A Wikipedia é un dos primeiros referente ao que acode moita xente para buscar información  sobre cineastas, actrices, películas e series de televisión. A súa versión en galego, a Galipedia, contén información de interese xeral no noso idioma, moita dela do ámbito internacional, pero loxicamente é a que ten mais datos sobre o cinema e a televisión feitos aquí: aquela que a súa comunidade decide, consulta e pode abordar. Falamos con Adrián Estévez, un dos membros máis activos da Galipedia, sobre o funcionamento e normas que rexen a información que atopamos na wiki sobre o audiovisual galego. E tamén sobre como podemos participar nela. 


Adrián Estévez. Foto: Gini10 / CC 4.0

Como se conxuga a existencia de contido global con contido local? Cal é a prioridade para a comunidade?

As edicións de cada persoa responden aos intereses particulares. A comunidade pode establecer uns criterios ou obxectivos, pero dado que as colaboracións son feitas de forma voluntaria, cada persoa é soberana para decidir sobre que quere editar. Tanto no audiovisual coma noutras artes (literatura, música…) ou campos de coñecemento (xeografía, bioloxía…) búscase que a enciclopedia teña uns contidos universais. Non obstante, somos conscientes de que é consultada para buscar material relacionado con Galicia, polo que se procura facer fincapé nese aspecto. Por exemplo, nun artigo sobre un western estadounidense búscase se foi dobrada ao galego.

Cantos editores ten a Galipedia na actualidade?

Houbo 60 persoas que nos pasados 30 días fixeron polo menos dez edicións. Delas, 28 fixeron máis de 100 edicións, que máis ou menos editan todos os días. 

Sábese canta xente hai creando ou editando contidos sobre o audiovisual galego?

O usuario Breogan2008 (cada persoa pode escoller o seu nick ou alcume para editar) é quen achega máis contidos ao respecto, de forma continuada. Despois outras persoas editan de forma máis puntual se ven unha serie, unha curtametraxe. Xente interesada na literatura pode facer o artigo dun filme se está baseado nunha novela, persoas interesadas nas artes escénicas poden facer o artigo dun actor de audiovisuais se é que participa nunha montaxe, por exemplo. Tamén xente interesada no feminismo edita en artigos sobre personalidades ou obras, ou persoas que editan sobre música galega poden facer sobre un director dun videoclip.

Organízase dalgunha maneira este traballo ou faise segundo o que lle apetece a cadaquén?

Polo xeral cada persoa escolle sobre o que edita. Como máis ou menos sabemos cales son os intereses particulares das persoas que editamos habitualmente, moitas veces pedímonos axuda. Por exemplo, a raíz do artigo do grupo musical pontevedrés Cuchillo de Fuego, creouse o artigo sobre Wakaliwood, industria cinematográfica desenvolvida en Uganda.

Tedes acceso ás estatísticas de consumo? Canta xente consulta os artigos do audiovisual na Galipedia? Cales son as voces máis buscadas?

As estatísticas de visitas poden ser consultadas por calquera persoa, accedendo desde o historial de cada artigo. En ocasións vense picos de procuras: por exemplo, o artigo de Serramoura é máis consultado os luns, e o de Xosé Manuel Piñeiro os sábados. Neste caso concreto foi moi curioso ver que, cando anunciou que deixaba a televisión durante un tempo por motivos de saúde, as visitas multiplicáronse de forma exponencial.

O audiovisual é un sector moi dinámico que xera nova información todo o tempo. Como facedes para actualizar as filmografías de actores ou cineastas?

Polo xeral, ao crear un artigo sobre un novo filme actualízanse os artigos das persoas que traballaron nel. En ocasións os artigos quedan desactualizados, pero desde eles pódese acceder a páxinas de control de autoridades (IMDb, por exemplo) que adoitan estar bastante completos.

Para as mortes sempre estades máis espabilados, non si?

Pois si. Ese é outro caso en que hai picos de visita. É importante agardar a que estean confirmadas, claro (houbo falsas alarmas que tiveron moita repercusión). 

Hai moita xente (do audiovisual, enténdese) que edita a súa propia entrada na Galipedia? Como controlades iso? Como se actúa nese casos?

Hai persoas que queren inflar o artigo propio como se fose un currículo, obviando que debe ter unha redacción enciclopédica. Pola contra, houbo algún caso curioso, como unha persoa que non quería que na Wikipedia aparecese o seu ano de nacemento ou outra que non quería que o seu pseudónimo se relacionase co seu nome real. Mais a Wikipedia non é fonte primaria, e como esa información está presente noutros lugares que se usan como referencia, debe manterse.

Que lle recomendades a alguén que queira que a súa obra ou o seu perfil estean na Galipedia?

Eu, persoalmente, recomendo modestia. Se a túa obra ou o teu perfil aínda non ten artigo na Wikipedia, pois mira, pode ser que sexa unha carencia importante, non che digo que non, pero igual é que non tes demasiada relevancia enciclopédica e que aínda ninguén se interesou en crear o artigo. Pero en xeral somos bastante inclusivistas. Se unha persoa aparece en IMDb ou AVG, pois avante, mais se ten unha conta en YouTube… pois igual non.

Hai un tempo a Academia fixera unha especie editatón, pero veu pouca xente, non tivemos moito tempo traballar xuntos e, como adoita acontecer, ao chegar á casa ninguén fixo os deberes. De que maneiras se pode involucrar a comunidade ou o sector do audiovisual na produción de contidos para Galipedia?

A miña recomendación é comezar a editar segundo os gustos particulares, pero procurando evitar editar sobre os proxectos nos que a xente estea implicada para evitar dar visións subxectivas ou nesgadas (o cal é imposible facer en calquera artigo, pero é importante evitar o conflito de intereses e o autobombo). Hai moitos filmes, premios e certames, correntes ou personalidades que aínda non teñen artigo, que están desactualizados ou que se poderían mellorar. Tamén se pode colaborar subindo imaxes, pois é moi útil que os artigos estean acompañados de fotografías.

O funcionamento da Galipedia é moi transparente, está aberto a que calquera poida ver as tripas e as conversas da comunidade sobre os procesos de edición. Mais a ferramenta wiki non é de todo manexable, sobre todo nesta época na que somos moi torpes para interfaces que non sexan as das redes sociais… Cres que hai unha barreira de usabilidade que impide que se acheguen máis colaboradoras e colaboradores?

Desde hai uns anos funciona o editor visual, que resulta máis intuitiva, ao parecerse a calquera procesador de texto que manexemos. Xa non é necesario editar en código. Este cambio realizouse precisamente de cara a evitar esa barreira, que quizais podía botar atrás algunhas persoas á hora de editar.

A Academia está a traballar nunha base de datos de obras e creadores do audiovisual galego. Podería ser unha fonte para os editores da Wikipedia? Como habería que xestionar iso?

Sería moi útil. Xa se está a usar a base de datos da AELG, e podería facerse algo similar sen moita dificultade, que podería servir de control de autoridade e como base para ampliar, mellorar e actualizar os artigos.

A entrada da Historia do cine en Galicia remata arredor do 1990, cando curiosamente arranca o cinema en Galicia para moita xente. Como facemos para continuar con esa historia entre os 90 e a actualidade? Algún consello práctico de metodoloxía por se alguén que nos lea se quere poñer co choio?

Quizais o maior problema respecto aos fenómenos emerxentes, en todos os campos, é a falta de bibliografía. Na Wikipedia é moi importante que a información incluída estea referenciada en publicacións existentes (a Wikipedia non é fonte primaria). Non obstante, seguro que hai xente que coñece libros, artigos, reportaxes ou teses que sirvan para actualizar o artigo da historia do cinema galego.