prestadores de servizo de comunicación audiovisual televisivo lineal e, no caso de plataformas VOD, o 30% do seu catálogo. Nese sentido, a normativa parece abrir novas opcións para que o audiovisual galego capte financiamento. En calquera caso, o contexto é cambiante e aos cambios normativos cóstalles avanzar á velocidade que o sector demanda, polo que será preciso seguir atendendo ás administracións, as televisións e as operadoras de vídeo baixo demanda ao longo do ano para ver como se concretan as súas medidas.