Margarita Ledo Andión é un dos nomes imprescindibles se falamos de mulleres referentes do noso audiovisual. Investigadora, docente, cineasta, produtora e socia fundadora de NUMAX, a súa paixón polo cinema “máis ca unha paixón é un enigma que comezou, se cadra, nas sesións ambulantes que se proxectaban no local de Correos en Castro de Rei”. A partir de aí foi a escrita poética e xornalística a que practicou durante moito tempo para logo levala máis alá saltando ao cinema, a materia da súa investigación. 


Fotografía: Tamara de la Fuente. Maquillaxe e peiteado: Fany Bello. Texto: María Yáñez
Margarita Ledo leva roupa de Melania Freire e de Matka. A sesión de fotos fíxose na súa casa de Santiago de Compostela.

“Non é que decidira dedicarme a isto”, conta Margarita Ledo. “Pasou que quería entrear nese labirinto ao que conducía o meu apego á fotomontaxe, aos relatos de Cortázar e ás historias veladas. Santa Liberdade é materia desta teima”. Fala da súa primeira longametraxe, un documental dirixido en 2004 coa produción de Antón Reixa, no que reconstruía o secuestro político do trasatlántico “Santa María” no 1961 por un grupo de exiliados antifascistas galegos e portugueses. Cando abordou esta historia a súa obsesión como cineasta, ademais dunha procura documental exhaustiva, “era que cada personaxe non representara algo diferente á experiencia de participar naquela acción dos sesenta”.

Considérase unha cineasta militante. “Por iso, desde Galiza, tomo  posición  sobre o século: Santa Liberdade  son os anos dos soños, cando todo podería mudar; Líster, pronunciado Liste, é a III Internacional, a confrontación co fascismo, a represión; A cicatriz branca é  a muller migrante, o movemento de masas humanas por exilio, pobreza, abusos, negación”. Estas dúas longametraxes produciunas con Nós Produtora Cinematográfica Galega, a herdeira de aquela outra produtora Nós que en 1975 crearan un grupo de cineastas que formaban ela e mais outros “compañeiros de viaxe militante” como Cipriano Jiménez ou Nemesio Barja e, sobre todo Carlos Varela Veiga, falecido en 1980.

“Ser cineasta en Galiza é unha aposta persoal, expresiva e política”

A idea de recuperar Nós foi “resultado dunha bolsa que me concede a Embaixada do Canadá para estudar o Cinema Directo do Québec. Fiquei prendada dese cinema e ao voltar propúxenlle a un grupo de persoas soerguer a produtora”. O propósito de Nós é, por unha banda, respaldar obras de selo persoal como as da propia Margarita ou CCCV, a peza de Ramiro Ledo (o seu sobriño) en homenaxe a Carlos Varela, e, por outra “en relatar o cotián e o imaxinario do pobo galego nas series para TV”. O apelido Ledo asina algunhas destas series (Xosé Lois Ledo Andión, Olaia Ledo), mais a cineasta asegura que “non facemos clan máis que cando cómpre”.

E a que se debe esta querencia familiar polo cinema? “Supoño que, nuns casos,  porque miramos as mesmas pelis e fomos ás mesmas manifestacións. E noutros, porque partillamos un aquel por andar en pistas  de xelo e aquecelas”. Margarita Ledo menciona tres filmes que foron importantes para ela en tres momentos distintos da súa carreira: “A fonte da doncela, de Bergman, que vin no desaparecido Salón Teatro, en Lugo, nos anos de bachalerato; Noches de Vino Tinto, de José María Nunes, xusto en chegando facer xornalismo a Barcelona, a finais dos sesenta; e As irmáns alemáns, de Margaret Von Trotta, da miña xeración. E valora o feito de ser cineasta en Galicia “como unha aposta persoal, expresiva e política”. Se non se puxo detrás da cámara ata a súa madurez foi “porque as errancias  foron unha constante que me impedía confrontar esa maquinaria costosa e pesada. E tampouco  me interesaba, como práctica fílmica,  o mundo underground”.

O seu pulso de cineasta está ligado á súa voz poética e diso son boas mostras a adaptación dun poema na curta Cienfuegos,1913, que codirixiu en  2008 con Belkis Vega,ou a pasaxe da novela Porta Blindada para A cicatriz Branca, a longametraxe que presentou en 2013. “A cicatriz branca é distinta  porque quero facer un filme de xénero, cun corpo e cunha voz como a de Eva Veiga,  fragmentando a linguaxe, alongando  o silencio e o fóra de campo, termando da posibilidade de recoñecer a ferida, e boto man da  axuda de Carlos Neira”. O seu próximo proxecto de longa comeza a andar, de novo, cun verso: “o do meu amigo, xornalista e escritor portugués Manuel António Pina, falecido en 2012, na procura de Um sítio onde pousar a cabeça”.

Cando a chamamos para a sesión de fotos con Tamara de la Fuente Margarita Ledo está saíndo para Maputo, a capital de Mozambique. A fotografía, conta, “é o meu mundo de estima. Fixen a miña tese sobre Sebastião Salgado, un libro e unha expo con Anna Turbau, unha columna crítica en Le Monde Diplomatique…”. E tamén a seduce a moda “na súa aposta por facernos sentir felices grazas ao que outras persoas pensan pra nós”. De feito, no conxunto de roupa que a deseñadora Melania Freire cedeu para a sesión, “a saia que traían érame pequena e botamos man do meu roupeiro, cunha peza que cadrou á perfección co resto do atrezzo”. Margarita Ledo é pioneira galega da imaxe en todas as súas facetas.