Os Mestre Mateo deste ano á mellor interpretación protagonista foron para dous dos actores que prometen unha carreira máis sólida e interesante nos próximos anos. Os dous era a primeira vez que chegaban a finalistas dos premios. E os dous gañaron pola mesma película, Dhogs, a ópera prima de Andrés Goteira que colleitou 13 galardóns, grazas en boa parte á súa aposta actoral. O que teñen por diante, sexa ou non grazas a este éxito, é un prometedor futuro. Melania Cruz protagoniza a ópera prima de Jaione Camborda, Arima, mentres que Iván Marcos está a rodar a nova serie de Bambú, 45 revoluciones, que aspira a repetir o éxito internacional de Fariña.


Texto: María Yáñez

Fotos: Tamara de la Fuente


Quixemos entrevistalos xuntos e quedamos con eles nunha cafetería de Santiago, nunha mañá de outono con moito sol na que a fotógrafa Tamara de la Fuente os puxo a facer sombras chinescas. Xogar coas mans, co corpo, coa mirada. Niso se baseou tamén boa parte do traballo que os dous fixeron en Dhogs.



Que credes que tivo Dhogs para que os seus intérpretes fosen os máis recoñecidos? 

Melania Cruz. – Había un equipazo detrás, superhonesto e sincero, con moita ilusion por contar a historia. E houbo moita conexión a nivel actoral entre nós.  Eu debo dicir que non tiña moita idea de cal ía ser o resultado, pero o ambiente que crearon permitiunos xogar moito, déronnos moita liberdade. 

Iván Marcos – Soou como unha orquestra, todos traballamos no mesmo código, non houbo elementos disonantes.  Si, se cadra non tiñamos moi claro en que estabamos traballando. Pode que fosemos inconscientes, pero cun inconsciente moi sincronizado. Todos os elementos funcionaron moi ben, non só interpretación. E iso nótase no resultado: se che gusta gústache todo o conxunto, e ao revés tamén.

Desde logo foi todo un éxito para unha produción tan pouco usual e, digámolo así, modesta. 

Iván.- O mais incrible desta peli é a produción. Uns colegas de Meira que montan un proxecto coma este, de maneira case amateur, e que mantiveron o pulso durante todo o proceso, que foi longo. Isto foi un máster para eles, a costa de moitas horas non remuneradas. Pero tamén foi unha lección para nós de constancia, dunha resiliencia extraordinaria e dunha tenacidade que non é habitual. Tamén foron moi intelixentes contando con Sara Horta, que ten unha forza incrible a todos os niveis e é unha crack xestionando equipos. Poucas veces atopas eses equipos que se entendan tan ben e que afronten as adversidades buscando sempre solucións, sen agrandar o problema. 

Chamou moito a atención a profesionalidade coa que recolleron os premios. A pesar de ser novatos nos Mestre Mateo, todos deron discursos moi emotivos pero tamén moi intelixentes. Andrés Goteira, Sara Horta, Suso López Paz, Lucía C. Pan… que opinades desta xeración de cineastas? 

Iván.- Hai que ter en conta que o de Dhogs foi unha anomalía, unha película moi concreta cuns valores moi determinados. Non é o mesmo levar un premio por un filme coma este que por outro máis industrial, e iso para min contextualiza o seu discurso.  Era o seu proxecto, un soño no que levaban anos traballando, non unha encarga profesional. Iso notábase.  

Melania.- Esta xente está no underground a todos os niveis, pero ao mesmo tempo, ou quizais por iso, están moi comprometidos co que fan. Recórdanme a cineastas como Alfonso Zarauza, xente que ten esa actitude de sacar as cousas adiante sen estar na queixa permanente, e ademais teñen moito respecto pola xente coa que traballan. Zarauza pertence a outra xeración pero creo que ten moito en común co equipo de Dhogs

Que supuxo o Mestre Mateo para vós? 

Melania.- Eu non notei máis traballo. Teño os mesmos proxectos que tiña cando mo deron, é así. Cos premios teño unha relacion moi contraditoria, porque nunca sabes moi ben a razón pola que chos dan. Pero quedei alucinada, xa coa nominación e despois ao levalo. Agradezo moito que recoñeceran o meu traballo e sobre todo alegreime pola peli. Tamén é certo que non é o meu ambiente, as galas non me gustan demasiado. Ademais eu ese día acababa de ter unha función, cheguei moi apurada e foi un pouco loucura todo.  

Iván.- Para min a sorpresa máis grande foi ver canta xente estaba supercontenta pola miña nominación e logo polo premio. As mostras de cariño de colegas ou mesmo de xente que non coñecia, que de repente tiña unha alegría moi honesta, foron un subidón. E despois un pouco de contradición tamén. Eu identifícome moito co meu traballo pero teño tamen problemas coa parte mais pública, gústame coller distancia. 

A quen si lle cambiou un pouco a vida, ou polo menos o aspecto, foi a teu pai. Non, Iván?  Prometérache que se gañabas o Mestre Mateo el poría un pendente nunha orella. Cumpriu?

Iván.- Cumpriu, cumpriu. E si que supuxo algo moi forte para el. El naceu na ditadura, é un home criado á vella usanza, e lembro que cando eramos pequenos meu irmán quería poñer un pendiente e el non lle deixaba. Así que foi todo un cambio xeracional ver como meu pai se actualizou, téñolle moito respecto á súa capacidade para evolucionar. Agora el é quen leva o pendente e con moito orgullo polo que representa, claro.



Agora que tedes un premio da Academia por unha película considerádesvos máis actores de cine ca antes? 

Melania.– Nós somos actores sen máis, non nos consideramos especialmente actores de cine. O bo é que facer cine ou tele tamén nos serve logo para traballar en teatro e noutras cousas. 

Iván.- Eu sempre digo que o teatro existe desde hai miles de anos e o cine ten pouco máis dun cento, así que tampouco lle dou moita importancia, e máis agora que todo se está a transformar. Tampouco todo o audiovisual é igual, hai como distintas familias. Non é o mesmo ser actor en cine que nunha produción de Movistar, como non é o mesmo actuar no mercado galego ou no español, ou traballar para a TVG que facelo no underground. Hai moitos audiovisuais e son moi diferentes. Se cadra nalgún deses contextos si que somos considerados actores de cine, pero estou con Melania, somos actores e punto. Tampouco nos preocupa moito a visión que teña a xente do que facemos. 

Dhogs estreouse en salas en maio despois dos premios, e aínda segue xirando por moitas vilas, con parte do equipo acompañando moitas das proxeccións. Vós tivestes ocasión de estar nestas presentacións co público. Como foi a resposta?

Melania.- Eu quedo con que, sendo un público moi diverso, desde aldeas ata cidades grandes, as preguntas eran moi similares: realmente parecémonos todos moito máis do que parece. Ás veces temos certa condescendencia co público do rural pero está tan preparado coma outro calquera para ver unha peli coma Dhogs, a pesar de que a oferta coa que conta para ver cine é moito menor. Lembro tamén a recepción no OUFF en novembro do ano pasado, que foi espectacular. Teño un recordo precioso de aquel día. 

Iván.- Unha das cousas bonitas deste filme é que foi público que non ve este tipo de cine habitualmente. Neste sentido os creadores de Dhogs souberon vender moi ben a súa historia, manipulando o público -de forma positiva- para que fose vela por eles, uns rapaces de Meira que se lanzan a facer unha longa e gañan unha morea de premios. Con independencia de que logo fose do seu agrado, porque tampouco é unha película doada. 

Estades contentos co percorrido da película?

Iván.- Eu estou un pouco cabreado. Explícome. Sei que hai un sistema moi concreto de produción, difusión, etc, no que é moi dificil transcender con este tipo de produto, porque non ten cartos para promocionarse. Pero tamén teño un pensamento un pouco naíf, que é que de cando en vez algún proxecto consigue pasar esa liña do comercial.  Pensaba que con Dhogs podería haber esa esperanza, e que despois de todos os festivais e premios poderiamos chegar a estar en salas de toda España. Se non sucedeu tampouco creo que fose por estar en galego. Hoxe en día temos películas que triunfan en euskera, catalán… É simplemente unha cuestión de cartos para distribución e promoción.  

Que é o que máis vos gustou dos vosos personaxes en Dhogs?  E o maior reto?

Iván.- O que máis me gustou foi o espazo que nos deron para xogar, e poder tomar riscos e decisións de última hora sentíndome apoiado. Tamén a sensacion de estar apostando, de transgredir.  O meu personaxe, un John Doe, é un sádico hedonista, un home que disfruta sensorialmente das cousas: comer, tocar, cheirar… establecer unha relación de poder e superioridade. É un personaxe que non ten empatía e disfruta vendo a dor allea. A miña dificultade maior foi esa mesma: ser agresivo e violento, e poder establecer esa distancia co personaxe, sen achegarme a min mesmo. Lembro que nas escenas máis agresivas ao cortar as tomas vía a Melania aí tirada e era duro de tragar. Pero dábame pistas de que o que estabamos facendo estaba ben, o feito de que eu tamén tivese problemas para dixerir aquela situación, non como actor pero si como individuo. 

Melania.- Para min todas esas situacións violentas eran tamén coma un xogo en realidade, ainda que fose moi serio o que acontecía. Era deixarse levar a ver onde chegabamos co personaxe, chegar a sitios inesperados. Eu non sufrín, que é algo que me preguntan moito. Estaba segura e confiaba moito nos meus compañeiros. Sabía que Iván me ía coidar e que non deixaría que me mancase.

Traballarades xuntos algunha vez antes? 

Melania.- Non, nunca. Creo que cadraramos nalgunha proba, e despois de rodar Dhogs fixemos un videoclip dun grupo chamado Sleepwalker, dirixido por JS Raimundi



Sempre traballastes como actores ou tedes outras experiencias laborais? Traballastes fóra de Galicia? 

Iván. – Eu tiven cen mil traballos ademais de actor: de camareiro, limpando váteres, dei clases de boxeo e de artes marciais, fun modelo para clases de arte, condutor… 

Melania. – Eu fun comercial de R. E durante moito tempo dei clases particulares de inglés a nenos (fixen Maxisterio por inglés en Lugo). Sempre vivín en Galicia, nunca sentín a necesidade de ir fóra. Agora vivo en Santiago, encantada, e antes vivín en Ourense e en Vigo. 

Iván.- Botei dez anos no Reino Unido, logo volvín á Coruña (son do Barrio das Flores), pero á volta de vivir en cidades grandes non me tiña sentido vivir nunha, e marchei á aldea. Para min a cousa excepcional de Galicia era vivir no rural. Compartín casa cuns amigos en Brión uns anos, e agora non teño casa aquí, estou en Madrid rodando. 



Melania, ti estudaches na ESAD, nunha das primeiras promocións. Iván: botaches dez anos no Reino Unido formándote en distintas escolas. Como vedes a formación de actores e actrices en Galicia?  

Melania.- Sempre me estou formando, facendo cursos, con xente distinta… necesito empaparme de moitas cousas. Unha escola é necesaria, vale para que ti coloques certas cuestións a nivel referencial, terminolóxico, estrutural. Para min o paso pola ESAD foi fundamental para colocar a cabeza con respecto á profesión. Mais tamén teño dúbidas coas escolas de arte en xeral, non sei se ese tipo de coñecemento se pode sistematizar dunha maneira oficial. A min gustaríame que na Escola, e sobre todo na Administración que é responsable dela, tivesen a apertura suficiente para decatarse de que non se poden rexer polas mesmas leis que o ensino secundario. Sen esa comprensión é difícil que unha escola de arte dramática poida desenvolver as súas capacidades. 

Iván.- Eu comecei facendo teatro na Coruña con Manuel Lorenzo en Casa Hamlet. Logo marchei ao Reino Unido e pasei por varias escolas. Teño unha relación tamén contraditoria coas escolas. É un proceso fundamentalmente persoal que ten que ver con acreditarse a un mesmo para poder dicir: si, son actor. Xa o dicía Peter Brooks: o necesario para ser director é dicir que es director. Polo demais, a súa importancia é relativa. Si que lle teño aprezo á formación en sentido amplo, pero sobre todo como experiencia. Tiven moitas experiencias cruciais para o meu traballo que para min foron formativas no plano vital: viaxar, coñecer xente, cambiar a miña forma de pensar en relación a moitas persoas, a miña forma de estar no mundo, o meu corpo, a miña escoita… Aprendín moito estando nas escolas, pero non no tempo académico senón relacionándome con moita xente. 

Este ano tamén fixeches de Rosalía de Castro, Melania.  Como foi o teu achegamento ao personaxe?

Melania. – O meu achegamento a Rosalía vén da adolescencia, sempre me gustou como poeta, como pensadora e como feminista. Cando me din que vou interpretala, pois claro, é unha responsabilidade tremenda, todo o mundo ten unha idea dese personaxe, moi pechada e concreta. En Contou Rosalía (a miniserie dirixida por Zaza Ceballos) non se narra a súa vida enteira senón un episodio, nun momento vital moi concreto. Paseino moi ben. Ademais con Fran Lareu como Manuel Murguía tiña moita conexión. Nunca fixera nada de época, a recreacion do vestiario de Rosalía está moi ben, hai un traballo tremendo de Arantxa Domínguez e María Fandiño, que fixeron roupa a medida mirando fotos dela, as últimas que saíran á luz. No momento no que te metes aí con corsé, enaguas e todas as pezas de roupa que levaban as mulleres antes faste uha idea da represion da época a traves do vestiario. Tamén me serviu de moito a publicación de Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863), o libro de María Xesús Lama que agora levou o Premio Nacional de Ensaio. Unha biografía fundamental, na miña opinión, que non ten nada que ver coa idea da Rosalía triste e apenada.  


“Boto en falta personaxes femininos diferentes, que teñan autonomía, que non sexan sempre as mulleres de, algo de. Agora teño esperanza no feito de que chegan mulleres cineastas novas contando historias desde outro sitio”.


Que personaxes botas en falta? Que che gustaría facer? 

Melania.- Boto en falta personaxes femininos diferentes, que teñan autonomía, que non sexan sempre as mulleres de, algo de. E tamén que se estruturen os proxectos en torno aos personaxes femininos. Nese sentido o que falta é diversidade nas propostas. Agora teño esperanza no feito de que chegan mulleres cineastas novas contando historias desde outro sitio. Por exemplo Paula Ortiz con La novia ou De tu ventana a la mía, que é unha película que me encantou. Tamén hai agora homes que están recollendo iso e no noso cine temos bos exemplos como Álvaro Gago ou Xacio Baño. É unha cuestión de apertura e de escoitar o que está a pasar aí fóra. Na televisión é moito máis difícil conseguir isto, traballan cunha lóxica moito máis conservadora. 

Falando de cineastas novas, o ano que vén estrearase Arima, a longametraxe de Jaione Camborda que ti protagonizas. Que nos podes contar deste proxecto? Como é o teu personaxe? 

Melania.– Como proxecto para min Arima foi empatar cunha persoa, Jaione, coa que teño moitas cousas en comun: ideas, referencias, maneiras de estar e de pensar, idade… Aínda non vin nada da peli, que está case lista. Conta historias de mulleres entrelazadas, cunha atmósfera e cunhas temáticas que non se exploraban nos traballos que eu fixera antes no audiovisual. O meu personaxe, Julia, é unha muller do interior de Lugo, algo que xa marca moito. É unha persoa moi ferida e que non quere poñer as feridas ao aire para que cicatricen, afíxose a vivir desa maneira. Pero pasan cousas que fan que ela teña lidiar co seu pasado e o seu presente. 

Vendo o teu currículo reparei en que traballaches en 5 longametraxes con bastante repercusión ou potencial (A Esmorga, Sicixia, Dhogs, Trote e Arima), e que as cinco foron rodadas en galego. Como valoras isto? 

Melania.- Para min é o natural porque o galego é a miña lingua, pero sei que teño moita sorte de poder traballar nela. Un dos ensaios que levou o premio María Luz Morales o ano pasado expuña esa realidade, a porcentaxe de pelis subvencionadas pola AGADIC nas que se usa o galego, que é aínda moi baixa. Estase perdendo a lingua, cuantitativa pero tamén cualitativamente. Xa case non hai lingüistas nas rodaxes, non se considera prioritario. Eu para algúns personaxes tiven que chamar eu a unha persoa lingüista pola miña conta. A palabra é tamén parte do corpo, do teu medio de traballo, e coidar a lingua paréceme fundamental. 



Iván, ti traballaches en Fariña e aí si que tiñades lingüista. 

Iván.- En Fariña traballamos con Rosa Moledo, que escribiu un manual sobre o uso da lingua na serie. A súa foi unha construción dun castelán moi próximo ao galego, que nos anos 70 en moitas zonas de Galicia non se daba: a xente falaba en galego e punto. No equipo estabamos todos de acordo en que o ideal sería facela en galego, pero obviamente (por desgraza, e polo de agora) non se pode emitir un produto en televisión de alcance nacional en linguas que non sexan castelán. Unha das maneiras que atopou Rosa para abordar isto foi aproximarnos o máximo posible a como falaría a xente na época: usando o acento, metendo polo medio certos termos en galego, que a nós nos resultan moi rechamantes porque non falamos así. Pero a idea era que canto mais puideramos meter en galego mellor.

Para o traballo dos actores afecta moito o idioma en que esteas falando. Eu podo actuar en galego, castelán ou en inglés e o meu traballo é moi diferente, as linguas van vinculadas a unha forma de pensar. Por iso é tan importante preservar o idioma, porque con el preservamos unha forma de pensar e de relacionarse coas persoas, unha poética, un sentido do humor moi particular.  Penso que isto ademais será cada vez máis importante a nivel internacional. Hai un cambio de mentalidade que está empezando entrar no “mercado”, que ten que ver coa autenticidade. Esta liña sempre se buscou dentro dos traballos máis artísticos, dentro do cinema de autor. Buscábase unha esencia do real que parecia que non tiña cabida nas canles xeralistas, mais isto agora rompeuse no mercado globalizado, só hai que ver o exemplo de Narcos ou da propia Fariña. Coas novas plataformas estamos chegando a todo o mundo, e isto está cambiando tamén a maneira en que se fai ficción en España: as propostas de Movistar son traballos moi específicos, así como as de Netflix. Traballos como Paquita Salas hai dez anos non terian a penas difusión, e agora teñen o seu espazo, un nicho de alcance global. Por iso penso que a especificidade cultural, que antes podería ser un problema, é agora é un punto de valor. E esa pode ser unha das oportunidades para o audiovisual en galego.  

Moitos coñecémoste con Citizen, de Chévere. Como acabas traballando con eles? Como foi o teu tránsito do teatro ao audiovisual?  

Iván.- Cando regresei do Reino Unido o primeiro traballo que tiven foi con Matarile, a obra Animales artificiales, e despois fixen algunhas producións propias. A Chévere coñecinos cando vin á Sala Nasa a facer un espectáculo que montara en Inglaterra cuns compañeiros, e logo puiden facer con eles Citizen, que foi un gran éxito. No audiovisual galego estreeime cunha curta de Víctor Hugo Seoane, con guión de Jaione Camborda, que protagonicei xunto a Nerea Barros. Titulábase “Na distancia” e rodouse polas rúas de Vigo. Despois fixen pequenos papeis en Crebinsky, Todo é silencio e Las altas presiones, ata chegar a Dhogs. Todas elas son películas moi diferentes. 

Pasaches por Matalobos e fugazmente por Serramoura, pero o teu primeiro personaxe longo é Daniel de Pazo de Familia. Gústache traballar na televisión?

Iván.– Si, en Pazo fixen 103 episodios. Nesa serie aprendín moitas cousas, algúns dos aspectos máis técnicos que teñen que ver coa interpretación e tamén co teu lugar nos procesos de traballo. A tele dache a posibilidade de relacionarte durante moitas moitas horas co equipo, coas cámaras, contigo mesmo. Eu non a considero moi diferente ao cine, cada vez menos. Tecnicamente na televisión coidado cada vez é maior, hai unha elaboración do discurso e creadores con moito criterio e moitos referentes interesantes. Fariña é un caso, pero noutra series que me flipan, como Mindhunter, a última de David Fincher, non está moi clara a fronteira entre cine e televisión. Ou Big Little Lies, producida, escrita e interpretada por mulleres, que é un referente cultural brutal. 

Agora estás en plena rodaxe de 45 revoluciones, a nova serie de Bambú para Antena 3, ambientada nos anos 60. Como afrontas este papel protagonista? Que nos podes contar deste traballo?

Iván.- A serie sitúase na industria discográfica a comezos dos anos 60 en España. Retrata o cambio de ciclo entre a música popular máis folclórica e a chegada do rock and roll, co que isto supón de rupturismo e de novas ideas na metade do franquismo. Eu son un produtor musical aventurado que leva esta bandeira do cambio de ciclo, e que se atopa con moitos conflitos entre o vello e o novo paradigma. Penso que lle pode gustar tanto a público nostálxico, que poida sentir ese vínculo coa época, como a un público novo que se sinta representado coas ideas abstractas que se tratan: o cambio xeracional, a ruptura, a busca da beleza… O feito de que a maioría dos protagonistas sexamos actores pouco coñecidos tamén ten que ver con esta idea rupturista da serie.  

Estás preparado para a fama-fama?  Para ir divertirte a El hormiguero e esas cousas? 

Iván.- En absoluto, en canto acabe a rodaxe só quero tirarme ao monte e poñer barba (risas). A miña esperanza é quitar o bigote que levo agora para o personaxe e que ninguén me recoñeza pola rúa. Con Pazo de Familia cambiando de look a xente non me coñecía en absoluto. Xa en serio, eu doulle moito valor á miña identidade e privacidade. Non teño desexos de fama, así que non creo que me afecte demasiado. Quero que a serie teña éxito e repercusión, pero o que veña con iso xa non me collerá con vinte anos (teño 38), así que espero levalo ben e non ter que expoñerme demasiado. 


“Penso que coas novas plataformas e co mercado global a especificidade cultural, que antes podería ser un problema, é agora é un punto de valor. E esa pode ser unha das oportunidades para o audiovisual en galego”.  


Que máis proxectos tedes para o próximo ano?

Iván.- Teño unha película da que non podo dicir nada, será un proxecto nacional con parte galega. E con teatro estou barallando un proxecto persoal. Pero tómoo con calma porque non sei que pasará despois da serie nin que consecuencias terá no profesional, así que non quero facer moitos plans por agora. 

Melania.- Eu estarei en Ons, a nova película de Zarauza, na que son unha das mulleres protagonistas xunto con María Vázquez. E estou encantada porque con ela curraría no que fose. 

Con que cineastas vos gustaría traballar en Galicia?  E de fóra? 

Melania.- Eu estou moi contenta de ir traballar agora con Zarauza. Con Jaione Camborda repetiría de cabeza. Tamén con Lucía Estévez (coa que xa colaborei nunha curta chamada Arrolo), con Anxos Fazáns… moita xente. De fóra con Cassavetes, se vivise. Con Paula Ortiz encantaríame. Con calquera persoa coa que conecte, en realidade. 

Iván.- En Galicia a miña aspiración é traballar cos meus amigos, con xente que me cae ben, eles saben quen son. Logo son admirador de moitos directores: Haneke, Lanthinos, Fincher, Almodóvar, Oliver Laxe… De Angélica Liddell son moi fan pero non sei se querería traballar con ela. De feito non sei se vai da man a quen admiras e con quen che gustaría traballar. Por iso prefiro traballar con amigos. Eses proxectos adoitan saír ben. E tamén facer apostas: con Andrés Goteira non sabía que queria traballar ata que o fixen. Teño máis interese en traballar con alguén que empeza e ilo acompañando na súa carreira, crecermos xuntos, que facelo con alguén consagrado. Fliparíame traballar con Scorsese pero desde o principio, non tanto agora. 

Como sodes como consumidores de audiovisual? Vedes cine, series? Seguides o que se fai aquí?

Iván.- Eu doulle a todo. Agora vou moito máis ao cine en Madrid, sobre todo vexo cine non comercial. A última película que vin foi Cold War e encantoume. Tamén teño Netflix, HBO… vexo máis a tele do que a vía antes. E vexo Youtube. Agora estou flipado cunha aplicación da Estación Espacial Internacional, que teñen un streaming de 24 horas do que pasa alí. Son moi friqui con estas cousas. Cando estaba en Galicia tamén vía a TVG en ocasións. 

Melania.– Eu son de NUMAX (cine, libraría, todo), e tamén de Filmin. Tele vexo moi pouca, non son de series. Optei por ver películas en vez de series, para non obrigarme a seguir cousas durante moito tempo. Os filmes danme estímulos máis diversos. Encántanme as películas de M. Night Shiamalan, e dos últimos anos encantoume Toni Erdmann