A actriz Luisa Veira foi un dos primeiros rostros populares da Televisión de Galicia. Aínda moita xente a recoñece hoxe como “Eva de Sarria”, o personaxe que tiña en O mellor, aquel primeiro programa de humor que houbo na canle pública presentado por Manuel Rivas. Formou parte do movemento contracultural que houbo na Coruña nos anos 80, e fixo equipo cos creadores máis imaxinativos do primeiros anos da televisión, de Manuel Abad a Xaime Fandiño ou Suso Iglesias. Entrou no CDG o ano que se fundou e sempre amou o teatro. Deixou o audiovisual hai anos pero está disposta a volver se xorde algún proxecto con alguén que crea no que fai de xeito tan apaixonado e entusiasta coma ela.
Fotografía: Tamara de la Fuente. Estilismo: Fanny Bell. Texto: María Yáñez
Luisa Veira leva roupa da deseñadora Melania Freire. A sesión fotográfica fíxose no Centro Ágora da Coruña.
Xa de pequena era a pallasa do colexio de monxas. “Gustábame crear, facerlle rir á xente, e vestirme de calquera cousa. Sempre andaba empendongada e facendo os meus propios disfraces. Con catro papeis era Mary Poppins”. Empezou a facer teatro afeccionado co grupo Tespis e estudou Declamación e Interpretación no Conservatorio da Coruña, cando aínda se estudaban aquelas cousas. Logo formou parte de Troula, a súa primeira compañía profesional, con compañeiros como Gonzalo Uriarte, Manquiña, Antonio Simón, e no 84 entra no Centro Dramático Galego cunha das súas primeiras funcións: Agasallo de sombras de Roberto Vidal Bolaño.
Foi facendo unha entrevista promocional do CDG na TVG con Morris cando os dous se puxeron por primeira vez diante dunha cámara. Ao pouco tempo chamounos Manuel Abad, que estaba preparando O mellor, o programa no que eles presentarían un informativo satírico. Ela sería Eva de Sarria e Morris o presentador do tempo, Modesto Ciclón. “Eu saía alí coas miñas pintas, tiña que pelexar coas perruqueiras para que non me puxeran de chica mona”, conta Veira, que lembra aquela primeira época dunha TVG chea de ilusión na que todo estaba por facer. “Aquela televisión era impensable nos dous sentidos: primeiro porque nada se pensaba moito. Traballabamos desde a inconsciencia, moitas veces non había nin guión, abrazabamos o erro, faciamos os sketches coa perruca do revés… Era un espíritu moi punk. Traballabamos sempre contentos, como se non houbese futuro, querendo dalo todo no momento”.
“Eu saía alí coas miñas pintas, tiña que pelexar coas perruqueiras para que non me puxeran de chica mona.”
Daquela época lembra os directores dos programas nos que traballou. Manolo Abad era un tipo cunha capacidade de aprendizaxe e un entusiasmo enorme. El vía todas as teles do mundo e as cousas que máis lle gustaban. Con el fixemos O mellor e A mellor televisión do mundo. Combinábase o humor e a vangarda, buscando o público popular pero tamén o máis culto. Facíamos chifladuras en programas que podían parecer unha trangallada pero que ían dirixidas a un espectador maduro e intelixente.
Logo chegou Xaime Fandiño e “outra chifladura total”, o programa A toda máquina que presentaban Xosé Lois González (falecido este ano) con Sergio Pazos e a propia Veira. “Mesturaba concurso con sketches con actuacións en directo, era moi divertido. Tiña aqueles decorados de Suso Montero, que foi outro dos máximos creadores de aquela época. Non só facía os decorados, marcaba o estilismo e a estética completa de cada programa”. De aquel programa recorda como foi das primeiras figuras da televisión en ter fans: “a xente escribíame, teño cartas gardadas das nenas que me mandaban cartas entusiasmadas con debuxos”. E tamén como pasaban por alí a tocar en directo “Alaska, Tino Casal… todos os modernos do momento”.
Aquela televisión moderna non era casual. “Moito se fala de La bola de cristal pero o que se facía aquí era tremendo”. Para Luisa Veira é imposible non lembrar a Dolores Bouzón: “ela si que foi pioneira. Moito máis que unha presentadora de televisión, era unha personalidade incrible e na tele era sempre ela mesma. Algo que se bota de menos agora, na TVG actual é todo moi raso”. Para aquela xeración era a época tamén das revistas: Tintimán, La Naval… “había unha chea de músicos, pintores, fotógrafos, todos querendo asaltar o mundo e expresarnos sen prexuízos”.
Veira e Morris fixeron parella artística e serían iconas da contracultura galega nos 80. Viaxaron coa tropa galega no desembarco das Fuerzas Atroces del Noroeste na Universidad Menéndez Pelayo de Santander no ano 86. De aquel momento é a foto que lle fixo Xoán Piñón representando o Telón de Grelos, unha das fotos icónicas de aqueles anos, nos que a moda tamén era moi importante. “Aquí da escola de Vigo saía xente temenda, eu tiña deseños de xente galega, vias esa roupa na televisión e tamén rúa, había creatividade por todos lados”.
Acabaron os 80 e a Coruña xa era distinta: “Chegara Paco Vázquez, os paseos marítimos… xa se acabou a loucura, todo como que se legalizou. No audiovisual empezou a dobraxe, empezou a haber cartos, convenios, e tamén empezou a competencia entre nós”, explica Veira. “Pero aínda lembro un progama moi chulo que fixemos con Suso Iglesias, Gracias pola Galega. Presentábao eu con Alfonso Agra, aparecían John Balan e Vladimir. Tamén saía Sito Sedes, Finita Gay, Ana Kiro… era xuntarnos os modernos cos divos da nosa música. Todos mesturados, eramos tan frikis uns coma outros”.
A partir de aí, algunhas experiencias no cine que viñan facer a Galicia desde Madrid (Divinas Palabras, El bosque animado…) e tamén saíu na película do seu amigo Antonio Blanco A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos. Logo empezou a ir a Madrid con frecuencia a facer cursos de teatro e alí cadrou con Fernando Colomo, que a colleu para facer un papel na súa serie Chicas de hoy en día. “E aí foi a miña caída en desgracia. Por unha suposta incompatibilidade non me deixaron volver ao CDG. E con esa amargura tampouco o pasei ben en Madrid facendo a serie”.
“Despois desaparecín das pantallas, estaba un pouco farta”, conta a actriz. “Cando volvín a Galicia xa non era o mesmo, xa non se traballaba con ilusión, estaba todo o mundo máis queimado. E empezo a notar un pouco de machismo tamén”. Aínda que ela viña de traballar nunha serie de éxito a ficción galega non chamou por ela: “nunca foi algo que me interesase moito, nin sequera como público. Fixen algunha cousa máis tarde, como Pequeno Hotel, pero non me gusta a dinámica das rodaxes, a toda présa, nin tampouco a dos castings”.
Decidiu formar unha familia e tivo dous fillos. “E un mundo afectivo que te absorbe. Mentres estaba criando quedei fóra do mundo, non me enteraba das probas, non estaba aí fando foi crecendo o audivisual en Galicia”. Si que fixo algunha cousa no teatro de maneira puntual, e hai un par de anos mesmo creou unha compañía de teatro infantil: “montei o meu proxecto, arrisquei pasta, fixen o texto, cosín eu a roupa, fixen parte da escenografía… pero era dificilísimo entrar no circuito, e menos eu soa, e non seguín adiante”. Aínda así non para de facer cousas: “Para o audiovisual ninguén me chama, pero acéptoo, non pasa nada. Agora quero buscar un traballo máis convencional, seguirme movendo e seguir aprendendo”.
Volvería poñerse diante dunha cámara? Si, pero non de calquera maneira. “Non me importaria facer cine, pero con alguen que crea no seu traballo e no que está contando”. E coa xente da súa quinta? “Ás veces atopome con Suso Iglesias ou con Fandiño e dinme que lles gustaría facer cousas. Sería moi divertido. Se xa lles daba todo igual cando empezamos, imaxina agora que están entrando a se xubilar”. Mentres, disfruta do en familia (“encántame o anime”) e de festivais da súa cidade como o FKM. Segue facendo vestidos e creando o seu propio mundo. E aclarándolle á xente que se lle acerca a preguntar que non se chama Eva nin é de Sarria. Cousas de ter sido un mito televisivo dos 80.