Tema de portada: Mulleres no audiovisual galego

Texto: Montse Dopico

“Tardei 15 días en poñerme en forma para poder descargar un camión igual ca un home. Algunha vez, cando traballei en espectáculos como encargada de son, viñan os de carga e descarga ‘axudarme’ por se non podía soa. Pero como eu aguantaba máis ca eles, eran eles os que tiñan que disimular o esforzo”. Isto é só unha anécdota, relatada pola sonidista Cristina Morquillas. Pero indicativa do camiño que á igualdade de xénero lle resta por andar no audiovisual. Como o son tamén as cifras dos máis importantes premios do sector.

O Consello da Cultura Galega botou os cálculos no seu informe ‘A muller na cultura galega’, publicado no 2014. Nos Premios AGAPI (1996-2001) e nos Mestre Mateo (entre 2003 e 2012), a porcentaxe de mulleres galardoadas foi o 0% en son, o 0% en fotografía e iluminación, o 6,7 % en dirección, o 14% en guión e o 16,7 % en montaxe, fronte ao 72,7 que representan en maquillaxe e perruquería e o 100% en deseño de vestiario. Semella, así, que os roles de xénero tradicionais seguen a pesar. E moito.

No mesmo estudo, o Consello da Cultura sinala que, nas empresas do Clúster Audiovisual Galego, só o 28% dos cargos directivos están ocupados por mulleres. Da mesma maneira, das longametraxes de produción galega realizadas entre o 2009 e 2012, só o 23% foron dirixidas por mulleres. Estes datos tracexan, para a catedrática de Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago, escritora e cineasta Margarita Ledo, “a radiografía do poder e do rol subalterno da muller a nivel social, que se reproduce na industria do cinema”.

Mais Galiza non é, nisto, excepción ningunha. As análises son abondosas e, os resultados, sempre similares. Os estudos do Centro de Estudos da Muller no Cine e na TV da Universidade de San Diego mostran ademais que a discriminación pervive ano tras ano. Só o 7% das 250 películas mais taquilleiras de Estados Unidos no 2014 foron dirixidas por mulleres, un punto máis que en 2013. A porcentaxe caeu, porén, do 9 ao 7% desde que comezou a elaborarse este informe, o Celluloid Ceiling, no 1998. Os mulleres están menos infrarrepresentadas en produción, onde son o 23%, e o 19% en produción executiva. Mais non pasan do 18% en edición, do 11% en guión e do 5% en dirección de fotografía.

Pouco despois de que a actriz americana Patricia Arquette reivindicase na gala dos Óscar a igualdade en salario e dereitos, a presidenta da Asociación de Mujeres Cineastas de España (CIMA), Virginia Yagüe, lembraba que no Estado a media de presenza feminina na industria do cine non excede o 10 por cento: unha por cada nove homes. Cun 8% de directoras, un 15% de guionistas e un 21% de produtoras. Unhas cifras que, aínda sendo reveladoras, non supoñían ningunha novidade.

Sendo ministra de Cultura do Goberno español Ángeles González-Sinde, Andrea Gautier dirixiu o estudo ‘Mujeres y Cultura: políticas de igualdad’, que situou nun 6,6% a porcentaxe de películas dirixidas por mulleres, das 1.256 estreadas entre 1999 e 2008. En produción, as mulleres só acadaban o 10% do total. No libro ‘Cine y género en España’, (Cátedra, 2010), coordinado por Fátima Arranz, xa se advertía de que só o 7,3 por cento das películas foran dirixidas por mulleres entre 2000 e 2007.

A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas acolleu o pasado verán as XV Xornadas Mulleres en Acción, nas que a secretaria de Igualdade do sindicato Unión de Actores, Berta Ojea, subliñou que no audiovisual español só o 20 por cento das personaxes son femininas. E non se refería só a protagonistas. “Fáltanos un estudo completo e actualizado que nos dea datos reais sobre a situación, pero se traballas coas cifras que dan o Ministerio de Cultura e o Instituto de Emprego, sáenche porcentaxes coma estas. E non é só unha cuestión de igualdade de dereitos laborais. É que estamos a proxectar unha imaxe do mundo que non se corresponde coa realidade”, apunta.

 

Galiza, a excepción?

Unha educación de fondo patriarcal podería explicar por que escasean as mulleres nos oficios técnicos como cámara, son ou eléctricos, mentres que son maioría ou representan a práctica totalidade da profesión en maquillaxe ou vestiario. Mais non é tan doado interpretar a relativamente forte presenza das mulleres, en Galiza, na produción. Tamén en dirección son menos que os homes, aínda que os seus nomes soan cada vez máis e sobre todo, quizais, en documental ou curtametraxe. O informe ‘A muller na cultura galega’ recolle que, nos premios AGAPI e Mestre Mateo, o 57% das persoas galardoadas na categoría de dirección artística, e o 66,7 en dirección de produción, foron mulleres.

“Galiza é a primeira Comunidade que camiña cara á normalización en canto a cuestións de xénero desta industria cultural, e moi probablemente de todos aqueles países que contan cunha cinematografía desenvolvida”, asegura a produtora e delegada de CIMA no noso país Chelo Loureiro nun artigo que pode lerse nesta mesma publicación da Academia Galega do Audiovisual.

Loureiro baséase en argumentos como que, na XIII edición dos Mestre Mateo, as mulleres superaron a metade dos premiados e lembra que “segue a medrar o número de mulleres produtoras”, entre as que cita a “Susana Maceiras, Zaza Ceballos, Emma Lustres, Luisa Romeo, Manane Rodríguez, Margarita Ledo, Cani Martínez, Sara Horta, Mara Gutiérrez, Inma Castaño, Montse Besada, María Arochena, Dolores Ben, Fernanda del Nido, Mamen Quintas, Inma Castaño, Carme Rábade, Teresa F. Valdés, Isabel Rey, Sonia Méndez, Pilar Comesaña, María Liaño, Elisa Saldaña, Amalia Mato, Pilar Sueiro ou Beatriz Legerén”. Sen dispor dunha estatística científica, calcula que as mulleres produtoras poden acadar, na nosa comunidade, o 80% da totalidade.

Mais ningunha das produtoras consultadas se amosa tan optimista. “Tampouco somos tantas”, reflexiona, ao respecto, Manane Rodríguez. “Si hai mulleres en dirección de produción, pero moitas veces por debaixo dun produtor. O teito de cristal tamén está presente niso”, engade. Tamén Mamen Quintas é máis escéptica. “Non somos tantas. O que ocorre é que as mulleres fomos accedendo pouco a pouco a profesións historicamente desenvolvidas por homes, de xeito que aínda sendo menos pode parecer que somos moitas, alí onde antes non estabamos. Ademais, as mulleres temos cualidades para ser produtoras, como o espírito de sacrificio, a capacidade de organización, a constancia…“.

Na obra ‘Cine y Género en España’ Esperanza Roquero analiza a estrutura ocupacional dos produtos cinematográficos do período comprendido entre o 2000 e o 2006 a partir de datos do Ministerio de Cultura. Tras constatar que os varóns ocupan as posicións máis altas, detecta, a partir de entrevistas en profundidade, dous tipos de discursos arredor da desigualdade. Un non aprecia discriminación porque naturaliza as diferenzas ao atribuír habilidades e competencias diferentes a homes e mulleres. O outro, en cambio, recoñece discriminacións por razón de sexo. “A herdanza recibida da socialización co adorno feminino da modestia non é só unha característica de xénero que actúa sobre elas como un teito de cristal: neste sector, tal característica refórzase conforme unha estratexia de supervivencia”, escribe a autora.

“Eu non sei por que hai máis xefas de vestiario, perruqueiras e maquilladoras que directoras, cámaras ou iluminadoras”, sostén, sobre isto, Emma Lustres. “Hai oficios que de entrada poden parecerlles máis atractivos aos homes e outros ás mulleres. Mais produción, por exemplo, non é algo marcadamente masculino ou feminino. O que si penso é que nas escolas de cine estudan máis homes e que hai máis homes que queren ser directores. A min mesma, como produtora, chéganme moitos máis proxectos de directores que de directoras. En calquera caso, estou a favor das políticas de discriminación positiva. E penso que cando hai produtora e director, ou directora e produtor, cando hai un equilibrio, reflíctese na película”, asegura.

 

A muller organizadora

A óptica de Margarita Ledo é, porén, moito máis crítica. “Claro que hai mulleres produtoras e, ollo, que en Galiza hai produtoras moi boas. Pero moitas veces non deixa de ser unha división técnica do traballo que permite que outros, e subliño o de outros, poidan expresarse. Porque é o traballo de cociña, o traballo nutricio. É dicir, o que sempre fixo o muller tradicional na casa. Despois hai outros factores: se tes unha cámara podes aproveitar o que o real che agasalla. Mais se queres facer ficción precisas un dispositivo máis complexo e caro. Por iso a especialización das mulleres no documental. É o mesmo que pasa coas pequenas cinematografías, como a galega”, indica.

Susana Maceiras relaciona tamén, coma Ledo, a presenza de mulleres na produción co rol da muller tradicional galega. “É que aquí fomos sempre as mulleres as que organizabamos, as que nos encargabamos da economía doméstica. Somos un país matriarcal. E ese pode ser un factor”. Porén, é quen de relativizar, coma Mamen Quintas ou Manane Rodríguez. “Eu son a que busca o financiamento, son as responsable do produto. Non desmerezo, en absoluto, o traballo das outras. Pero as que temos dedicación absoluta a isto non somos tantas. Unha cousa é ser produtora e outra produtora executiva. Ademais, moitas de nós estamos vinculadas a un home: a empresa é dos dous”, sinala. Berta Ojea amósase clara, nese sentido: “Elas poden ser produtoras executivas, directoras de produción, pero quen manexa o diñeiro, ao final, son os homes, nas grandes produtoras. Porque unha cousa é organizar e outra decidir”, asevera.

Mais, desde outra perspectiva, Ledo subliña que “tamén teñen que deixar de cualificarnos polo que non temos, polo que as mulleres non adoitamos facer. E ver como construímos a nosa propia escrita, a nosa forma de expresión. Porque seguramente as obras máis sobresaíntes que temos, como o ‘Tralas Luces’ de Sandra Sánchez, son un tipo de cinema de experiencia marabilloso, cuns valores como filmar o traballo, a nós propias… , que son un agasallo que lle fixemos a outras persoas e que moitas veces non se recoñece. Porque foi o cinema feminista o que incorporou ese acento na biografía, no espazo de proximidade… Ese cinema do eu, con raíces tamén nas vangardas, que o movemento feminista cultivou de modo sistemático, dando orixe a novas linguaxes”.

Sen tentar xeneralizar, xa que moitas mulleres tamén queren facer ficción, pódese engadir a opinión da produtora e directora Mara Gutiérrez que, en confluencia con Ledo, afirma, contundente: “Eu non faría ficción aínda que tivese os recursos. Porque o que me preocupa é a realidade. Os problemas do día a día. E a min, persoalmente, pareceríame unha parvada gastar un monte de diñeiro nunha ficción. Ademais, o documental permíteche dar un punto de vista moi persoal”.

A directora e montadora citada por Ledo, Sandra Sánchez, pensa doutro xeito. “É verdade que as mulleres adoitamos estar en producións pequenas, de pouco orzamento. Por moito que mostremos que temos unha mirada propia, que somos quen de dirixir… non nos escollen. Eu creo que é algo que funciona mesmo a nivel inconsciente. Dun home xa se supón que vai ter capacidade para dirixir un equipo, asumir riscos… Ademais, os referentes, os modelos, son homes. Da mesma maneira, enténdese que un filme protagonizado por homes é universal, mentres que se está protagonizado por mulleres xa funcionan estereotipos como ‘cinema de mulleres’ ou filme que reflicte o ‘universo feminino’. Iso moléstame moito”, indica.

En calquera caso, se se olla á nómina de autoras de curtas e documental, as contas saen doutro xeito e a presenza de directoras parece maior. Nun artigo publicado no número 82 da Revista Galega de Teatro, Mariana Carballal lembra directoras de curtametraxes e novos formatos coma Sonia Méndez, Adriana Páramo, Eva Quintas,Virginia Curiá, Angeles Huerta, Mirian e Sonia Albert Sobrino, Peque Varela,Belén Sousa, Iria Ares, Sabela Pernas, Sol Álvarez, Sandra Rey, Sara Moldes, Rosana Filgueiras, Estela Pan,Gael Herrera, Olga Osorio ou Margherita Morello. “Nunha primeira ollada, observamos que o número de mulleres directoras de curtas e novos formatos é moito máis extenso”, comenta.

Mais, -apunta neste mesmo texto-, as mulleres téñeno máis difícil para desenvolver os seus proxectos. “Teriamos que preguntarlle ás persoas e institucións que posibilitan e consenten esta situación, analizando ao tempo a quen ocupa os postos de decisión. Os mesmos con distintas caras, outras idades, pero os mesmos en canto a un xeito de ver o mundo. Unha oligarquía de poder “machista”. A elas, ás mulleres, esixiranlle unha mellor formación, carreira profesional, demostrar unha e outra vez que valen”. Alén diso, “tamén se sumará a incerteza sobre os seus proxectos, pois sempre atoparán neles “excesivos contidos feministas” e falarán do feminino cun desprezo decimonónico”.

Malia que “nos estudos de Comunicación Audiovisual na nosa Comunidade as mulleres son o aproximadamente o 70%, conseguindo ademais mellores cualificacións. Neste contexto non se pode argumentar que as mulleres teñen menos ou peor formación. Polo tanto debemos buscar e analizar outras causas que permiten esta situación. Está claro que existe un exercicio sistemático de exclusión. Espazos de poder e decisión onde os homes seguen sendo maioría. Espazos económicos, financeiros, de xestión. E parámetros de decisión que responden a unha forma de ver o mundo que invisibiliza as mulleres”.

Por outra banda, -segue Carballal, “convén tamén analizar o porqué as mulleres aceptan o “teito de cristal. Esa barreira invisible á que se ven expostas as mulleres e que lles impide alcanzar os niveis máis altos independentemente dos seus méritos e logros. Porque aceptan que a súa capacitación está máis relacionada cos traballos de produción ( consecución de obxectivos, distribución de recursos, diñeiro, etc), con labores “femininas”(perruquería, maquillaxe ou vestiario) ou axudantías de dirección, produción, etc, que coa dirección”.

É interesante, por outra banda, a visión das poucas mulleres que traballan nos oficios tradicionalmente considerados masculinos. E que coinciden na percepción de que, nas escolas de imaxe e son, non hai diferenzas substanciais entre homes e mulleres en canto a escolla de especialidade. “Hai bastantes mulleres axudantes de cámara, pero poucas cámaras”, sostén Noemí Chantada. “Agora somos máis. Pero non hai cámaras de 40 anos e de máis. Supoño que porque antes non se estudaba para isto. Cámara, son, eléctricos… son traballos físicos. Pero eu nunca pedín papas por non poder co material. É maña, máis que forza”, matiza.

Iria Otero traballou de microfonista. “Eu nunca me sentín discriminada. Aínda que é verdade que, cando empezas, sempre te cuestionan máis se es muller. Se é un home, dan por feito que vai ser quen de facer o traballo. Se es muller, ás veces non”, comenta. “Eu creo que é unha cuestión educacional. Hai xente que pensa que descargar camións e tirar cabos é cousa de homes. E claro que tes que estar en forma, pero tamén os homes”, engade Cristina Morquillas. Lucía C. Pan é directora de fotografía. “Hai auxiliares e axudantes e son cada vez máis. Pero directoras de fotografía, case ningunha. E pasa nisto como en moitas outras profesións. A sociedade é así. Non só o audiovisual. Supoño que un factor é que as mulleres atenden a outras cousas: a familia, a maternidade, e teñen que sacrificar unha cousa pola outra e demostrar máis que valen para ser igual de consideradas”, afirma.

 

A influencia nos contidos

Alén da igualdade de dereitos, outro debate é se a presenza de mulleres na cúpula da pirámide, ou polo menos nos oficios creativos, ten un efecto no tipo de contidos que o sector ofrece. A Asociación Galega de Guionistas conta con 94 socios, dos cales 30 son mulleres. Unha delas é Araceli Gonda. “Está claro que os guionistas temos unha responsabilidade. Eu tento que as mulleres sexan protagonistas. E tampouco me gusta que sexa ao revés, que se presente os homes como os parvos e as mulleres como as listas. Creo que do que se trata é de que aparezan nos guións as mulleres normais, que non son perfectas, que tamén se enganan… De todas maneiras, creo que a situación está cambiando. Nas series de televisión cada vez hai máis mulleres protagonistas”, di.

Marta Piñeiro foi e é directora dalgunhas das máis coñecidas series da TVG. Na súa opinión, é “evidente” que a “falta de mulleres en postos de dirección, guión, produción, afecta a como se contan as historias”. Así, é necesario, di, que existan “máis obras escritas, producidas e dirixidas por mulleres ou con puntos de vista femininos. Historias con mulleres protagonistas que conten realidades”, pois “hai que romper coa imaxe machista, pasiva e estereotipada das mulleres”. Ao seu ver, as series galegas, en xeral, “aínda non deron o paso” cara á construción de “personaxes femininas ricas, que ademais deberían poder ser, por exemplo, protagonistas de máis de 50 anos. E non serve a escusa de que non vai ser crible a serie se mostra, por exemplo, mulleres profesionais en postos directivos. Porque o público galego é intelixente e a responsabilidade do audiovisual é axudar a cambiar a sociedade”.

Pilar Aguilar realizou para o libro ‘Cine y género en España’ un estudo de análise de contido das películas máis taquilleiras de entre 2000 e 2006 que lle permitiu constatar importantes diferenzas por xénero. As películas dirixidas por homes outorgan o protagonismo a homes nun 80% dos casos e tenden a mostrar as mulleres como seres pasivos, que non teñen vida ao marxe da súa relación co varón e que non se comunican con outras mulleres. Pola contra, as mulleres directoras tenden a ter protagonistas do seu mesmo xénero, aínda que en menor proporción que os homes. E estes personaxes son, en xeral, personaxes femininos máis complexos, ricos e realistas. Esta mesma obra denuncia que no 25% das películas realizadas por homes aparecen parellas que viven unha situación degradante mostrada con humor ou que é asumida polos personaxes. Ademais, no 28,5% de filmes analizados aparecen personaxes femininos que sofren violencia física, psicolóxica ou sexual tratada de xeito compracente ou superficial.

As conclusións de Aguilar concordan cos resultados do primeiro estudo mundial sobre personaxes femininas, encargado polo Instituto Geena Davis sobre Xénero nos Medios, co apoio de ONU Mulleres e da Fundación Rockefeller e dirixido pola doutora Stacy L. Smith na Escola de Comunicación e Periodismo Annenberg da Universidade do Sur de California. Presentada no 2014, a investigación revelou que menos da terceira parte dos personaxes con liñas de diálogo nas películas son mulleres, que as películas cunha directora ou unha guionista teñen un número significativamente máis alto de nenas e mulleres en pantalla; que as mozas e mulleres teñen o dobre de posibilidades de apareceren hipersexualizadas ou que as personaxes femininas unicamente constitúen o 22,5 por cento da forza laboral representada nos filmes. Segundo este estudo, as mulleres supoñen o 7 por cento dos directores, o 19,7 por cento dos guionistas e o 22,7 por cento dos produtores.

O test de Bechdel calibra o grao de representación das mulleres no cine. Os requisitos para pasalo son que haxa polo menos dúas personaxes femininas, que estas falen entre si e que a conversa non trate sobre homes. E o cinema español suspéndeo, xa que segundo os datos de CIMA só o 28% dos personaxes que falan nel son femininos, mentres que a porcentaxe de protagonistas mulleres non pasa do 36%.

Mais isto non é sorprendente tendo en conta que, tal como salienta a actriz Mónica Camaño, o cinema é un “reflexo” dunha sociedade que “perpetúa a distribución patriarcal do traballo”, pois “quen ten o capital é, normalmente, un home”, e aínda cando as mulleres son as donas do mesmo “podemos levar sorpresas”. Así, non se trata só, na súa opinión, de que guionistas ou directoras sexan mulleres, senón de que “teñan unha conciencia” para que as personaxes femininas non acaben sendo “mulleres floreiro a expensas dun home”. Nese sentido, convidou tamén as compañeiras, e a sociedade, a reflexionar sobre o feito de que “somos actrices, non modelos”, pois a cultura tamén crea e mantén “modelos que van contra nós, e dos que acabamos sendo cómplices”, xa que “algunhas mulleres séntense cómodas no rol de floreiro”.

Manane Rodríguez amósase, ao respecto, se cadra menos dura. “Eu non creo que sexa problema de aceptación por parte das actrices, porque non teñen onde escoller. A responsabilidade é dos estereotipos sociais, do machismo, das persoas que poñen o diñeiro. Dos produtores e dos executivos das cadeas de televisión que toman as decisións, que moitas veces teñen unha idea infantilizada do público. De todas maneiras, eu creo que a sociedade vai sendo máis consciente disto”. Susana Maceiras tamén opina que “as cousas van cambiando. Nas series de nova creación hai moitas protagonistas mulleres. A min, de feito, chéganme máis guións con protagonistas mulleres. E ademais, claro: todos os actores e actrices queren papeis de peso. As actrices queren ser protagonistas e non ter papeis secundarios, pero é que é o que queren todos os actores. E o bo é a pluralidade”.

 

A tiranía da estética

Sobre esa mesma tiranía da beleza reflexiona a tamén actriz Susana Dans. “É un círculo vicioso. As mulleres saben que, se queren entrar no mercado audiovisual, teñen que someterse a un canon estético determinado, que é o que vén de Hollywood. E é certo que pode haber mulleres que se prestan a que lles miren se lles queda ben o cu en cámara …”, di. “Para min é un problema cuantitativo e cualitativo. Ten que haber máis mulleres guionistas, por exemplo. E ademais, como actores, como actrices, temos que ter unha conciencia social. Non vivimos á marxe do que pase. Estamos obrigadas a comprometernos, a significarnos, porque somos comunicadoras, transmisoras de roles, de modelos. É unha responsabilidade que temos que exercer”, engade.

Na mesma liña, a actriz e vicepresidenta da Academia Galega do Audiovisual Tamara Canosa sinala que “non só é necesario que haxa máis mulleres. É que haxa mulleres, e homes, que sexan feministas, na dirección e no guión, para evitar os papeis estereotipados e cousificados”. En canto á tiranía estética, opina que “é cada vez máis sangrante. As mulleres teñen que ser novas, guapas e delgadas. A min, que nunca pesei o suficiente para doar sangue, dixéronme unha vez nun casting que tiña ‘tripiña’. Tamén aos homes lles piden, cada vez máis, que estean musculados. Pero no cinema, nos festivais por exemplo, hai moito ollo sentenciador e xulgador, sobre todo para as mulleres”.

A vicepresidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Mabel Rivera, constata tamén que “no caso das mulleres, a esixencia física é un plus de presión, debido ao machismo. Mais o físico condiciona sempre, a homes e mulleres. As mulleres novas, formadas nas escolas, son moitas veces xulgadas pola súa aparencia. E coas mulleres maiores, o audiovisual, igual que a sociedade en xeral, xa non sabe nin que facer, porque xa non podes facer de muller ‘atractiva e sedutora’. E tes que escoitar cousas como que unha muller de 50 tamén pode ser ‘atractiva’. Pero, por que temos que ser atractivas? O que somos é mulleres activas, de 50, 60, ou os anos que sexan. De todas maneiras, para estar en plenitude de condicións, tes que estar ben fisicamente. Non por estética, senón para estar áxil, para poder moverte ben, controlar a respiración… Por profesionalidade”.

Marta Piñeiro, Giselle Llanio, Ana B. Diz, Carmela Fernández, Patricia Ferreira, Ángeles Huerta, Belén Montero, Sandra Montes, Estela Pan, Margherita Morello, Alejandra Pombo, Manane Rodríguez, Sandra Sánchez, Susana Sotelo, Mariana Carballal e Sonia Méndez son parte da Asociación de Directores e Realizadores de Galicia, na que as mulleres representan algo menos da cuarta parte do número de socios. Ao revisar a programación dos principais festivais de cinema do país saen máis nomes de directoras, como Jaione Camborda, Olalla Castro, Adriana Páramo, Olaia Sendón, Susana Rey, María Ruído, Diana Toucedo, Peque Varela, Cora Peña, Xisela Franco, Anxela Caramés, Helena Girón ou Carla Andrade, entre outras. En calquera caso, o desequilibrio no número de directores e directoras é moito maior que entre actores e actrices. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia ten poucos máis socios que socias: 132 fronte a 118. A Academia Galega do Audiovisual ten 191 socios e 90 socias.

“Hai teito de cristal para dirixir longas”, explica Sonia Méndez. “E non porque as mulleres non queiran contar historias ou non teñan historias que contar. Probablemente se houbese máis mulleres directoras as visións da muller no audiovisual serían menos estereotipadas, pero tampouco hai que estar sempre pendente de se somos homes ou mulleres. Unha muller pode contar historias de todo tipo e non creo que haxa que cargarnos coa responsabilidade de ter unha determinada conciencia. Non hai cine de mulleres. O que ocorre é que as mulleres son ninguneadas: non aparecen nin nos libros de historia. Mais a min gustaríame que non me entrevistasen só para preguntarme por mulleres e cine, e que non chamase a atención que no Carballo Interplay foramos un equipo de mulleres. Hai que normalizar”, conclúe.

A secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Susana López Abella, participou en Cangas nas XV Xornadas Mulleres en Acción, e lembrou que en Galicia hai unha tendencia decrecente na porcentaxe de mulleres que traballan no sector cultural entre o primeiro trimestre de 2010 e o terceiro de 2013. “En todas estas ocupacións, a porcentaxe de mulleres contratadas é inferior ao 50%, concretamente no caso das actrices é do 38,1% e no caso das directoras de cine e teatro a porcentaxe é do 36,6%”. O problema, desde logo, existe. Outra cuestión é se que quere velo ou poñer unha venda nos ollos.