A deste ourensán do 92 é unha historia bastante clásica, a dun rapaz que quere ser actor e ten que cursar outra carreira (Publicidade en Pontevedra) para ter contenta a familia mentres fai teatro na universidade e prepara as probas para entrar na ESAD de Vigo. Unha vez que o consegue, fai o grao completo e agora busca a vida formándose e asistindo a castings en Madrid, onde sobrevive traballando nun bar de Malasaña. Máis tópico este relato é difícil, pero é o que lles acontece a moitas mozas e mozos da súa quinta que loitan pola súa vocación. A moitos deles, como a Santi, vémolos en episódicos das nosas series de televisión.

Santi Cuquejo atopou a vocación indo a clases de teatro con Tito Asorey e Melania Cruz no Grupo Tarumba da Universidade Laboral de Ourense, onde xa participaban súa irmá e súa tía. Foi en especial un comentario de Melania nunha clase o que o impulsou a querer ser actor (el ía para Belas Artes). E a día de hoxe aínda é o teatro o que máis lle tira, aínda que tamén se ve cada vez máis solto no audiovisual. O primeiro traballo que fixo para a cámara foi unha frase na película “El club de los incomprendidos”, de Carlos Sedes, para despois aparecer na serie “Luci”, e en “Serramoura”, onde era Bieito, o fillo de Toño (Víctor Duplá): «secuestráronme e foi unha das cousas máis divertidas e máis raras que fixen neste traballo». Logo veu “Fontealba”, e tamén unha obra de teatro que o marcou moito, “Lavar, marcar y enterrar” dirixida por Pedro Sancho.  

«Agora vivo en Madrid. Estiven na escola Centro del Actor, e neste momento ando a facer cursos mentres traballo de cociñeiro nun bar. Isto dáme para vivir e tamén me deixa tempo para ir a castings, teño audicións de publicidade todas as semanas», conta Santi, que ten claro que é o que quere facer nesta vida: «Son actor e vou ser actor creador. Teño un par de ideas que quero levar a cabo e sei que ainda non é o momento.»

Mentres se forma e madura esas ideas, gustaríalle seguir traballando no audiovisual e poder gañar cartos para invertir en facer outro tipo de creacións. De todos xeitos aínda non ten claro cal é o medio que máis lle gusta. Está disposto a aceptar todas a oportunidades que lle veñan, e a volver correndo a Galicia se o volven chamar para algunha serie ou película. «Marchar fóra está ben, ábreche a mente e as oportunidades, pero tamén necesito estar en Galicia, perto dos meus», lamenta.

Os ataques de morriña que lle dan lévaos mellor cando se xunta co grupo de amigos actores da súa xeración que están coma el buscando a vida en Madrid: «Temos un grupo de whatsapp da xente que estudamos xuntos na ESAD, están David Novas, Raquel Espada, Miguel Canalejo, Sila Sicilia… entre nós quedamos, facemos cousiñas, fotos, a veces creamos proxectos, que despois saen ou non, pero hai moitas ganas de emprender cousas xuntos.»

Nos plans de Santi máis próximos están a estrea dunha curta na que colaborou este verán en Madrid, «e hai un ano fixen un casting para unha pelicula, estou esperando a que acaben de conseguir o financiamento». É prudente á hora de falar dos proxectos que non dependen del, por iso fala moito do seus: «Quero escribir, estoulle dando voltas a varias ideas, teño un proxecto sobre a identidade, pero necesito e investigar moito e madurez para facelo. Tamén boto en falta ter máis respaldo para botar a andar un proxecto, en Madrid hai tanta xente facendo cousas que non sabes nin por onde empezar».

Interésalle tamén explorar as novas linguaxes, mesmo experimentar coa tecnoloxía: «Este verán gravei un anuncio en realidade virtual para o Ministerio do Interior, que me suxeriu moito potencial para este medio. Penso que se vai levar o de poder interactuar coa peza audiovisual nun futuro próximo, pero tamén falta que os espectadores se habitúen.»

Podemos seguilo no Instagram e na súa fanpage de Facebook, aínda que é bastante crítico con como están afectando as redes sociais co mundo da interpretación e dos castings entre xente nova: «á hora de conseguir traballo agora mesmo está a ser máis importante a cantidade de followers que teñas, ou o que fagas nas redes sociais, que a túa formación ou o teu talento como actor. Estámolo vivindo en Madrid de maneira dramática».

Onde se ve de aquí a dez anos? «Viaxando a onde sexa para traballar con Xavier Dolan, sería o meu soño». Non lle importaría tampouco estar nalgún filme de Wes Anderson, Gaspar Noé ou Alexandros Avranas, que son os directores que máis lle gustan ultimamente. Admira a carreira de Asier Etxeandía, de Javier Calvo e Javier Ambrossi (“La llamada”, “Paquita Salas”), ou da compañía de teatro A Panadaría, pero a súa maior admiración é para «Tito e Mela, os meus primeiros mentores nisto de actuar».