Proxectos de series: os ‘thrillers’ e os ‘biopics’ dominan

Os proxectos máis destacados para televisión e plataformas que planifican a súa rodaxe en 2021 parecen ter como tendencias dominantes a investigación criminal e a reconstrución das vidas de personaxes clave na historia de Galicia. 


Na primeira liña, Portocabo (Hierro, Luci, Vidago Palace) prepara para este 2021 a gravación da segunda tempada de Auga seca, despois de que en marzo de 2020 HBO adquirise para o seu catálogo a primeira parte deste thriller policiaco, converténdose así na primeira serie en lingua galega en incorporarse á plataforma dixital. Esta continuación de Auga seca estará dirixida por Toño López (Matalobos) e protagonizada por Victória Guerra, Monti Castiñeiras e Sergio Pazos. Esta produción, que continúa a colaboración da compañía portuguesa SP-i coas empresas do audiovisual galego, poderase ver como en anteriores ocasións na Televisión de Galicia e na canle portuguesa RTP

Pola súa banda, Bambú Producciones (Fariña, Velvet, Las chicas del cable) tamén se achega ao thriller e atópase en plena rodaxe de Un asunto privado, un proxecto creado por Teresa Fernández-Valdés, Ramón Campos e Gema R. Neira e dirixido por David Pinillos e María Ripoll para Amazon Prime Video. A serie, que terá oito episodios, estará gravándose en diferentes partes de Galicia, co seu epicentro en Pontevedra, ata o mes de marzo de 2021. Esta ficción de época ía gravarse inicialmente entre Bilbao e Madrid, pero eses plans víronse trastocados pola covid. Un asunto privado sitúase na Galicia dos anos 40, onde unha moza de clase alta e con alma de detective (Aura Garrido) se propón cazar a un asasino en serie coa axuda do seu mordomo (Jean Reno). A trama mestura misterio, humor e acción e tamén contará coa interpretación galega de Carlos Villarino, Toño Casais, Nerea Portela, Adrián Ríos, Pablo Molinero ou Sara Sanz. A data de estrea, polo momento, descoñécese. Bambú Producciones tamén traballa en Jaguar, outra serie para Netflix con Blanca Suárez como protagonista.

Na liña do biopic, Ficción Producciones comezará a gravar na primeira metade do ano unha serie biográfica de oito episodios sobre Amancio Ortega, baseada no libro de Covadonga O’Shea Así é Amancio Ortega. O home que creou Zara. Este proxecto, que se atopa na fase final de preprodución, conta con guión de Ángeles González-Sinde xunto a Marisol Ferrer, Mercedes Cruz e Daniela Fejerman e vaise gravar en cidades como A Coruña, Barcelona, París, Nova York ou Lisboa. A serie estará dirixida por Norberto López-Amado para Amazon Prime Vídeo, continuando a relación de Ficción coa plataforma logo de 3caminos, e pasará polas diferentes etapas da vida de Ortega e o seu traballo en Inditex, achegando ao público a contextos como o da Coruña de posguerra ou os anos setenta.

Tamén Zenit Televisión prepara unha ficción sobre unha personaxe real, neste caso do  ámbito do xornalismo e a literatura. En Sofía Casanova, a obreira do pensamento, achegarémonos á figura desta muller cunha vida longa e insólita que levou a vivir en Moscova, Londres ou Polonia, a ser actriz no Teatro Español, escritora de poesía e novela (candidata ao Nobel en 1926) ou traballar como xornalista, recoñecida especialmente polas súas crónicas de guerra. Zaza Ceballos e a directora novel Noelia M. Muíño codirixen esta miniserie de dous capítulos, na que Isabel Naveira dará vida a Casanova.

Entre o resto de proxectos de series de ficción que teñen prevista a súa realización o ano que vén, CTV ten bastante avanzada Tres flores sen piedade, unha dramedia de oito capítulos, coproducida entre Galicia e Portugal, que conta co apoio de AGADIC. No ámbito da animación, a CRTVG anunciou a súa participación na serie Trokers, de A Fonsagrada Producións, e espérase tamén poder ver Cacola, a webserie de animación en 2D ideada por David Fidalgo Omil (Homomaquia), gañador do pitching de proxectos do Carballo Interplay 2020 con esta proposta de capítulos autoconclusivos de 30 segundos con ton de comedia absurda.