Proxectos de documental: miradas arredor do social

O terreo do documental e a non ficción, que vén sendo fértil no audiovisual galego nos últimos anos, acolle de cara ao ano que vén un bo número de filmes en produción, de temáticas e enfoques ben variados.


Algúns deles teñen en común, como é inevitable, o ter visto os seus plans alterados por mor das dificultades derivadas da situación sanitaria. É o caso de Onde máis doe de Manane Rodríguez, cuxa rodaxe foi retrasada a marzo do próximo ano. Este documental de Xamalú Filmes (que ten tamén en desenvolvemento unha longa de ficción de Rodríguez, Las esclavas de la casa Salvañach) recolle unha historia dura de violencia de xénero: o caso dun home que, despois de ameazar durante anos a súa ex-parella, asasina ao fillo en común co único fin de facer dano e castigar a nai.

A covid tamén retrasou a primeira toma de contacto e o inicio dos plans de rodaxe en São Paulo (Brasil) de Dúas vellas, sete gatos e tres máquinas de coser, de Marta Pérez Pereiro. Agallas Films está a cargo da produción deste filme, que contará a historia de Cris e a súa nai, as Cabana, que dende 1990 cosen e venden no seu taller familiar roupa de deseño para transexuais. Entre os outros proxectos da mesma empresa destaca A Cero.5, de Gonzalo Suárez, un filme que recolle a vida do director, quen despois do accidente que o deixou parapléxico comezou a gravar o proceso vital que o levou a xogar ao baloncesto profesional. Este documental está en última fase de edición e conta con estrearse en 2021, coa produtora deseñando unha estratexia de distribución que podería conectar coa celebración dos Xogos Paralímpicos no verán.

Agallas Films conta con outro proxecto en desenvolvemento, María Casares, a muller que viviu mil vidas, que dirixirá Xavier Villaverde. Tamén Social Docs prepara un filme centrado na vida dunha persoa galega, Fighting Barriers. Este documental de Domingo D. Docampo aborda a figura de Tomás Fábregas, un activista coruñés que loitou contra a SIDA nos Estados Unidos ata a súa morte por esta enfermidade en 1994. As primeiras imaxes do filme puideron verse no Corufest, e o aval dos festivais (se ben no outro lado do Atlántico) tamén o ten Somadrome para Behind Lucy, proxecto que xa está respaldado polo premio do Sunny Side of the Doc, un dos mercados do xénero máis importantes do mundo, e o MIPDoc Project Pitch. Este documental seguirá a catro membros do equipo científico da misión Lucy da NASA, que estudará os asteroides troianos de Xúpiter.

A maiores dos seus proxectos de ficción, Sétima Media ten en desenvolvemento o documental Patarinos, de Zeltia Outeiriño, unha coprodución coa compañía catalá Ringo Media. Esta película nace do persoal punto de vista da súa directora, que sofre un desencanto vital que a fai regresar á súa terra, Galicia. Alí, rebusca na memoria do seu tío Antonio Outeiriño, un artesán téxtil gai de Ourense que viviu intensamente nos 80 e con quen ela se identifica polos seus valores e a súa disidencia, a través del conectará de novo con ela mesma e coa súa familia. Zeitun Films tamén complementa o traballo en ficcións como Rompente coa rodaxe de Montaña ou Morte, de Pela del Álamo, que xa foi noticia en maio por conseguir rexistrar por primeira vez un oso pardo no Macizo Central ourensán e podería entrar en gravación a finais do 2021.

Toda esta produción fóra da ficción suma este ano unha chea de proxectos vinculados ao trasmedia e ao Fondo de Proxectos Culturais do Xacobeo 2021. Relacionados coa música teremos o proxecto interdisciplinario Un día espectacular do grupo Familia Caamagno (Tremendo Audiovisual), que combinará un documental ficcionado, un concerto e un videoclip. Tamén desde a música, MJ Pérez gravará o videopoema “Baixar á terra”, partindo dunha peza lírica creada por Vicente Vázquez Vidal á que a cantautora lle dará vida musical e audiovisualmente. Pola súa banda, Daniel Pardo Moroño realizará a obra Emerxencia, onde mestura danza e espazos naturais do Camiño con música de Davide Salvado e Abe Rábade. Completa esta serie de iniciativas que vinculan música e imaxe Deza Music, que producirá unha versión e un videoclip do tema “Torres de Compostela”, encargada no seu momento para o Xacobeo 99, coa Orquesta Panorama.

Tamén de caracter transmedia, pero sen relación directa coa música, aparece nese fondo Todo é cárcere, un proxecto de Eloy Enciso sobre espazos de represión franquista en Galicia que entendemos que prolonga a súa investigación para Longa noite. Na parte de proxectos puramente audiovisuais, xa publicados, que obtaron a estas axudas, temos a curta de ficción As ondas, de Ángel Filgueira (Sétima Media), a curta documental Encarnados, de Tono Arias, ou a mediometraxe Un flâneur en Compostela, de Maruxiña Film Company, que segue a Alfonso Zarauza pola súa cidade e reforza a atención mediática que xa está a recibir arredor da estrea de Ons.