Marta Villar naceu no sur, vive no sur e “reivindico o sur, porque estamos un pouquiño esquecidos pola administración e polo sector audiovisual”. Esta viguesa leva anos vivindo no Val Miñor e percorrendo Galicia na procura de localizacións e documentación que lle permitan crear os decorados das películas, series e programas de televisión nos que ten traballado como directora artística.


Fotografía: Tamara de la Fuente. Estilismo: Fanny Bell. Texto: María Yáñez
Marta Villar leva roupa do deseñador David Méndez Alonso. A sesión de fotos fíxose na Cidade da Cultura de Galicia.

Estudou en Compostela, na escola Mestre Mateo, a especialidade de decoración. A comezos dos 80 entrou en contacto co mundo do cine por equipos de rodaxe que viñan de Madrid, e no 86 chamouna Chano Piñeiro para traballar en Esperanza, a curtametraxe sobre o alcolismo que protagonizaban Rosa Álvarez e Xosé Manuel Olveira ‘Pico’. Lembra como “a maior parte da xente que traballaba nos equipos nos 80 aínda viñan de fora e aos profesionais de Galicia non nos trataban ben. Parecía que nos tiñan alí para cumprir a cuota e máis nada. Aínda segue pasando ás veces”.  



Ela foi das primeiras galegas en traballar no cine, nun tempo no que “non había a penas profesionais, e moito menos escolas onde se formar. Aprendemos os códigos do cine por intuición e de forma autónoma”.  En parte cre que por iso sempre tivo unha maneira particular de traballar: “Por exemplo, no que respecta aos equipos, a min gústame implicar a todo o equipo en conxunto, e compartir con todos o traballo e as responsabilidades, sen as xerarquías que adoita haber noutros lados.”

Pero o seu labor para preparar os proxectos empeza moito antes: “O fundamento do meu traballo está na investigación. Documéntome moitísimo sobre os temas, os personaxes… é a parte do proceso que máis me gusta. Escribo moito, clasifico, investigo por internet, vou voando dun sitio a outro obtendo datos”. Explica que “cando é cine entro nos guións, vou collendo cada elemento e a partir de aí investigo e empezo a crear a vida dos personaxes. Porque realmente son a que recreo a vida mais alá do guión para darlle forma e cor”.

Percorrendo o país para localizar e buscar documentación “funme imbuindo nos usos e costumes de moitas zonas e épocas de Galicia: pesca, o mundo das conservas e da salgadura [para a miniserie Salgadura], o narcotráfico nos anos 80 [para Entre Bateas de Jorge Coira ou Heroína de Gerardo Herrero]”. Conta que lle gusta traballar coas épocas en que viviu: “é unha maneira de trasladar a experiencia vivida ao coñecemento dos demais”. Con todo, o traballo que recorda con máis agarimo é o do reality A casa de 1906, no que tivo que recrear unha época e un entorno rural diferente a no que ela se criara: “Fun vivir tres meses a Irixoa, onde estaba a casa que tiñamos que recrear, non só como decorado senón para que os participantes vivisen alí de maneira real. Traballamos con construtores, veterinarios, gandeiros, xente da zona… recordo aquela primavera como unha experiencia moi gratificante”.


“Gústame traballar coas épocas nas que vivín: é unha forma de trasladar a experiencia vivida ao coñecemento dos demais”.


Marta Villar, que recibiu o ano pasado o premio de honra Fernando Rey da Academia Galega do Audiovisual, fai balance da súa carreira: “Cheguei moito máis alá de onde cría que podía chegar. Agora querería retirarme, xa teño un percorrido longo e extenso. Gustaríame dedicarme á docencia pero téñoo complicado porque non teño unha carreira superior que me permita dar clases”.  Leva traballando desde os 19 anos e por fin agora pode estudar o que daquela non puido: “Estou na ESAD pero como alumna, estudando escenografía da arte dramática, cando o traballo mo permite. Fágoo para aprender, non para sacar o título, que cando o saque estarei xa xubilada e tampouco me servirá para moito”. Aínda así, está convencida de que “quero dar clase, ensinar o que sei. Xa que non o podo facer de maneira oficial, fareino a modo privado ou en cursos pequenos”.

De todas maneiras ela xa creou escola entre toda a xente que pasou polos seus equipos. Dende os seus sobriños Andrea Pozo e Ventura Villar, que empezaron de meritorios con ela e agora se dedican á dirección de arte, ata novos talentos como Noelia Vilaboa, directora artística de Dhogs ou Lúa Testa, actriz que tamén traballa como escenógrafa en Madrid. 

“Case non fago audiovisual, chégame moi poucos traballos. Tamén fago exposicións e escenografía para eventos. Agora estou preparando unha exposición sobre actores e actrices na Cidade da Cultura. Pero co audiovisual estou un pouco desencantada, sinto que quedei fóra, porque nos últimos anos non fixen practicamente nada. Por un lado estase producindo moito menos, por outro as novas xeracións de cineastas non contan cos veteranos”. E a crise aínda se nota nos orzamentos, “na TVG séguense vendo decorados meus en varios programas pero eu levo 3 ou 4 anos sen traballar alí”.  

Forma parte de CIMA (Asociación de Mujeres Cineastas) desde o momento en que se fundou. “Cando me explicaron o proxecto pareceume imprescindible estar. Na miña carreira estiven case sempre sentada en mesas na que todo eran homes, sobre todo en televisión. A situación cambiou bastante pero non o suficiente. Se ao principio as mulleres eran un 5%, agora estaremos nun 25%, pero non pasamos de aí”. E isto nótase tamén nas historias: “boto de menos que o cine fale das realidades de todos, non só do que lle gusta a unha parte da poboación.”