Outras estreas: innovación e variedade fóra da ficción
A ficción seriada e as longametraxes (a miúdo, xogando nos límites da ficción) non son, nin moito menos, o único ámbito que dá motivos de orgullo ao audiovisual galego ultimamente.
Por exemplo, o ámbito das artes visuais e a experimentación trouxo novas tan destacadas como a recente selección dunha peza de Juan Lesta como clip para Roger e Brian Eno no proxecto Mixing Colours, e casos como este obrigan a prestar atención ao traballo do sector en espazos creativos fóra da ficción, nos que en ocasións aparecen obras que innovan na mestura entre medios, ou que nos achegan desde a divulgación ou o activismo a realidades pouco tratadas.
Nese contexto, un proxecto que xa ten levantado expectativas é Crías, un documental que recolle o autorelato da infancia e da adolescencia contada a través de diarios recollidos pola directora, Xiana do Teixeiro (Tódalas mulleres que coñezo), cuestionando así todas as outras narracións sobre a experiencia xuvenil femenina. Segundo palabras de Teixeiro no FIDBA de Buenos Aires (onde Crías levou un premio a filmes en desenvolvemento), a película está en produción e conta con estrearse para o ano que vén. Polo de agora, o proceso de traballo en colaboración con Carla Calleja no chamado Proyecto D xa deu pé ás exposicións Cultura de Dormitorio. Narraciones de Adolescencia Femenina en La Capella (Barcelona) e Yo vs. yo: Autorretrato adolescente no Matadero Madrid.
Os vínculos coa literatura (se ben neste caso non se trata de literatura privada) aparecen tamén en Os días calados do Señor Stevens, de César Souto (co-director de Os días afogados), ao que lle queda por rodar unha última parte en Estados Unidos. Este documental achéganos aos espazos e á poesía que habitou Wallace Stevens, premio Pulitzer de Literatura en 1955. Desde Matriuska Producciones agardan que poida verse rematado no 2021, continuando así a traxectoria na non ficción da produtora, que remataron este 2020 coa chegada a salas de A media voz, unha correspondencia audiovisual entre Patricia Pérez e Heidi Hassan premiada previamente en festivais como o de Málaga, o de La Habana ou o IDFA de Amsterdam.
Outra colaboración entre cineastas que chegará en 2021 é Negro púrpura, un documental de Illa Bufarda dirixido por Sabela Iglesias e Adriana Villanueva. Neste filme, que contará coa música orixinal do theremin de Paulo Pascual, investígase arredor da historia dun fungo que nace no centeo e outros cereais, e que tivo moita importancia en Galicia na primeira metade do século XX. Próxima a rematarse está tamén a longametraxe Puerto deseado, de Diana Toucedo. A directora fará parte deste documental dun xeito directo, ao embarcarse na última viaxe de traballo do seu pai, capitán dun barco pesqueiro que navega ata as augas do Atlántico sur arxentino. No proceso, que complementa un achegamento previo na curtametraxe Imágenes secretas, intenta atopar a ese home de mar que foi case sempre unha figura ausente. Toucedo tamén participa como produtora noutro proxecto: o documental O auto das ánimas, dirixido e guionizado por Pablo Lago, no que se vinculan os rituais de elaboración da augardente cun reencontro co pasado.
Tamén a produtora OlloVivo trae novidades por partida dobre para o 2021. Na primeira metade chegará Beiras: Vivir2Veces, un percorrido pola realidade actual e a historia recente a través da mirada e as reflexións de Xosé Manuel Beiras, co-dirixido por Gaspar Broullón, Pepe Coira e Jorge Coira. A maiores deste proxecto co político e intelectual galego, teñen rematada e pendente de estrea Crónicas do paraíso, a adaptación dunha peza da compañía Sarabela para a Televisión de Galicia, que prolonga o vínculo de OlloVivo co teatro despois da colaboración con Chévere en Eroski Paraíso. Para o ano que vén tamén se agarda A virxe roxa, de Marcos Nine e Recrea Films, na que se afonda no caso de Hildegart Rodríguez: esta intelectual, unha das máis destacadas nos principios do feminismo durante a Segunda República, foi asasinada mentres durmía pola súa nai en 1933. A maiores, están en proceso El tiempo del fuego, dirixida por Alexandre Cancelo (co-autor de 7 Limbos xunto a Berio Molina) e producida por Madre Films, ou Alén mar, de Andrés Sanjurjo (auxiliar de dirección en O que arde), que se atopa na fase final de montaxe. Na primeira, nárrase o acontecido na embaixada de España en Guatemala en 1980, cando un grupo de campesiños a ocuparon para chamar a atención sobre o xenocidio que estaban a sufrir. A segunda, debut de Sanjurjo na longa, é un diario de viaxe que amosa a relación dunha parella co mundo e reflexiona sobre a ausencia dunha irmá.
Ademais destas obras, no ámbito do documental hai unha serie de títulos que se deixaron ver como estreas nalgúns festivais no final deste 2020, como Nación de Muchachos: utopía o muerte, A poeta analfabeta, Augas abisais ou Os corpos. O primeiro, debut no documental de Javi Camino, presentouse en outubro no Festival de Cine de Ourense, e nel reconstrúese a historia do Circo dos Muchachos e da cidade de Benposta. Produce Vizuals Lab. Por Cineuropa pasou A poeta analfabeta,de Sonia Méndez (Cósmica Producións), que nos achega á figura dunha muller fascinante como é a poeta e activista Luz Fandiño. No caso da curtametraxe Augas abisais, Xacio Baño parte dunhas cartas atopadas para reconstruír a vida dun tío bisavó que foi obrigado a ir á Guerra Civil Española con só 17 anos. Logo de estrearse no Sheffield Doc/Fest, puido verse no FICX de Xixón, igual que Os corpos, de Eloy Domínguez Serén (Fílmika Galaica), que pasou tamén polo IDFA de Amsterdam neste mes de decembro. Neste caso, o cineasta achéganos á crueza do entroido ourensán e ás figuras dos felos e peliqueiros e tradicións como a farrapada. De Eloy Domínguez agárdase tamén a estrea en 2021 da súa curta Rompente (Zeitun Films), neste caso unha ficción que rodaba este outono na Costa da Morte e na que reflexionará sobre a paternidade primeiriza dun mariñeiro, a construcción social da masculinidade, a precariedade laboral e as responsabilidades e as obrigacións que trae a vida adulta.
Tamén remataba este ano, neste caso no verán, a rodaxe de Welcome to ma maison, que tamén sufriu as dificultades da pandemia. Esta película de Gaitafilmes, que ademais é a primeira experiencia de Andrés Goteira (Dhogs) co xénero documental, inclúe partes ficcionadas para contarnos a historia de Igor Fernández, un actor que tras un colapso emocional deixa a interpretación para investigar sobre a cinematografía e, en concreto, sobre a linguaxe non verbal das mans na filmografía do director danés Nicolas Winding Refn. Neste punto está xa rematada a montaxe, con previsión de estrearse en 2021. Un pouco máis avanzado, na fase de posprodución, está Alén da terra (Off the Earth), de Ruth Chao. Este proxecto de Somadrome, produtora afincada en Oroso especializada no documental científico e tecnolóxico, fala sobre as actividades industriais e comerciais que se están comezando a xerar arredor do espazo, fóra da Terra. O filme, coproducido pola TVG e a canle alemá Welt, ten previsto estar finalizado a finais de ano.