Benvida da directiva
Queridxs compañeirxs,
Un ano máis presentamos o anuario da Academia Galega do Audiovisual. E un ano máis presentámolo non só aos académicos e académicas, presentámolo tamén ao conxunto da cidadanía. Un ano máis, os contidos deste anuario van estar na nosa web a disposición de todas as persoas que os queiran consultar: profesionais do audiovisual e da cultura galegas, especialistas, estudantes, afeccionados ou xs nosxs espectadores.
O argumento central deste ano é a situación laboral dxs traballadorxs do noso audiovisual. Varixs profesionais van contar a súa experiencia. Sabemos que estamos inmersos nunha crise económica global. Unha crise que fixo que as condicións laborais dxs traballadores de calquera sector económico se deteriorasen. Por suposto o audiovisual galego non é alleo a esa crise. Sempre se di, por características do noso sector, que somos xs primeiros en vernos afectadxs pola crise e xs últimxs en saír dela.Vexamos como afectou ao noso traballo esa crise, como a afrontaron diferentes compañeiros e compañeiras. Vexamos se somos quen de abrir un necesario debate. Vexamos se somos quen de aportar algunha solución.
Como novidade, este ano os contidos do noso anuario son maioritariamente audiovisuais. Contamos con varias reportaxes, entrevistas gravadas a diferentes profesionais que contan a súa experiencia.
Esperamos que este novo formato sexa do voso agrado. E o máis importante, agardamos que o que alí sae reflectido contribúa a facer un audiovisual galego mellor, máis xusto e que o que conten xs diferentes compañeirxs axude a unha necesaria reflexión.
E un ano máis dedicamos parte do noso anuario a un compositor de bandas sonoras galego. Este ano temos a honra de presentar unha selección de obras do compositor Manu Riveiro. Das súas mans e o seu maxín xurdiron pezas tales coma as creadas para O descoñecido, Padre Casares ou Hospital Real.
Xunto ao anuario, hai uns días presentamos na nosa web o catálogo de festivais e mostras de cine e audiovisual de Galicia. Tamén os premios de investigación que levan o nome da pioneira María Luz Morales, unha figura que debe ser reivindicada unha e outra vez. Ademais, estamos a traballar arreo na elaboración dun catálogo coa totalidade das obras audiovisuais creadas en Galicia, que agardamos poida ver a luz o vindeiro ano. Isto non é todo: hai uns meses presentamos a primeira edición das Semanas da Música do Audiovisual, a primeira do que estamos seguros vai ser un referente en todo o Estado sobre músicas no audiovisual.
Estamos moi orgullosxs de que a Academia sexa unha das impulsoras do “Observatorio de Igualdade das Artes Escénicas e do Audiovisual” que nace con tres obxectivos fundacionais: Implicar a todas as asociacións profesionais galegas do sector na implantación de estratexias de igualdade; analizar e avaliar de forma profunda a situación socio-laboral das mulleres nas artes escénicas e o audiovisual e fomentar a igualdade mediante propostas concretas dirixidas a entidades públicas e privadas. Cremos que accións como ésta son fundamentais na nosa Academia. Tanto é así, que cremos que a Academia naceu para cumprir este tipo de funcións. Xunto a todo isto fixemos unha serie de master class, debates e moitas máis actividades.
Todas estas accións e outras que agardamos poder facer no futuro, son posibles só grazas ao voso constante apoio. As vosas opinións, os vosos comentarios, tamén as vosas críticas son indispensables, fundamentais, necesarias para conseguir unha Academia máis participativa, unha Academia de todas, unha Academia mellor.
Agardamos que este anuario sexa do voso interese. Agardamos que sexa do interese da cidadanía, do noso público. Agardamos, por riba de todo, que sexa de utilidade.
Vento nas velas, compañeiros e compañeiras.
EDITA:Academia Galega do AudiovisualPraza Pintor Sotomayor nº 1, 2º15001 A CoruñaTel: 981 227 701 / 981 208 393
COORDINACIÓN EDITORIAL:Camilo Franco e Ana M. López
AGRADECEMENTOSConcello de Santiago polo uso do Centro Sociocultural da CaramoniñaCentro Galego de Arte Contemporánea
Os autores dos artigos e vídeos desta edición expresan libremente os seus puntos de vista, que non son necesariamente compartidos polo conxunto da Academia. Esta acolle no seu seo unha pluralidade de opinións.